Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN421L
Axudas para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para instalar equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do cal se dará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.
Actuacións que se subvencionan.
1. Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas nos artigos 6 ou 7 e nos anexos I e II destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 24 desta Resolución.
Para os efectos destas bases, enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior. A merca de terreos e os traballos preparatorios, como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.
2. O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 5.000 euros por actuación (IVE non incluído).
3. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude incluirá un único proxecto técnico, que pode constar dunha soa actuación ou de varias actuacións homoxéneas executadas nunha mesma localización e que se valorarán de maneira conxunta. Considéranse actuacións homoxéneas aquelas que integren varios equipos da mesma tecnoloxía renovable/eficiente nunha mesma localización. As actuacións homoxéneas deberán ser cursadas nunha única solicitude por localización.
Considérase actuacións non homoxéneas e que, polo tanto, deben cursarse en solicitudes independentes a combinación de proxectos de distintas tecnoloxías.
4. As actuacións deberán cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación, así como contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que actuación o requira.
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídos no sector de produción agrícola primaria.
Para os efectos desta resolución, consideraranse sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases da 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas incluídas. Tamén serán subvencionables as actividades recollidas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009.
Para os efectos destas bases, defínese empresa conforme o recollido no artigo 1 do anexo I do Regulamento UE 651/2014.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na letra anterior.
Pola contra, non poden ser centros consumidores de enerxía nin as persoas particulares (comunidades de propietarios) nin as empresas recollidas no artigo 5 desta Resolución.
Contarase, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.
As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016 para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídas na Listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.
Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE, do 5 de abril, sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e para os efectos destas bases, entenderase por empresas de servizos enerxéticos aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no paragrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grao de risco económico ao facelo. Todo isto sempre que o pagamento dos servizos prestados se basee, xa sexa en parte ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.
O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións, incluída a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender, ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato, que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible ou estimable.
Para as solicitudes tramitadas baixo a modalidade de empresas de servizos enerxéticos terase en conta a actividade asimilable ao centro de traballo en que se instalen.
2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contraten a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no número 1 deste artigo poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última. Para isto xuntarán unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, e poderá dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Dirección Inega
Xerencia do Inega
Rúa Avelino Pousa Antelo, núm. 5, San Lázaro
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541500
Email: inega.info@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
26/02/2019 00:00 - 31/05/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará 10 días naturais despois daquel en que se publiquen as presentes bases no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, salvo que coincida en día inhábil, que se entenderá prorrogado ao primeiro días hábil seguinte, e concluirá o 31 de maio de 2019.
1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
3. As empresas en crise están excluídas, excepto cando se trate de réximes de axudas destinados a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.
Para os efectos de considerar unha empresa en crise, entenderase por procedementos de insolvencia, de acordo co disposto no Regulamento (UE) 2015/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de maio, sobre procedementos de insolvencia:
a) O Concurso de acredores.
b) O procedemento de homologación de acordos de refinanciamento.
c) O procedemento de acordos extraxudiciais de pago.
d) O procedemento de negociación pública para a consecución de acordos de refinanciamento colectivos, acordos de refinanciamento homologados e propostas anticipadas de convenios.
As empresas, ao cubrir o formulario de solicitude, declaran que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Unha vez presentada unha solicitude non se poderá modificar o proxecto ata que se dite a resolución de concesión.
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.
Os autónomos presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos dado que, por razón da súa capacidade económica, técnica, profesional ou dedicación profesional, teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.
Se algunha persoa interesada presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose presentada a emenda.
A publicación dos formularios da solicitude no DOG realízase unicamente para efectos informativos.
A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos, 5 MB por arquivo individual, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos.
Documentación complementaria da solicitude.
Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da documentación complementaria. Os documentos da solicitude deberán incluír unha parte administrativa e unha parte técnica que se describen a continuación:
Documentación administrativa que deben achegar todos os solicitantes:
a) Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.
b) Declaración responsable asinada polo representante legal do solicitante de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda.
c) Documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales se vai executar o proxecto, ou da dispoñibilidade destes durante un período mínimo de cinco anos que permita concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo.
Os documentos admitidos para acreditar a titularidade son: certificado do Rexistro da Propiedade, escritura pública de obra nova, escritura publica de compravenda, escritura pública de aceptación de herdanza, escritura pública de doazón e aceptación ou sentenza xudicial, segundo corresponda. Contrato de arrendamento ou de cesión de uso, xunto co documento que acredita a titularidade do arrendador ou cedente.
Non se admitirán como acreditación da titularidade recibos de impostos de bens inmobles ou certificacións do Catastro inmobiliario.
d) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe ter solicitado o solicitante. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 15.000 €, o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega, como mínimo, o contido de 3 ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que se debe achegar é o orixinal ou copia dixital do contido de cada unha das ofertas.
A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.
Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Neste suposto o beneficiario deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.
As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.
e) Cando o investimento sen IVE da actuación non sexa superior a 15.000 € o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.
f) Se non teñen o domicilio social en Galicia, deberán acreditar, cando menos, a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.
g) Cando non estea obrigada por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público, presentará a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.
h) Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:
1ª. Unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda.
2ª. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.
Deberase achegar a seguinte documentación técnica:
a) Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) para a tecnoloxía para a cal se solicite axuda. As tecnoloxías clasifícanse nas seguintes tipoloxías de proxectos: fotovoltaica-minieólica, biomasa-biogás, xeotermia-aerotermia, solar térmica, iluminación eficiente e resto de proxectos de aforro e eficiencia enerxética. O incumprimento do contido mínimo desta memoria poderá dar lugar á inadmisión a trámite desta solicitude.
b) Documento denominado «Ficha de consumos», segundo modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) no cal se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuelóleo, gasóleo…) do período anual tomado como referencia (2018 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto. Diferénciase entre «Ficha de consumos de proxectos de enerxías renovables» e «Ficha de consumos de proxectos de aforro e eficiencia». Non será preciso a presentación desta ficha no caso de proxectos de iluminación, fotovoltaica ou minieólica.
c) Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos de produtividade do equipamento, potencia nominal e rendemento enerxético. No caso de módulos fotovoltaicos, deberán informar da eficiencia enerxética do módulo para unha irradiación de 1000 W/m2 e unha temperatura de 25 ºC.
d) Xustificación da marcación CE do equipamento.
e) Fotografías do lugar previsto para a instalación do novo equipamento. No caso de substitución de equipamentos existentes, achegaranse tamén fotografías destes.
f) Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea na cal se indique de forma apreciable a edificación/parcela onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc.). Bosquexos ou planos onde se localicen os equipamentos na edificación.
Ademais, nos casos en que proceda tamén se debe achegar o seguinte:
a) No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separables, achegarase oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que implique menor eficiencia enerxética e que se podería realizar de forma crible sen subvención (investimento de referencia).
b) Para as instalacións de mellora de iluminación, fotovoltaicas e minieólicas, facturas de merca de electricidade do último ano do centro de traballo en que está previsa a execución da instalación.
c) Para a instalación de bombas de calor, certificado do coeficiente de rendemento (COP) emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma que lles afecte (UNE-EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc.), para os equipamentos incluídos no ámbito de aplicación da dita norma (os que non estean incluídos teñen que xustificalo cun informe técnico do fabricante). Para acreditar este coeficiente, deberase xuntar a certificación emitida por Eurovent, a EPHA (Asociación Europea da Bomba de Calor) ou por un laboratorio de ensaio acreditado para este tipo de ensaios, segundo a normativa vixente. No caso de Eurovent e da EPHA, admitirase a impresión da páxina web onde se poden consultar os datos de potencia e COP do propio equipamento ou do ensaiado na serie técnica, sempre que se xunte unha captura do enlace onde se pode contrastar a información. Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.
d) Para a instalación de bombas de calor, cálculo do valor do SPF (prestacións medias estacionais) segundo norma UNE-EN 14825:2012, UNE-EN 12309 ou documento «Prestacións medias estacionais de las bombas de calor», elaborado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a través do IDAE.
e) No caso dos equipamentos que deban dispor dunha cualificación enerxética, deberán achegar a documentación xustificativa correspondente.
f) Para instalacións solares térmicas, resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente. Se na resolución de certificación non se recolle de xeito íntegro a seguinte información do panel: marca, modelo, superficie de apertura e potencia térmica para unha radiación de 1000 W/m2 e un salto térmico de 50 ºC, entregarase a maiores copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se for o caso, a norma que a substitúa) que serviu de base para emitir a resolución de certificación.
g) Para instalacións solares térmicas, declaración responsable do beneficiario de que a instalación para a cal se solicita axuda non é obrigada conforme a normativa vixente.
h) Cando se requira certificado por entidade acreditada, achegarase acreditación da entidade que emite os certificados dos novos equipamentos emitida pola entidade nacional de acreditación (ENAC, Cofrac, Accredia, Dakks…).
i) As instalacións de iluminación que estean incluídas total ou parcialmente no ámbito de aplicación do documento HE3 do Código técnico da edificación, xustificación asinada por un técnico competente (especifíquese no documento o nome completo, DNI e cualificación do técnico asinante) de que cumpren coas exixencias establecidas nel. Nos casos en que a instalación non estea incluída total ou parcialmente no ámbito de aplicación, xúntase escrito xustificativo dos motivos.
j) Os novos equipamentos de iluminación deberán achegar os certificados emitidos por entidades acreditadas do cumprimento das normas indicadas no anexo II. No caso de que algún equipamento non teña que cumprir con algunha das normas, achegarase xustificante debidamente motivado. Nos certificados deberán figurar, como mínimo, a marca e modelo do equipamento, número de certificado e as normas UNE en que se certifica o equipamento. Só serán válidos os certificados emitidos polas entidades acreditadas, non se aceptarán declaracións de conformidade, certificados marca ENEC ou semellantes, os ensaios realizados polas entidades acreditadas nin ningún outro documento que non sexa o certificado emitido pola entidade acreditada.
k) De todas as estancias ou zonas en que a potencia final dos novos equipamentos de iluminación sexa superior a 1 kW deberase entregar estudo lumínico das zonas que se van reformar con identificación do programa de cálculo utilizado para realizalo, co obxecto de xustificar os valores que se indican no artigo 6.4 (Em, UGRL /GRL e Uo). No estudo lumínico deberán figurar os gráficos de valores de iluminancias a nivel da área de traballo e xustificaranse todos os datos que figuran na Memoria técnica PAE-ILU. Convén aclarar que no documento Memoria técnica PAE_ILU débese incluír a totalidade de estancias ou zonas reformadas e os seus parámetros lumínicos, independentemente da potencia de iluminación instalada. O Inega poderá solicitar en calquera momento a presentación do estudo lumínico da totalidade de estancias; neste sentido, un mesmo estudo pode ser representativo de varias estancias con características semellantes.
Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.
Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que as persoas interesadas autorizan esta consulta, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou desde a páxina web do Inega (www.inega.gal).
Comprobación de datos.
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) Certificado catastral.
b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, coa Seguridade Social e coa Facenda autonómica.
c) Certificación de alta no imposto de actividades económicas cando a persoa solicitante sexa unha empresa ou autónomo.
d) DNI ou NIE do solicitante cando o solicitante sexa unha persoa física.
e) NIF da entidade solicitante.
f) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
g) Concesión de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Prazo de resolución: 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 10 de xaneiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria (DOG nº 33 do 15 de febreiro de 2019).
-
Extracto da Resolución do 10 de xaneiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria (DOG nº 33 do 15 de febreiro de 2019).
-
Resolución do 15 de maio de 2019 pola que se amplían e redistribúen os créditos orzamentarios por epígrafes, recollidos na Resolución do 10 de xaneiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria (DOG nº 95 do 21 de maio de 2019).
-
Resolución do 19 de setembro de 2019 pola que se modifica a Resolución de 10 de xaneiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de equipos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria (DOG nº 184 do 27 de setembro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.
Aberto todo o ano
Novacións modificativas nos préstamos concedidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) nos diversos programas instrumentados ao abeiro do decreto 133/2002
Aberto todo o ano