Guía de procedementos e servizos

IN317A

Subvencións a empresas privadas para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 07/06/2019 00:00 - 08/07/2019 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

1. Estas bases regulan a concesión das axudas que teñen por obxecto incentivar as empresas mineiras á aplicación de tecnoloxías innovadoras e á implantación das mellores técnicas e medidas organizativas dispoñibles para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

3. Estas axudas están orientadas a mellorar as condicións ambientais e laborais, en especial as relacionadas coa exposición ao po e ao ruído, nos establecementos de beneficio e nas explotacións mineiras reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e localizadas en Galicia.

Actuacións e gastos subvencionables.

1. Serán subvencionables dúas liñas de actuación:

Liña A: investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico da zona afectada pola actividade mineira, en especial mediante a redución das emisións de po e ruído.

Liña B: investimentos destinados a mellorar as condicións laborais, en especial a redución da exposición ao po e ao ruído dos traballadores nos seus postos de traballo.

2. Na liña A só serán obxecto de subvención aquelas actuacións que directamente supoñan a consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental por encima dos límites establecidos nas normas da Unión Europea sobre calidade do aire ambiente ou ben permitan ao beneficiario aumentar o nivel de protección ambiental derivado das súas actividades en ausencia de normas da Unión.

3. Na liña B só serán obxecto de subvención aquelas actuacións que directamente supoñan unha mellora, sempre por encima dos requisitos normativos aplicables, das condicións laborais, especialmente as relativas á redución da exposición ao po e ao ruído dos traballadores nos seus postos de traballo.

4. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

As actuacións e os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade á data de xustificación establecida no artigo 23 destas bases.

5. Para as actuacións da liña A serán gastos subvencionables os custos de investimento adicionais necesarios para ir alén das normas da Unión Europea ou para incrementar o nivel de protección ambiental en ausencia de normas da Unión. Determinaranse da seguinte maneira:

a) Cando os custos do investimento na mellora da calidade do ambiente atmosférico poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa protección do ambiente serán subvencionables.

b) En todos os demais casos, os custos do investimento na mellora da calidade do ambiente atmosférico determinaranse por referencia a un investimento similar, menos respectuoso co ambiente, que se podería realizar de forma crible sen a axuda; a diferenza entre os custos de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa protección ambiental e será o custo subvencionable.

Os custos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental non serán subvencionables.

6. Para as actuacións da liña B serán gastos subvencionables aqueles directamente relacionados co investimento destinado a mellorar as condicións laborais, especialmente a reducir a exposición ao po e ao ruído dos traballadores nos seus postos de traballo.

7. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, á prestación do servizo ou á entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficacia e economía, e no suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

8. Dado o carácter incentivador destas axudas, as actuacións obxecto delas non se poden iniciar con anterioridade á data de rexistro da solicitude da axuda.

Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións as empresas privadas que realicen actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Obrigas das persoas beneficiarias.

a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención, mediante a modalidade de conta xustificativa con entrega de informe de auditor.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ás persoas beneficiarias en cada caso.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro desta orde.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e consistirán na inclusión da imaxe institucional da entidade concedente (Consellería de Economía, Emprego e Industria) e nas inscricións relativas ao financiamento público en carteis, placas, material impreso, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación, todo iso en función do tipo de actuación subvencionable.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Non superar as porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas na normativa comunitaria europea.

k) Manter os investimentos subvencionados e conservar toda a documentación relacionada coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de cinco anos desde a súa concesión. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro dese prazo de cinco anos, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre e cando a actividade económica se manteña en Galicia durante este período mínimo.

l) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

m) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas

Subdirección Xeral de Recursos Minerais

Servizo de Xestión Mineira

San Caetano, s/n bloque 5 - 4ª planta

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 9981957092 / 981545465 / 981957090

Email: cei.dexiem.axudasminas@xunta.gal

http://ceei.xunta.gal

Desde o resto do Estado: 902 12 00 12

Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

07/06/2019 00:00 - 08/07/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O prazo concluirá o mesmo día en que se produciu a publicación no mes de vencemento. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comenza o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

- Para os efectos do disposto nesta orde considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas os empresarios persoas físicas que exerzan actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas que exerzan unha actividade económica de forma regular.

- Para os efectos desta orde, os conceptos de pequena e mediana empresa axustaranse á definición contida no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño.

a) Na categoría das peme defínese mediana empresa como unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios individual non excede 50 millóns de euros (50.000.000 de euros) ou cuxo balance xeral anual non excede 43 millóns de euros (43.000.000 de euros).

b) Na categoría das peme defínese pequena empresa como unha empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros (10.000.000 de euros).

c) Na categoría das peme defínese microempresa como unha empresa que ocupa menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros (2.000.000 de euros).

- As persoas beneficiarias non poderán estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; non poderán ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma e deberán estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

- As persoas beneficiarias non poderán estar suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, nin atoparse en situación de crise de acordo co artigo 1.4.c) e o artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño.

- As persoas beneficiarias destas axudas deberán relacionarse en todo caso por medios electrónicos no marco da xestión destas subvencións, inclusive aquelas que teñan a condición de empresarios persoas físicas, tendo en conta a cualificación técnica e profesional das ditas persoas beneficiarias.

  • Para solicitar estas axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9 das bases reguladoras.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

  • Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • Presentarase unha solicitude por centro de traballo e para unha única actuación ou proxecto de investimento concreto, cun máximo de tres solicitudes por empresa. Na solicitude indicarase a problemática prioritaria de loita contra as enfermidades profesionais que se pretende resolver coa actuación ou proxecto proposto das indicadas a continuación:

I. Redución das emisións ou exposición ao po.

II. Redución das emisións ou exposición ao ruído.

III. Outras problemáticas diferentes á redución das emisións ou exposición ao po e ao ruído.

Así mesmo, indicarase, se é o caso, se a actuación proposta ten incidencia positiva simultánea noutras das problemáticas distintas da sinalada como prioritaria.

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa súa solicitude a documentación que se describe a seguir:

  • A) Documentación administrativa.

    • A.1. Documentación acreditativa de que a empresa realiza actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, para o cal presentará os estatutos da sociedade e modificación destes, debidamente legalizados, de ser o caso, ou ben acta, escritura ou documento de constitución no cal se recolla que o seu obxecto social abarca a actividade para a cal se solicita a subvención.

    • A.2. Quen asine a solicitude en nome dunha persoa xurídica solicitante deberá acreditar a súa condición de representante legal da citada persoa xurídica, ou ben acreditar a representación en que actúa mediante poder suficiente que o habilite para realizar en nome da persoa representada todas as actuacións que se prevexan nestas bases reguladoras. Este mesmo poder deberá ser achegado por quen asine a solicitude en nome dunha persoa física solicitante.

  • B) Documentación técnica.

Memoria técnica-económica descritiva da actuación datada e asinada por técnico competente. A memoria adecuarase ao modelo que se inclúe como anexo III e incluirá os puntos do seguinte índice:

  • 1. Datos da entidade solicitante.

  • 2. Datos do centro de traballo (explotación mineira e/ou establecemento de beneficio) onde se realiza o investimento/actuación. A Administración reserva para si a facultade de comprobar as autorizacións/concesións coas que contan as devanditas explotacións mineiras e os establecementos de beneficio.

  • 3. Diagnose da situación actual e da problemática existente que se vai mellorar coa actuación, identificación e xustificación da liña de actuación elixida.

  • 4. Descrición técnica das medidas propostas.

  • 5. Xustificación da mellora das condicións ambientais ou laborais.

  • 6. Orzamento detallado.

  • 7. Calendario de execución.

  • 8. Cálculo da axuda solicitada segundo os gastos subvencionables.

  • 9. Anexos:

    • Fotografías.

    • Ofertas de provedores: tres ofertas/orzamentos de distintos provedores cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, e unha oferta/orzamento dun provedor para os demais casos. No caso de que a elección entre as tres ofertas non recaia na proposta máis vantaxosa, deberá xustificalo expresamente nunha memoria. Todo iso conforme ao establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

    • Un orzamento de referencia para as actuacións da liña A só para os supostos establecidos no artigo 4.5.b) destas bases reguladoras.

    • Planos, esquemas, croquis, etc.

    • Documentos acreditativos do cumprimento dos criterios de valoración recollidos no artigo 16 das bases.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e indicando os datos especificados no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) NIF da entidade solicitante.

  • b) DNI ou NIE da persoa solicitante, se é o caso.

  • c) DNI ou NIE da persoa representante.

  • d) Estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e xuntar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 23 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia competitiva, para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro en Galicia, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 106 do 6 de xuño de 2019).

    • Extracto da Orde do 23 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia competitiva, para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro en Galicia, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 106 do 6 de xuño de 2019).

    • Resolución do 10 de decembro de 2019 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 23 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia competitiva, para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro en Galicia, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 5 do 9 de xaneiro de 2020).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN201B

Obtención/renovación do obradoiro artesán

Tramitar en liña

Aberto todo o ano