Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT207E
Subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto establecer e aprobar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento á creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais ou a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019.
Normativa aplicable.
A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución aprobatoria das bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego e se convocan para o ano 2019, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e, supletoriamente, á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de xeral aplicación.
1. Poderán optar a estas subvencións referidas nas modalidades A e B todas as persoas físicas residentes, polo menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen o proxecto para o que solicitan a subvención de xeito profesional.
2. Poderán optar ás subvencións referidas na modalidade C os directores residentes, polo menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que estean constituídos como produtora individual no momento de presentar a solicitude. Así mesmo, poderán optar aquelas persoas xurídicas constituídas como produtoras con antigüidade ininterrompida de, polo menos, un ano inmediatamente anterior a esta convocatoria, establecidas como mínimo durante un ano previo inmediatamente anterior a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura - Monte Gaiás s/n
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996077 / 881996078
Fax: 881996080
Email: agadic@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
19/01/2019 00:00 - 18/02/2019 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Ademais da solicitude (anexo I), que será a publicada coa correspondente convocatoria anual, os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:
Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.
Se a persoa solicitante está domiciliada fóra da Comunidade Autónoma de Galicia (nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea), certificado de empadroamento.
Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
Se a persoa solicitante é persoa xurídica, estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.
As persoas solicitantes deberán enviar a seguinte documentación complementaria:
Modalidade A: escrita individual de guión para longametraxe cinematográfica:
a) Historial profesional do solicitante acompañado, de ser o caso, das seguintes declaracións responsables:
Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou en calidade de guionista.
Declaración responsable con especificación dos títulos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á escrita de guión con anterioridade á convocatoria.
b) Memoria explicativa do proxecto cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, onde se inclúa unha reflexión sobre a viabilidade do proxecto no audiovisual galego.
c) Sinopse argumental cunha extensión máxima de 1 páxina.
d) Tratamento secuenciado do proxecto de guión, cunha extensión de entre 10 e 20 páxinas a dobre espazo.
e) Se é un guión adaptado: declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.
Modalidade B: curtametraxe.
a) Historial profesional do solicitante acompañado, de ser o caso, das seguintes declaracións responsables:
Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou como director.
De ser o caso, especificación dos títulos dirixidos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de curtametraxes con anterioridade á convocatoria.
b) Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, en que consten as intencións con respecto á promoción e distribución da curtametraxe.
c) Sinopse do proxecto, cunha extensión máxima de 1 páxina.
d) Guión definitivo, técnico ou literario, da película.
e) Calendario e plan de produción.
f) Currículo do equipo técnico-artístico.
g) Declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.
h) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
Modalidade C: longametraxe.
a) Historial profesional do director acompañado, de ser o caso, das seguintes declaracións responsables:
Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou como director.
Declaración responsable con especificación dos títulos dirixidos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de longametraxe con anterioridade á convocatoria.
b) De ser o caso, historial da empresa solicitante.
c) Historial de guionista, director de fotografía, compositor, actores, montador xefe, director artístico, xefe de son e outros profesionais do equipo creativo de carácter técnico que intervirán na produción.
d) Sinopse argumental dun máximo de 1 páxina.
e) Unha memoria dun máximo de 5 páxinas en que se describa o carácter innovador da película e as intencións en canto á súa promoción e distribución.
f) Guión definitivo do proxecto.
g) Calendario do proxecto, plan de produción e plan de localizacións da rodaxe.
h) Orzamento do proxecto (segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic) e plan de financiamento.
i) Declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.
j) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requerirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación do procedemento destas axudas consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
DNI ou NIE da persoa solicitante.
DNI ou NIE da persoa representante.
NIF da entidade solicitante.
Certificado de empadroamento en Galicia.
Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.
Certificado de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.
Certificado de estar ao día de pagamento coa Atriga.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
A presentación electrónica das solicitudes será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica, considerándose como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Estas bases, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria anual e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para a comprobación da copia electrónica presentada.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de xustificación
- Declaración de axudas (Anexo II)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 14 de xullo de 2020 pola que se amplía o prazo de xustificación da modalidade C das subvencións convocadas ao abeiro da Resolución do 26 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 145 do 21 de xullo de 2020).
-
Resolución do 26 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 13 do 18 de xaneiro de 2019).
-
Extracto da Resolución do 26 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 13 do 18 de xaneiro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais.
Prazo aberto: 12/03/2025 00:00 - 11/04/2025 23:59
Subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á xuventude e ao voluntariado, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF e do imposto de sociedades.
Prazo pechado: 18/09/2024 00:00 - 17/10/2024 23:59
Subvencións á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos.
Prazo pechado: 15/02/2025 00:00 - 20/03/2025 23:59
Subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega.
Prazo pechado: 02/08/2024 00:00 - 02/09/2024 23:59