Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU500A
Subvencións a Concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Presidencia da Xunta de Galicia
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas aos concellos galegos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, así como efectuar a súa convocatoria para o ano 2018.
O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia.
Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados no ano 2018.
Unicamente será subvencionable un evento por concello solicitante.
Considéranse gastos subvencionables aqueles relacionados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas, material gravado referido á festa, etc.
No caso de celebración de festas gastronómicas, serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.
En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias; os xuros, recargos e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rigorosa orde de entrada no rexistro, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia en que se celebren durante o ano 2018 festas declaradas de interese turístico de Galicia incluídas no obxecto desta convocatoria.
Así mesmo, poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións que, non tendo personalidade xurídica, estean integradas por municipios nos cales se celebren festas declaradas de interese turístico de Galicia que reúnan os requisitos establecidos no parágrafo anterior, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que aplicará cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Dirección de Competitividade
Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial
A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547404 / 981546364
Fax: 981546371
Email: xerencia.turismo@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
03/02/2018 00:00 - 02/03/2018 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
- Será requisito indispensable que a festa conte coa declaración de interese turístico de Galicia regulada no Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).
- Non serán obxecto de subvención as festas que ademais da declaración de interese turístico de Galicia, conten coa declaración de festa de interese turístico nacional e/ou internacional segundo establece a Orde ITC/1763/2006, do 3 de maio, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional (BOE núm. 135, do 7 de xuño).
- Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
- Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do concello.
Os/as interesados/as achegarán a seguinte documentación:
a) Solicitude segundo o modelo do anexo II subscrita polo órgano competente do concello solicitante.
b) No caso das agrupacións reguladas no artigo 3.1, documento subscrito polos membros da agrupación en que consten os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de subvención que aplicará cada un deles. No mesmo documento deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación.
Así mesmo, e para os efectos das declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.
c) Acreditación de que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas. No caso das agrupacións deberán acreditar este requisito todos os concellos que as forman.
d) Certificación do secretario da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención e de financiar o importe do orzamento do evento que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude. No caso de agrupacións deberá presentarse un certificado por cada un dos concellos agrupados.
e) Memoria explicativa das actividades que se vaian desenvolver na correspondente edición da festa.
f) Orzamento desagregado por conceptos do investimento que se vai realizar. Se é o caso, a persoa interesada achegará os tres orzamentos de diferentes provedores, segundo dispón o artigo 1.6 destas bases.
g) Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 4 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 24 do 2 de febreiro de 2018).
-
Resolución do 22 de maio de 2018 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao amparo da Resolución do 4 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 104 do 1 de xuño de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para espectáculos públicos e actividades recreativas.
Aberto todo o ano
Declaración de municipio turístico.
Aberto todo o ano
Declaración de festa de interese turístico de Galicia.
Aberto todo o ano
Subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia.
Prazo aberto: 15/12/2025 09:00 - 16/02/2026 20:00