Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU401A
Declaración de festa de interese turístico de Galicia.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Este decreto ten por obxecto regular os requisitos e os efectos da declaración de festas de interese turístico de Galicia, así como o procedemento, vixencia e a perda da condición de festa de interese turístico de Galicia.
De acordo co previsto no artigo 93.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, a Administración da Xunta de Galicia poderá declarar festas de interese turístico de Galicia aquelas manifestacións que supoñan unha valorización da cultura e das tradicións populares e que teñan unha especial importancia como atractivo turístico.
Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Dirección de Competitividade
Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial
A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547404/ 981546364
Fax: 981546371
Email: xerencia.turismo@xunta.es
Prazo de presentación: Aberto todo o ano
O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
a) Antigüidade: as manifestacións ou acontecementos de carácter festivo a que se refiran as peticións deberán ter no momento da solicitude unha antigüidade mínima de vinte anos. As súas celebracións efectuaranse periodicamente e en datas facilmente determinables.
A antigüidade mínima poderá ser dispensada cando unha valoración conxunta dos requisitos e criterios recollidos na presente regulamentación así o aconsellen, pero en ningún caso poderá ter unha antigüidade menor de quince anos.
b) Singularidade: as festas de que se trate deberán conter aspectos orixinais e de calidade que as singularicen respecto a outras similares que poidan ter lugar noutras localidades. Valorarase especialmente que sexa un reflexo da idiosincrasia da zona e poboación local e que, desde o respecto á tradición e costumes que a fan única, presente innovacións nas edicións sucesivas que contribúan a enxalzar máis o evento.
c) Arraigamento: elementos esenciais da celebración serán o arraigamento popular no ámbito territorial correspondente e o carácter participativo da poboación local, excluíndose aquelas festas orixinadas por simples intereses particulares ou comerciais.
d) A realización polas entidades organizadoras de accións promocionais suficientes para a atracción de correntes turísticas. Entenderanse por accións promocionais suficientes aquelas accións que permitan dar a coñecer ao maior número de persoas posibles a celebración do evento, xa sexa mediante a súa divulgación en medios audiovisuais de carácter xeneralista, como a participación en feiras, eventos turísticos e actos similares. En calquera caso, estas accións serán como mínimo 10 nas 5 últimas edicións.
e) Valor cultural: as celebracións dos eventos de que se trate xirarán, en todo caso, arredor das manifestacións de interese e carácter cultural como son, entre outras, as artísticas, relixiosas, deportivas ou gastronómicas.
f) Continuidade no tempo. Entre a celebración dunha festa e outra non poderán transcorrer máis de catro anos, a non ser que sexa una festa cunha cadencia fixa que supere este prazo. En calquera caso, na solicitude deberá constar a periodicidade da celebración.
A solicitude (Anexo I deste Decreto) deberá vir acompañada da seguinte documentación:
a) Memoria explicativa, que xustifique o cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 3, que deberá expresar, en todo caso:
1º. Para xustificar o requisito da antigüidade, a data ou epoca de orixe da festa e a historia resumida da súa institución e desenvolvemento.
2º. Para xustificar o requisito da singularidade da festa con respecto a outras que se celebren noutras localidades, esta deberá ser demostrada describindo aqueles aspectos que a diferencian e fan única, destacando os elementos materiais e inmateriais en que se basea a celebración. Así mesmo, describirá as accións realizadas nas últimas 5 edicións en que se constate a súa evolución, as melloras introducidas e os actos ou actividades realizadas para a súa mellor promoción e celebración.
3º. Para xustificar o requisito do arraigamento, describirase a asistencia e participación da poboación local na festa ao longo das distintas edicións celebradas con descrición do modo en que se produce a dita participación.
4º. Para xustificar o requisito das acción promocionais suficientes, descrición dos soportes de difusión de actividades de promoción nos distintos medios así como a documentación sobre a participación en feiras eventos e actos similares nas últimas 5 edicións.
5º. Para xustificar o requisito do valor cultural, un especialista na materia ou historiador emitirá un informe que así o acredite.
6º. Para xustificar o requisito de continuidade no tempo, a data de celebración actual e de cada unha das edicións anteriores documentalmente comprobable.
A memoria explicativa recollerá, así mesmo, a xustificación dos criterios que se terán en conta para efectuar a valoración da festa:
1º. Unha descrición detallada dos actos que compoñen a festa na actualidade, prestando especial atención aos aspectos esteticos e de accesibilidade que permiten unha posta en escena atractiva e participativa tanto no que se refire á poboación local como aos/ás potenciais visitantes e turistas.
2º. A afluencia de visitantes, debendo incluír un informe que recolla, polo menos, as últimas 5 edicións de celebración da festa, con indicación das fontes e criterios utilizados para realizar a estimación.
3º. A existencia na localidade e área de influencia de infraestruturas e equipamentos suficientes para a celebración da festa e a recepción de visitantes.
4º. Os orzamentos destinados á celebración do evento nas últimas 5 edicións.
b) Fotografías, carteis, programas, folletos, libros, referencias bibliográficas, material audiovisual e, en xeral, canta información gráfica se considere oportuna para apoiar a petición.
c) Acordo do pleno do concello ou concellos nos cales se celebre a festa ou acontecemento ou do órgano municipal que teña asignada esta atribución onde conste expresamente a solicitude de declaración. Se a solicitude a fai unha entidade pública ou privada deberá achegarse o acordo de solicitude adoptado polo órgano competente. Neste caso, xuntarase á solicitude un informe, preceptivo pero non vinculante, do órgano competente do concello ou concellos, manifestando explicitamente a súa valoración e argumentando os motivos desta.
A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a traves do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Inicio
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia (DOG nº 12 do 20 de xaneiro de 2015).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para espectáculos públicos e actividades recreativas.
Aberto todo o ano
Declaración de municipio turístico.
Aberto todo o ano
Alta / baixa / modificación de datos na Ruta dos Xardíns da Camelia.
Aberto todo o ano
Subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia
Prazo aberto: 11/06/2025 00:00 - 11/07/2025 23:59