Guía de procedementos e servizos

TU201A

Premios Galicia parabéns.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 01/02/2018 00:00 - 02/04/2018 23:59

Presidencia da Xunta de Galicia

Sobre o procedemento

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos Premios Galicia Parabéns como un recoñecemento institucional e social ás iniciativas destinadas a conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, os núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (TU201A).

2. Os Premios Galicia Parabéns constarán das seguintes categorías:

– 1ª categoría:

Destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións realizadas –nos últimos dez anos- para conseguir unha mellora da paisaxe, unha integración axeitada nesta de elementos antrópicos (arquitecturas, estradas, industrias, canteiras...), ou da propia mellora estética dos núcleos poboacionais. Así mesmo, inclúense nesta categoría as iniciativas ou actuacións de embelecemento realizadas nos lindes a rutas dos Camiños de Santiago.

– 2ª categoría:

Destinada a premiar os mellores proxectos dirixidos á realización de obras de revalorización e embelecemento, tanto para promover unha mellora da paisaxe como para intervencións nos núcleos poboacionais ou nos lindes dos Camiños de Santiago.

3. Outorgarase un premio en cada unha das dúas categorías establecidas no número anterior, cuxa dotación económica será:

– Para a primeira categoría establécese un premio de 400.000 euros.

– Para a segunda categoría establécese un premio de 400.000 euros.

4. Os premios quedarán desertos cando a iniciativa non acade unha puntuación mínima de 50 puntos, de conformidade co disposto no artigo 10 destas bases.

Así mesmo, o xurado poderá outorgar unha ou varias mencións especiais a algúns dos proxectos ou iniciativas participantes, que non terán dotación económica.

5. Os/as premiados/as recibirán un diploma ademais da dotación económica do premio. O diploma entregaráselles nun acto público, e o pagamento realizarase segundo o disposto no artigo 14.4.

6. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado no réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.

7. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no parágrafo anterior, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios contidos na sección 3ª, capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Poderán participar nesta convocatoria, segundo as categorías que se establecen no artigo anterior, os concellos, as agrupacións de concellos de Galicia, mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais galegos.

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Axencia Turismo de Galicia

Dirección de Competitividade

Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial

A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547404 / 981546364

Fax: 981546371

Email: xerencia.turismo@xunta.es

http://turismo.xunta.es

Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

01/02/2018 00:00 - 02/04/2018 23:59

As solicitudes deberán presentarse no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Para os efectos desta resolución, considérase agrupación de concellos aquela candidatura subscrita por dous ou máis concellos, e deberá observarse o disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os concellos non poderán solicitar o premio en máis dunha candidatura. A infracción deste punto dará lugar á non admisión de todas as candidaturas de que formen parte.

Non poderán participar nesta convocatoria as setes grandes cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, e as entidades locais en que están integradas.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incurso nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable das entidades solicitantes, no caso de agrupación de concellos deberá presentarse a declaración por cada un dos concellos agrupados.

3. Os concellos, así como as agrupacións e resto de entidades locais do punto 1 deberán cumprir o requisito de teren remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas xerais de cada exercicio. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación, e a súa falta de acreditación por parte dalgún dos participantes na candidatura supoñerá a inadmisión desta. No caso de agrupacións de concellos este requisito deberá ser acreditado por cada un dos concellos integrantes da agrupación.

4. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

5. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación das solicitudes.

  • As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

  • Documentación administrativa:

    • a) Certificación da secretaría do concello, da mancomunidade, consorcio ou área metropolitana acreditando que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

    • b) Certificación do/da secretario/a da entidade local en que conste o acordo da entidade local polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta resolución, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

  • c) No caso de agrupación de concellos, instrumento xurídico que regule a agrupación e a xestión dos servizos que deberá incluír, en todo caso, os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles e a designación do/da alcalde/alcaldesa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

Así mesmo, achegarase unha certificación emitida pola secretaría do concello representante, na cal se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos integrantes da agrupación:

  • Que todos os concellos integrantes da agrupación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta resolución así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

  • O nomeamento do/da alcalde/alcaldesa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención.

  • Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas, determinará a inadmisión da solicitude.

  • d) No caso de que se trate dunha mancomunidade, consorcio ou área metropolitana deberá presentarse o instrumento xurídico acreditativo da súa constitución.

  • e) Se é o caso, instrumento xurídico polo que as administracións locais promovan políticas urbanísticas destinadas a mellorar, conservar e recuperar a súa calidade paisaxística e ambiental.

  • f) Se é o caso, acreditación dos soportes de promoción turística en relación co espazo xeográfico onde se realizou ou se vai a realizar a intervención, promovidos polo propio concello ou outras administracións públicas distintas da Axencia Turismo de Galicia.

  • g) Certificación do/da secretario/a relativa á suma dos capítulos de gasto de capital do concello vixentes no ano 2018. No caso de agrupacións deberá expedila o/a secretario/a do concello representante unha certificación acreditativa da media dos gastos de capital dos concellos agrupados, que se emitirá con base nas certificacións que deberán expedir os/as secretarios/as dos concellos agrupados.

  • Documentación técnica:

  • Categoría primeira:

    • a) Memoria das actuacións ou iniciativas executadas, na cal se detallarán as obras realizadas co maior grao de concreción posible, de xeito que se facilite a súa valoración (concepto da integración paisaxística pretendida, xustificación da elección dos materiais empregados, planos e fotografías do estado inicial e do estado final, orzamentos, etc.).

    • b) Proxecto técnico, asinado por técnico competente, destinado a complementar ou finalizar as obras xa executadas. En caso de que estas non precisasen de continuación ou remate, o solicitante presentará un novo proxecto complementario na liña do recollido nesta resolución. Nel incluiranse os planos necesarios para a correcta identificación e delimitación das obras propostas, orzamentos, materiais que se van empregar, fotografías do estado actual e recreación virtual da transformación que se pretende.

Este proxecto técnico presentarase en soporte papel para facilitar a súa valoración polo xurado.

  • c) Cronograma de execución da actuación que se vai realizar, así como a súa distribución nas anualidades 2018 e 2019.

  • Categoría segunda:

    • a) Proxecto de intervención para obras novas, asinado por técnico competente. Nel incluiranse os planos necesarios para a correcta identificación e delimitación das obras propostas, orzamentos, materiais que se van empregar, fotografías do estado actual e recreación virtual da transformación que se pretende.

Este proxecto técnico presentarase en soporte papel para facilitar a súa valoración polo xurado.

  • b) Cronograma de execución da actuación que se vai realizar, así como a súa distribución nas anualidades 2018 e 2019.

  • O defecto na solicitude seralles notificado aos/ás interesados/as e daráselles un prazo de dez días hábiles para emendaren os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse consonte o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

  • Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse ao xurado encargado da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

  • Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

  • A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

  • Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada.

  • As solicitudes deberán axustarse ao modelo normalizado que se inclúe no anexo II desta resolución, e serán subscritas polo órgano competente do concello, da entidade local supramunicipal ou da agrupación de concellos.

No caso de presentarse a solicitude por unha agrupación de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán facerse constar naquela os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación.

Así mesmo, e para os efectos das declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 2 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos Premios Galicia Parabéns e se procede á súa convocatoria para os anos 2018 e 2019 (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2018).

    • Extracto da Resolución do 2 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos Premios Galicia Parabéns e se procede á súa convocatoria para os anos 2018 e 2019 (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2018).

    • Resolución do 1 de agosto de 2018 pola que se dá publicidade aos premios concedidos ao abeiro da Resolución do 2 de xaneiro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos Premios Galicia Parabéns e se procede á súa convocatoria para os anos 2018 e 2019 (DOG nº 152 do 9 de agosto de 2018).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR477A

Autorización para espectáculos públicos e actividades recreativas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TU400A

Declaración de municipio turístico.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TU401A

Declaración de festa de interese turístico de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS304A

Cesión do uso de instalacións xuvenís da administración galega para a realización de programas de lecer educativo e de tempo libre.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 02/05/2025 00:00 - 12/05/2025 23:59