Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR780A
Subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Facenda e Administración Pública
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e efectuar a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais de Galicia no marco do Afedap.
Gastos subvencionables.
1. Serán subvencionables os gastos directamente destinados ao desenvolvemento da actividade formativa programada, incluíndo os desprazamentos da persoa que imparta a docencia.
Terán así mesmo a consideración de gastos subvencionables os materiais didácticos e complementarios necesarios para o desenvolvemento da actividade formativa.
Na memoria da actividade formativa incluirase a previsión do custo da actividade formativa, desagregado pola natureza do gasto, debendo ter en conta o seguinte:
a) O custo dos gastos subvencionables non poderá superar o valor de mercado.
b) Só serán subvencionables os gastos que se realicen entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 15 de novembro do ano 2018 e que se atopen efectivamente pagados o 1 de decembro de 2018 data de finalización do período de xustificación.
c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos financiables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
2. Poderán financiarse con cargo ás subvencións concedidas os gastos directamente imputables ás accións formativas e ás actividades complementarias, así como os gastos xerais imputables á totalidade das actividades que conforman o plan de formación aprobado.
2.1. Gastos directamente imputables ás accións formativas:
a) Gastos de formadores/as internos/as e externos/as no exercicio de actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación das persoas participantes.
b) Gastos de medios e materiais didácticos, como textos e materiais dun só uso polo/a alumno/a (compra, elaboración, reprodución e distribución), e materiais de traballo funxibles utilizados para o desenvolvemento das actividades de formación.
c) Gastos pola elaboración de contidos para a impartición de cursos a través da internet.
d) Gastos de aloxamento, mantemento e desprazamento das persoas que interveñen nas accións formativas (alumnos/as, coordinadores/as, persoal de apoio e profesorado). As entidades beneficiarias ás que lles sexa de aplicación o Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, axustaranse ás contías e condicións establecidas nel. Para as demais entidades beneficiarias, observaranse os principios xerais, os requisitos dos gastos e a forma de xustificación establecidos na devandita norma, limitándose as contías máximas subvencionables, con carácter xeral, ás establecidas para o grupo 2.
e) Gastos de alugamento tanto de instalacións como de equipamento necesarios para o desenvolvemento das actividades formativas.
2.2. Gastos xerais asociados á execución das actividades subvencionadas que non poidan ser imputados de forma directa, co límite máximo do 25 por cento do total dos gastos directos:
a) Gastos de persoal de apoio, tanto interno como externo, para a xestión e execución do plan.
b) Gastos de alugamento de instalacións e de equipamento non imputables directamente ás actividades previstas no plan de formación.
c) Gastos de seguros, incluído, de ser o caso, o da cobertura de accidentes das persoas participantes, en coherencia coa disposición adicional terceira do Afedap.
d) Gastos de publicidade e difusión.
e) Gastos de avaliación e control.
f) Outros gastos indirectos en concepto de auga, gas, electricidade, mensaxería, telefonía, material de oficina consumido, vixilancia e limpeza e outros non especializados imputables ao plan de formación, co límite máximo do 6 por cento do total dos gastos directos e sen que sexa precisa a súa xustificación documental.
Poderán ser beneficiarias da liña en réxime de concorrencia competitiva das subvencións convocadas, os concellos, as deputacións provinciais e demais entidades locais recoñecidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que promovan plans de formación para o persoal empregado público, de carácter unitario ou agrupado, dentro do ámbito do Afedap.
De conformidade co establecido no artigo 6, segundo parágrafo do Afedap, só poderá ser beneficiaria da liña en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións convocadas a Federación Galega de Municipios e Provincias.
Serán obrigas das entidades beneficiarias as seguintes:
a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto para o cal foron concedidos e executar a actividade que fundamenta a concesión da axuda no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2018.
b) Achegar a documentación requirida nesta convocatoria, así como xustificar ante a EGAP o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinen a súa concesión.
c) Efectuar a selección das persoas que vaian participar nas accións formativas pola adecuación do seu perfil aos seus obxectivos e contidos.
d) Xustificar, antes da data que se sinala no número 1.b) da base sétima, os gastos realizados no exercicio económico en que se concedeu a subvención nos termos fixados na convocatoria.
e) Achegar a información sobre as accións formativas realizadas que sexa necesaria para a súa inclusión nunha memoria anual e para efectos estatísticos do seguimento das accións formativas desenvolvidas.
f) Someterse ás actuacións de comprobación que realice a EGAP, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeira, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, achegando a información requirida.
g) Comunicar á EGAP a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.
h) Expedir os correspondentes certificados de asistencia e/ou aproveitamento, de acordo cos requisitos previamente establecidos pola Comisión Xeral de Formación para o Emprego das Administracións Públicas.
i) Garantir a calidade e gratuidade das accións formativas financiadas con estes fondos e cumprir con todas as obrigas previstas no Afedap.
j) Conservar os documentos xustificativos dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
k) Facer constar o carácter público do financiamento da actividade subvencionada.
l) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.
m) Cumprir as obrigas correspondentes previstas no Afedap e no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Xunta de Galicia
Consellería de Facenda e Administración Pública
Escola Galega de Administración Pública (EGAP)
R/ Madrid, 2-4 (Fontiñas)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546255
Fax: 981546336
Email: xestión.egap@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
15/05/2018 00:00 - 14/06/2018 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Para poder obter a condición de beneficiarias, as interesadas deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de federacións ou agrupacións, a documentación que acredite, conforme a lexislación vixente, as facultades de representación da persoa que asina o plan para actuar en nome da persoa xurídica solicitante.
b) Cando se trate dun plan agrupado, os documentos de adhesión ao devandito plan.
c) Informe da representación sindical.
d) As entidades locais adheridas a un plan agrupado, ademais do documento de adhesión a que fai referencia a letra b) anterior, achegarán informe da representación sindical na devandita entidade, sempre que o seu número de empregados/as sexa igual ou superior a 200.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución así como da tramitación do pagamento, ao abeiro do disposto no artigo 11.e) e 31.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. Os documentos a que fai referencia o número 1.b), incorporaranse ao expediente a través do portal Fedap mediante copias dixitalizadas dos documentos, cuxa fidelidade co orixinal garantirán mediante a utilización de sinatura electrónica.
5. Os documentos previstos no número 1.c) e d) serán asinados manualmente polos/as representantes das administracións e responsables sindicais, respectivamente, e incorporados ao expediente mediante copias dixitalizadas.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) Tarxeta de identificación de persoas xurídicas e entidades en xeral (NIF).
b) Certificado de estar ao día coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
c) Certificado de estar ao día coa Tesourería Xeral da Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día coa Consellería de Facenda.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A presentación da solicitude de concesión de subvencións comportará a autorización da solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Con todo, a solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento; neste caso, deberá incluír as certificacións xunto coa solicitude nos termos previstos regulamentariamente, ou cando sexan requiridas polo órgano instrutor.
As solicitudes presentaranse exclusivamente por vía electrónica, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Os formularios de solicitude están dispoñibles no enderezo https://fedap-galicia.inap.es/ e na páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal) e é preciso que a promotora estea previamente rexistrada no portal Fedap. O acceso ao portal Fedap poderá realizarse introducindo os díxitos de usuario e contrasinal facilitados polo portal ao rexistrarse, ou ben mediante o documento nacional de identidade electrónico ou certificado dixital recoñecido de persoa física ou xurídica.
As solicitudes deberán ir asinadas electronicamente pola persoa designada como representante da promotora para o plan presentado. Nos formularios normalizados cubriranse todos os campos obrigatorios sen engadir novos datos, e sen emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite. Xunto coa solicitude anexaranse copias dixitalizadas da documentación que se menciona nos artigos seguintes.
Os datos requiridos ao cubrir a solicitude fan referencia á seguinte información:
a) Datos administrativos da entidade promotora, incluíndo o número de efectivos ao 31 de decembro de 2017.
b) Datos da persoa representante que asina o plan, datos da persoa de contacto designada e, de ser o caso, os datos bancarios.
c) Declaración responsable exixida nos artigos 25 e 26 do Regulamento de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, referente a non estar incurso nas prohibicións que para obter a condición de beneficiaria establece o artigo 13 da citada lei.
d) Declaración responsable sobre a non obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas correspondentes ao plan de formación de 2017, nos termos do artigo 33 do Regulamento de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
e) Datos das entidades adheridas a plans agrupados, de ser o caso.
f) Datos relativos ás accións formativas:
1º. Datos descritivos das actividades formativas co detalle individualizado destas, a súa prioridade, número de edicións, alumnos/as e horas por edición, orzamento económico e destinatarios/as.
2º. Memoria das accións formativas que, polo menos, conterá os seguintes puntos:
1) Obxectivos xerais e finalidade do plan de formación.
2) Deseño do plan de formación.
2.1) Resposta do plan ás necesidades de formación detectadas na organización e especificación do procedemento e metodoloxía empregados para iso.
2.2) Resultados da avaliación do Plan do exercicio anterior.
2.3) Incorporación dos resultados da avaliación do Plan do ano anterior ao Plan de formación presentado.
3) Criterios de seguimento e avaliación do plan: previsións acerca do seguimento das accións formativas (aplicación de técnicas para a avaliación dos resultados e, no seu caso, do impacto da formación).
4) Implantación do plan de formación.
4.1) Ámbito de aplicación e colectivos afectados.
4.2) Criterios de selección dos/das participantes.
5) Contido de accións formativas específicas.
5.1) Actividades formativas que sexan instrumento de motivación e compromiso dos/as empregados/as públicos/as.
5.2) Accións formativas relativas á Administración electrónica.
5.3) Accións formativas relativas ás leis de transparencia estatal ou autonómica.
6) Participación sindical na elaboración, xestión e execución do Plan.
7) Resultados do Plan do exercicio anterior:
7.1) Número total de actividades de formación desenvoltas e número total de horas de formación impartidas.
7.2) Número total de persoas participantes.
g) Datos relativos ás actividades complementarias: memoria de cada proxecto de actividade complementaria que conteña a súa denominación, descrición da actividade con expresa mención á súa finalidade, ao seu custo e ao produto específico que se obterá coa realización da actividade e que deberá entregarse xunto coa xustificación económica do gasto realizado con motivo da realización da actividade.
h) Datos relativos ao plan de formación:
1º. Datos relativos ás anteriores convocatorias: destinatarios/as, recursos propios dedicados, fondos subvencionados, recursos humanos dedicados.
2º. Datos económicos do plan, con desagregación por conceptos de gasto.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 30 de abril de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2018, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (DOG nº 91 do 14 de maio de 2018).
-
Extracto da Resolución do 30 de abril de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2018, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (DOG nº 91 del 14 de maio de 2018).
-
Os formularios de solicitude están dispoñibles no enderezo https://fedap-galicia.inap.es
-
Os formularios de solicitude están dispoñibles na páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal)
-
Outros procedementos relacionados
Declaración de concello emprendedor.
Aberto todo o ano
Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.
Aberto todo o ano
Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.
Prazo aberto: 04/12/2025 00:00 - 11/09/2026 23:59
Declaración urxente de ocupación de bens de expropiación.
Aberto todo o ano