Guía de procedementos e servizos

PR461B

Inscrición no proceso selectivo unitario policia local.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 21/07/2018 00:00 - 21/08/2018 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

1. O obxecto do proceso selectivo é cubrir 39 prazas dos corpos de policía local, categoría de policía, quenda de acceso libre, subgrupo C1.

2. O número, denominación e características das prazas que se convocan neste proceso selectivo especifícase no anexo II desta orde.

3. O presente proceso selectivo rexerase polo establecido nestas bases e para o non previsto observarase o disposto na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais; no Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que a desenvolve; na Orde do 28 de xaneiro de 2009, pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos da policía local, e no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.

Persoas aspirantes aos Corpos da Policia Local.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Secretaría Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Servizo de Formación en Seguridade Pública

Avenida da Cultura, s/n

36680  Estrada, A  (Pontevedra)

Teléfono: 886206110

Email: formacion.agasp@xunta.gal

http://agasp.xunta.gal

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

21/07/2018 00:00 - 21/08/2018 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial do Estado da Resolución de 13 de xullo de 2018.

As persoas interesadas en participar neste proceso deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter ata a toma de posesión como funcionario/a de carreira os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española.

b) Ter feitos os dezaoito anos e non exceder, se é o caso, da idade máxima establecida no artigo 56.1.c) do Real decreto lexislativo 5/2015.

c) Ter unha estatura mínima de 1,65 metros para os homes e 1,60 metros para as mulleres.

d) Estar en posesión do título de bacharel ou técnico. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

e) Ser titular dos permisos de conducir das clases A2 e B.

f) Non ter sido condenado/a por delito doloso nin separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

Será aplicable, porén, o beneficio da rehabilitación conforme as normas penais e administrativas, que o/a aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.

g) Compromiso por escrito de portar armas durante o servizo e, se é o caso, chegar a utilizalas nos casos e circunstancias legalmente establecidos.

h) Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións propias dos corpos da policía local.

  • Inscrición nos procesos selectivos para a selección dos membros dos corpos da policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local derivada da cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos ( 30.03.04)

Pode realizar o pago destas taxas na Oficina Virtual Tributaria.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:

    • a) Xustificante do ingreso da taxa, co selo da entidade bancaria con indicación da data.

    • b) Copia do título, de ser o caso, de familia numerosa, no suposto de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

    • c) Certificado de estudos de lingua galega (Celga 4 ou equivalente) expedido polo centro de estudos onde o/a solicitante cursou o bacharelato, de ser o caso.

  • Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

    • a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

    • b) DNI ou NIE da persoa representante.

    • c) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.

    • d) Situación de desemprego.

    • e) Título de familia numerosa, no suposto de ser expedido pola Xunta de Galicia.

    • f) Certificado de estudos de lingua galega (Celga 4 ou equivalente) só cando sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberan indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e que é o anexo I desta orde.

Opcionalmente poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  • A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximo establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • O domicilio que figure nas solicitudes considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do/da aspirante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Academia Galega de Seguridade Pública de calquera cambio neste. O mesmo será aplicable a os outros medios de comunicación posibles, como os teléfonos de contacto e o correo electrónico.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Taxas.

  • Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso selectivo, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 31,18 euros e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para o ingreso da taxa empregarase un impreso de autoliquidación como o sinalado no anexo VII cos códigos para a súa formalización facilitados nel.

A non presentación deste impreso de autoliquidación, no cal deberá figurar a data e o selo da entidade bancaria, co formulario de solicitude no proceso selectivo determinará a exclusión no dito proceso da persoa aspirante.

Poderase tamén realizar o pagamento pola internet nas entidades financeiras autorizadas. Para isto, deberán acceder á oficina tributaria, a través da web da Axencia Tributaria de Galicia (www.atriga.gal). Neste suposto, unha vez efectuado o pagamento, imprimirase o xustificante de aboamento da taxa (modelo 730), que será o que se presente coa solicitude.

En ambos os supostos, a presentación do xustificante do aboamento das taxas non suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso selectivo.

Exención e bonificación no aboamento da taxa.

Estarán exentos do pagamento desta taxa por dereito de inscrición.

  • a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa:

  • a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

  • b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a seguinte documentación ou autorizando a Administración a comprobala.

- Copia do título oficial de familia numerosa, de carácter común ou especial.

- Certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 85 do 3 de maio de 2007).

    • Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 211 do 30 de outubro de 2008).

    • Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada (DOG nº 22 do 2 de febreiro de 2009).

    • Corrección de erros.-Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada (DOG nº 31 do 13 de febreiro de 2009)

    • Decreto 60/2010, do 8 de abril, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, en materia de uniformidade, acreditación e medios técnicos (DOG nº 75 do 22 de abril de 2010)

    • Decreto 77/2010, do 29 de abril, polo que se modifica o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 89 do 12 de maio de 2010).

    • Corrección de erros.-Decreto 77/2010, do 29 de abril, polo que se modifica o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 98 do 26 de maio de 2010).

    • Lei 9/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 131 do 12 de xullo de 2016)

    • Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (DOG nº 222 do 22 de novembro de 2017).

    • Orde do 4 de xullo de 2018 pola que se convoca o proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos de policía local, categoría de policía, quenda de acceso libre (DOG nº 134 do 13 de xullo de 2018)

    • Resolución do 13 de setembro de 2018 pola que se aproban e se fan públicas as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas do proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos da policía local, categoría de policía, quenda libre (DOG nº 181 do 21 de setembro de 2018).

    • Orde do 3 de outubro de 2018 pola que se nomea o tribunal que deberá cualificar o proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos da policía local, categoría de policía, quenda de acceso libre (DOG nº 195 do 11 de outubro de 2018).

    • Resolución do 23 de outubro de 2018, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos de policía local, categoría de policía, quenda libre, convocado mediante a Orde do 4 de xullo de 2018, pola que se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio (DOG nº 205 do 26 de outubro de 2018).

    • Resolución do 22 de outubro de 2018 pola que se aproban e se fan públicas as relacións definitivas de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos de policía local, categoría de policía, quenda libre (DOG nº 205 do 26 de outubro de 2018).

    • Resolución do 26 de novembro de 2018, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos de policía local, categoría de policía, quenda libre, convocado pola Orde do 4 de xullo de 2018 pola que se fan públicas as datas, as horas e os lugares de realización do segundo e terceiro exercicio (DOG nº 230 do 3 de decembro de 2018).

    • Resolución do 7 de xaneiro de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos de policía local, categoría de policía, quenda libre, convocado pola Orde do 4 de xullo de 2018 pola que se fai pública a data, a hora e os lugares de realización do cuarto exercicio (DOG nº 10 do 15 de xaneiro de 2019).

    • Resolución do 4 de febreiro de 2019 do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos de policía local, categoría de policía, quenda libre, convocado mediante a Orde do 4 de xullo de 2018 pola que se fan públicos a data, a hora e os lugares de realización do quinto exercicio (DOG nº 31 do 13 de febreiro de 2019).

    • Resolución do 13 de marzo de 2019 do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos da policía local, categoría de policía, quenda de acceso libre, pola que se fai pública a relación de persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo e a listaxe de reserva (DOG nº 52 do 14 de marzo de 2019).

    • Resolución do 14 de marzo de 2019 pola que se convocan para elección de praza as persoas que superaron o proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos de policía local, categoría de policía, quenda de acceso libre, convocado pola Orde do 4 de xullo de 2018 (DOG nº 53 do 15 de marzo de 2019).

  • Ámbito Estatal
    • Resolución de 13 de xullo de 2018, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, referente á convocatoria de prazas de Policía Local en distintos concellos (BOE nº 175 do 20 de xullo de 2018).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN690A

Habilitación - Modificación de entidades de certificación de conformidade municipal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR204D

Queixa ou denuncia de asistencia xurídica gratuíta.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR461C

Inscrición no proceso de acceso por promoción interna, categoría de oficial de Policia Local.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 11/11/2025 00:00 - 05/01/2026 23:59

PR461H

Inscrición no proceso de provisión por mobilidade, categoría de oficial de Policía local.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 11/11/2025 00:00 - 05/01/2026 23:59