Guía de procedementos e servizos

MR670B

Fomento da primeira forestación de terras non agrícolas.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 27/04/2018 00:00 - 28/05/2018 23:59

Consellería do Medio Rural

Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a creación de superficies forestais en terras non agrícolas e proceder á súa convocatoria para o ano 2018 en réxime de concorrencia competitiva.

Liñas de axudas.

1. As axudas obxecto de subvención son as seguintes:

a) Axudas á primeira forestación de terras non agrícolas con especies do anexo I desta orde (coníferas).

b) Axudas á primeira forestación de terras non agrícolas con especies do anexo II desta orde (frondosas).

Tipos de superficies obxecto de axuda.

1. Poderán ser obxecto de axuda as actuacións naqueles terreos que estean identificados no Sistema de identificación xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) como:

– Forestal (FO).

– Pasto con arboredo (PA).

– Pasto arbustivo (PR).

2. En todo caso, será de aplicación o disposto no Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro, polo que se regula o Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas en todo caso, e no establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e a normativa de desenvolvemento.

3. A superficie de actuación será a suma da superficie de forestación máis a superficie da área de defensa.

4. Non se concederá axuda sobre parcelas situadas en hábitats definidos como prioritarios pola Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

5. A cualificación urbanística das parcelas que se vaian forestar deben admitir as actuacións polas cales se solicita axuda.

Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, sen que se admita a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.

Obrigas.

1. O beneficiario da axuda e o solicitante está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos de control da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, e as instancias de control comunitarias no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, e a levar un sistema de contabilidade separado, ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ás axudas solicitadas ao abeiro desta orde, onde se constatará o investimento efectivamente pagado antes do remate do prazo de execución.

2. O beneficiario está obrigado a someterse a calquera actuación que a Administración concedente poida realizar para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión.

3. No caso de achado casual de obxectos e restos materiais que posúan valores que son propios do patrimonio cultural galego, o descubridor deberá comunicalo inmediatamente á Consellería de Cultura e Turismo, de conformidade coa Lei 5/2016, do 4 de maio, pola que se regula o patrimonio cultural de Galicia.

4. As actuacións na zona lateral de protección do Camiño de Santiago serán comunicadas polo solicitante á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de contar coa súa autorización previa, de conformidade coa Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago.

5. A presentación da solicitude de concesión da subvención por parte do interesado comportará a autorización á autoridade de xestión do Programa de desenvolvemento rural para consultar a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades.

6. Durante cinco anos, contados a partir da data de remate dos traballos, realizarase obrigatoriamente, como mínimo, o control da vexetación de competencia e a reposición de marras e, no caso de que o estado da forestación o requira:

a) Podas de formación e de calidade.

b) Fertilización cando o estado da planta o demande.

c) Mantemento das infraestruturas da forestación.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Subdirección Xeral de Recursos Forestais

Servizo de Fomento Forestal

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546073 / 981546075

Fax: 981546101

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña

Servizo de Montes de Coruña

R/ Vicente Ferrer, 2

15008  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981184575

Fax: 981184672

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo

Servizo de Montes de Lugo

Ronda da Muralla, 70

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294531

Fax: 982294874

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Ourense

Servizo de Montes de Ourense

Avda. da Habana, 79-3º

32004  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386695

Fax: 988386697

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra

Servizo de Montes de Pontevedra

R/ Fernández Ladreda, 43-2º

36003  Pontevedra  (Pontevedra)

Teléfono: 986805411

Fax: 986805478

Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

27/04/2018 00:00 - 28/05/2018 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

- Das axudas previstas nesta orde serán persoas beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante CMVMC), que cumpran o establecido no punto 1 do artigo 5 desta orde.

- Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poderen acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, como moi tarde o día en que remate o prazo de presentación da solicitude da axuda. Así mesmo, deberán ter presentadas as comunicacións dos ingresos e reinvestimentos no prazo establecido no capítulo III do Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal.

- As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

- Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

- Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

  • Documentación que se deberá presentar xunto coa solicitude (anexo IX):

a) Documentación xeral:

a.1) No caso do representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

A. Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna:

  • 1) Poder notarial.

  • 2) Representación legal:

    • Autorización asinada.

    • Copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal.

B. Mediante declaración en comparecencia persoal do interesado (poder apud acta):

Realizará o levantamento da acta un funcionario público dunha oficina de asistencia en materia de rexistros, e deixará constancia de que a partir dese momento un suxeito actuará como representante doutro. Apartarase desde ese momento a persoa representada do procedemento e dirixiranse as seguintes actuacións ao representante.

a.2) As CMVMC, as sociedades e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas, cooperativas agrícolas, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío, de fabeo, comunidades de bens, entidades locais, outras persoas xurídicas e os propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación igual ou superior a 10 hectáreas deberán presentar un proxecto (en formato PDF ou similar, e coa cartografía en soporte dixital en formato vectorial), de acordo co establecido no artigo 9, asinado con certificado dixital por unha persoa titulada en enxeñaría de montes ou enxeñaría técnica forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal, e co nomeamento do director de obra.

a.3) Unha copia compulsada do documento que acredite a propiedade dos terreos (só para os efectos desta orde) e, no caso de titulares non propietarios do terreo, copia compulsada do contrato de arrendamento ou de xestión cunha duración equivalente, polo menos, ao período de compromiso da axuda.

A propiedade acreditarase do seguinte xeito:

  • CMVMC, de acordo cos datos que figuren no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común.

  • Propietarios particulares de xeito individual: escritura pública ou privada en que se inclúa a relación catastral das parcelas e permita xustificar a propiedade ou outro dereito adquirido; contrato de xestión; inscrición rexistral dos predios; certificación catastral actualizada que teña correlación coas referencias Sixpac das parcelas da solicitude; fichas catastrais actualizadas (nominais) e/ou xustificante do pagamento do IBI; inscrición como titular dunha explotación agraria no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, así como dos predios sobre os cales se solicita a axuda.

  • Agrupacións de propietarios legalmente constituídas: SAT ou cooperativas, comprobación no Rexistro de SAT e no das cooperativas de Galicia: escritura pública ou privada en que se inclúa a relación catastral das parcelas e permita xustificar a propiedade ou outro dereito adquirido; contrato de xestión; inscrición rexistral dos predios; certificación catastral actualizada que teña correlación coas referencias Sixpac das parcelas da solicitude; fichas catastrais actualizadas (nominais) e/ou xustificante do pagamento do IBI; inscrición como titular dunha explotación agraria no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, así como dos predios sobre os cales se solicita a axuda.

a.4) En todos os casos o solicitante deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, nas cales figurarán detalladas as actuacións que se van realizar (desagregación de todas as actuacións polas cales se solicita axuda por custos unitarios de unidades de obra, incluído o cartel publicitario, se for o caso). A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable, sen que se admitan as ofertas que procedan de empresas vinculadas entre elas nin coa persoa solicitante da axuda, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público. Estas ofertas deberán estar asinadas e incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa ofertante, o nome ou razón social da persoa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Así mesmo, as empresas e persoas individuais que sexan responsables deses orzamentos deberán exercer a súa actividade vinculada á silvicultura (Clasificación nacional de actividades económicas –CNAE– subgrupo A02: Silvicultura e explotación forestal, códigos 021 ou 024, ou obxecto social en que figure a devandita vinculación; ou epígrafe do IAE), polo que xunto aos orzamentos se deberá presentar documentación xustificativa da CNAE ou do IAE ou do obxecto social de cada un dos provedores, para así poder xustificar a súa vinculación ligada á silvicultura.

a.5) Nas zonas de monte ou terreo forestal, copia da adhesión aos modelos silvícolas, no caso de que non fose presentada con anterioridade ou non teña plan de xestión aprobado e inscrito no Rexistro de Montes Arborados de Galicia. A adhesión será da totalidade do monte, non só da superficie obxecto de axuda.

a.6) Declaración responsable da clasificación urbanística das parcelas para as cales se solicita a axuda e localización nos planos do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) das ditas parcelas. No caso dunha afección distinta da forestal (Camiño de Santiago, patrimonio, dominio público hidráulico, etc.) farase constar tamén nesta declaración responsable.

  • b) Documentación específica:

b.1) Para asociacións ou agrupacións formalmente constituídas inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia, presentarán o anexo X ou acordo de cesión asinado por todos os compoñentes da agrupación. A asociación ou agrupación deberá estar inscrita no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia na data do remate do prazo de presentación da solicitude de axuda.

b.2) Para os proindivisos, montes de varas, fabeo, de vocerío, de voces, abertais e comunidades de bens, presentarán asinado o anexo XI ou acordo de compromisos e obrigas por todos os seus compoñentes, e deberán presentar a acreditación da persoa física que as representa.

b.3) No caso de propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación inferior a 10 hectáreas, documento descritivo das actuacións ou anexo XIII.

  • c) Documentación complementaria:

c.1) No caso de CMVMC: certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan que o presidente da CMVMC solicite axudas á Consellería do Medio Rural para a execución das accións obxecto da solicitude.

c.2) No caso de cooperativas agrarias: copia dos estatutos e anexo V debidamente cuberto.

c.3) No caso doutras entidades xurídicas (asociacións, agrupacións, etc.): copia dos estatutos ou escrituras de constitución e acreditación da persoa física que as representa e anexo V debidamente cuberto.

c.4) No caso de entidades locais: certificado do secretario municipal conforme foi informada a comisión de goberno da solicitude de axuda ou documento semellante de acordo co principio de autoorganización das entidades locais.

c.5) No caso de propietarios particulares, sociedade ou agrupación de propietarios particulares, de cooperativa agrícola, do proindiviso (copropietarios), de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, ou de comunidade de bens que teñan parcelas inscritas no Rexistro da Propiedade, e unicamente para os efectos de desempate na puntuación da orde de prioridade, deberán presentar copia de documento que acredite as parcelas inscritas no Rexistro da Propiedade.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.

  • b) Consulta do NIF da persoa xurídica solicitante.

  • c) Consulta do DNI/NIE da persoa representante (se é o caso).

  • d) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

  • e) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

  • f) Estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado na solicitude e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderá solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se a presentación se realiza presencialmente, requerirase que a persoa solicitante a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • A documentación complementaria presentarase tamén por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se a presentación desta documentación se realiza presencialmente, requirirase que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se deben presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • A persoa solicitante fará constar na solicitude de axuda (anexo IX) se a superficie de actuación comprende zonas incluídas na Rede Natura 2000, zonas de protección lateral do Camiño de Santiago ou se está afectada pola normativa de patrimonio cultural de Galicia, conforme o Decreto 232/2008, do 2 de outubro, así como calquera outra afección segundo a lexislación sectorial vixente en materias distintas da forestal.

Nestes casos, o solicitante pedirá autorización/informe ao órgano competente por razón da materia. No caso de que a autorización/informe sexa desfavorable ou non se atope en poder da Subdirección Xeral de Recursos Forestais no momento en que o xefe territorial de cada provincia propoña a relación de solicitudes que cumpren os requisitos da convocatoria, a solicitude declararase decaída no seu dereito a trámite.

  • Deberán presentar a solicitude correctamente cuberta conforme o anexo IX, xunto co resto de anexos se for necesario. Os datos da solicitude que se citan a seguir considéranse o mínimo imprescindible para a súa tramitación, polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar á inadmisión da solicitude ou á súa revogación, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan. Estes datos son:

    • Datos da persoa solicitante (nome, apelidos, NIF e enderezo completo).

    • En todos os casos, correo electrónico ou teléfono móbil.

    • Datos do tipo de solicitante.

    • Copia da súa adhesión aos modelos silvícolas da totalidade do monte, agás nas excepcións establecidas na orde.

    • Tres ofertas de diferentes provedores.

  • Soamente se poderá presentar unha solicitude por titular e ano e para os terreos que se encontren nun mesmo concello, agás no caso de que un titular teña terreos en dúas ou máis agrupacións forestais, nas cales o 50 % dos seus membros deberá ser distinto. No caso contrario, procederase de oficio a arquivar sen máis trámite as solicitudes presentadas con posterioridade á primeira. Deberase presentar unha solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos.

  • Toda a información para a presentación de solicitudes está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos. Tamén se poderá acceder a través da Oficina Agraria Virtual (OAV) dispoñible no enderezo http://mediorural.xunta.gal/es/institucional/oficina_virtual/

  • A presentación da solicitude non implica ningún dereito para o peticionario mentres non exista resolución favorable á petición.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 17 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 81 do 26 de abril de 2018).

    • Extracto da Orde do 17 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 81 do 26 de abril de 2018).

    • Anuncio do 30 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Ordenación Forestal, polo que se publica a resolución das axudas concedidas e desestimadas ao abeiro da Orde do 17 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (Diario Oficial de Galicia número 81, do 26 de abril) (DOG nº 11 do 16 de xaneiro de 2019).

  • Ámbito Europeo
    • Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013 relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Reglamento (CE) nº 1698/2005 do Consello

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR101B

Solicitude de certificados de propiedade ou de transmisión da propiedade en concentración parcelaria

Aberto todo o ano

MR200A

Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector subministrador de medios de defensa fitosanitaria.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR200B

Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector de tratamentos fitosanitarios

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR200C

Rexistro Oficial de Produtores e peradores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector de asesoramento fitosanitario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano