Guía de procedementos e servizos

MR440D

Axuda para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 24/01/2018 00:00 - 14/02/2018 23:59

Consellería do Medio Rural

Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e realizar a convocatoria para o ano 2018.

Poderán presentar solicitudes para acollerse ao financiamento das medidas de promoción en terceiros países as seguintes figuras xurídicas con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non incorran nalgunha das prohibicións do artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Empresas vinícolas, considerando como tales aquelas empresas privadas en que máis do 50 % da súa facturación proveña do sector do viño, de acordo co seu último exercicio fiscal pechado.

b) Organizacións de produtores vitivinícolas e asociacións de organizacións de produtores vitivinícolas, definidas de acordo cos artigos 152 e 156 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

c) Organizacións interprofesionais definidas e recoñecidas a nivel nacional de acordo cos artigos 157 e 158 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e recoñecidas por España segundo o disposto na Lei 38/1994, do 30 de decembro, reguladora das organizacións interprofesionais agroalimentarias.

d) Organizacións profesionais: entenderase como organizacións profesionais aquelas que exerzan a súa actividade maioritariamente no sector do viño, e que estean recoñecidas no ámbito nacional de acordo coa normativa vixente, e que teñan entre os seus fins estatuarios a realización de actividades de promoción.

e) Órganos de xestión e de representación das indicacións xeográficas protexidas e de nominacións de orixe protexidas vínicas, así como as súas asociacións.

f) As asociacións temporais ou permanentes de dous ou máis produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño. Entenderanse como tales as agrupacións de produtores, persoas físicas o xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de persoalidade xurídica, poida levar a cabo os proxectos ou actividades para os cales se agruparon. Actuarán de conformidade co artigo 11.3 da Lei 38/2013, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Os organismos públicos con competencia legalmente establecida para desenvolver actuacións de promoción de produtos e mercados en terceiros países.

No caso das asociacións temporais ou permanentes de dous ou máis produtores designarase un representante da agrupación, que deberá ter poderes suficientes para poder cumprir as obrigas que corresponden á citada agrupación como beneficiaria das axudas, tal e como establece o artígo 11.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro. Todos os membros da agrupación obterán a condición de beneficiarios e manteranse na agrupación desde o momento de presentación da solicitude ata o cesamento das obrigas de control financeiro establecidas pola Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias

Avenida do Camiño Francés, 10

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981540168 / 981540027

Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

24/01/2018 00:00 - 14/02/2018 23:59

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e as solicitudes de axuda para esta convocatoria deberán presentarse antes do 15 de febreiro de 2018

Os beneficiarios deberán demostrar, en función do persoal de que dispoñen e, de ser o caso, do tamaño da empresa e a súa experiencia profesional nos últimos anos, que teñen acceso á suficiente capacidade técnica para afrontar as exixencias de comercio con terceiros países, e que contan cos recursos financeiros e de persoal suficientes para asegurar que a medida se aplica o máis eficazmente posible. Deberán, así mesmo, garantir a dispoñibilidade, en cantidade e calidade, de produtos para asegurar a resposta a longo prazo fronte ás demandas que se poidan xerar como efecto da promoción realizada, unha vez concluída.

  • As solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación complementaria:

    • Memoria que deberá conter, polo menos, a información prevista no anexo II.

    • Copia do poder ou acordo do órgano competente, se é o caso, que xustifique que quen asina como solicitante ten plena capacidade legal para facelo e para aceptar os compromisos correspondentes na data da solicitude.

    • Copia das escrituras e dos estatutos ou do regulamento da entidade, organismo, organización ou empresa solicitante.

    • Copia do imposto de sociedades ou documentación equivalente (no caso de persoas xurídicas) dos 3 últimos anos.

    • Catálogo ou relación descritiva da carteira de produtos que se van comercializar co programa de promoción solicitado. No caso de viños amparados por unha denominación de orixe, IXP ou ecolóxicos, debe xuntarse ademais un certificado do Consello Regulador que indique o viño dispoñible.

    • Relación de ofertas solicitadas e elixidas: anexo X debidamente cuberto, acompañado de todas as ofertas solicitadas.

    • De ser o caso, certificación ambiental segundo o Regulamento comunitario EMAS (Regulamento (CE) Nº 1221/2009), a Norma ISO 14.001, o certificado Wineries for Climate Protection.

    • No caso de prórroga dun programa, de acordo co parágrafo 3 do artigo 2, ademais da documentación prevista nos parágrafos 1 e 4 deste artigo, os interesados deberán presentar un informe de resultados dos dous primeiros anos de execución para a súa avaliación. O referido informe conterá, polo menos, información relativa aos efectos no mercado de destino do programa desenvolto, ademais de detallar as razóns para solicitar a prórroga.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • As accións e programas presentados deberán conter, polo menos, a información prevista no anexo II Memoria e:

– Cumprir o disposto nesta orde.

– Respectar a normativa da Unión Europea relativa aos produtos considerados e á súa comercialización.

– Incluír co suficiente grao de detalle todos os requisitos necesarios para que se poida avaliar a súa conformidade coa normativa aplicable e a súa relación calidade/prezo.

– Especificar os medios propios ou externos con que se contará para desenvolver as accións previstas.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

    • a) Documentos acreditativos da personalidade da entidade ou da persoa solicitante, consistentes no NIF cando a solicitante sexa unha persoa xurídica e no DNI no caso de persoa física.

    • b) Declaracións do IRPF (no caso de persoas físicas) dos 3 últimos anos soamente.

    • c) Acreditación de estar ao dia nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

    • d) Acreditación de estar ao dia nas obrigas coa Seguridade Social.

    • e) Acreditación de estar ao dia nas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado/a no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes de axuda presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como a data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e contrasinal Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Despois de presentar

Prazo de resolución: Seis meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 28 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 16 do 23 de xaneiro de 2018).

    • Extracto da Orde do 28 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 16 do 23 de xaneiro de 2018).

    • Resolución do 7 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 28 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 36 do 20 de febreiro de 2019).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA901A

Alegacións no Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGAL).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG302A

Avais do Igape.

Aberto todo o ano

IN201B

Obtención/renovación do obradoiro artesán

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN201D

Revisión actividades artesás do Rexistro xeral de artesanía de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano