Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG414A
Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
O obxecto destas bases é a convocatoria de 40 prazas para a capacitación de mozos profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.
O obxectivo destas bases é formar especialistas no ámbito da internacionalización empresarial mediante bolsas de formación práctica en internacionalización, con destino en organismos de promoción económica, centros de investigación e/ou empresas en Galicia e no estranxeiro en labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización.
A convocatoria destas prazas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.
O procedemento de concesión destas prazas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Mozos profesionais en materia de internacionalización empresarial.
Obrigas dos bolseiros.
Sen prexuízo doutras obrigas conforme a estas bases e demais disposicións aplicables, os beneficiarios das bolsas quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:
a) Incorporarse ao seu destino dentro do prazo fixado na resolución de concesión. A incorporación dos beneficiarios faranse en grupos con diferentes datas de incorporación para facilitar a formación previa. A non incorporación na data establecida na resolución sen que medie comunicación a Igape suporá renuncia á bolsa.
b) Cumprir as normas de conduta da oficina ou entidade de destino do bolseiro.
c) Elaborar e presentarlle ao Igape os estudos, informes ou traballos prácticos durante a duración da bolsa e, antes do remate de cada período (período inicial e, de ser o caso, prórroga), presentar unha memoria final sobre os traballos realizados e, se fose o caso, devolver, no prazo de 10 días desde o remate final, o material non funxible entregado polo Igape para o desenvolvemento da bolsa.
d) Xestionar, tramitar e obter os visados, permisos ou autorizacións exixidos polas autoridades do país ou cidade de destino e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino.
e) Vacinarse e recibir os tratamentos preventivos necesarios para o país ou cidade de destino.
f) Contratar un seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa e as súas posibles prórrogas e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino. O bolseiro será dado de alta na Seguridade Social desde o Igape polo que durante a súa estadía en Galicia terá a cobertura sanitaria da Seguridade Social, así como da mutua correspondente no caso de accidente laboral ou enfermidade profesional. Así mesmo, tamén terán cobertura sanitaria as estadías en países do Espazo Económico Europeo onde teña validez a tarxeta sanitaria europea.
g) Comunicar ao Igape a obtención doutras bolsas ou axudas de carácter similar, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade ao aboamento da bolsa.
h) Reintegrar a bolsa percibida, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
i) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.
j) Todo isto, sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
k) Dispoñer dun ordenador (agás que no destino a que se asigne o bolseiro dispoña de medios informáticos, o que se lle comunicará ao bolseiro antes da súa incorporación ao destino) e conexión á internet durante todo o tempo de desfrute da bolsa dado que é necesario para a realización das labores da súa formación.
Os requisitos mínimos do ordenador son:
• Procesador de 64 bits (×86).
• 4 GB de memoria do sistema.
• Disco duro de 120 Gb Serial ATA a 7200 rpm.
• DVD+/-RW SATA SuperMulti Doble Capa con LightScribe.
• Conexión de rede Gigabit Ethernet (10/100/1000 NIC) integrada.
• Tecnoloxías inalámbricas: o LAN 802.11 a/b/g/N.
• Portos E/S externos: o Portos USB 2.0.
• 1 × RJ-45.
• Teclado Touchpad.
l) Participar nas actividades formativas que organice o Igape durante a bolsa, presenciais (no caso de destino en Galicia) ou en liña.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Xerencia - Igape
Complexo Administrativo San Lázaro s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151
Email: informa@igape.es
Prazo de presentación: PECHADO
26/04/2018 00:00 - 25/05/2018 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
1. Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1983.
2. Posuír a nacionalidade española e nacido en Galicia; ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e nacido en Galicia ou estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con dous anos de antigüidade á data de publicación destas bases.
3. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes:
a) Universitarias (licenciatura, diplomatura, enxeñaría ou grao): Administración e Dirección de Empresas, Ciencias do Transporte e Loxística, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Empresariais, Ciencias Políticas, Comercio, Comercio Exterior, Dereito, Dirección e Creación de Empresa, Dirección de Empresas-BBA, Dirección Financeira e Contabilidade, Economía, Enxeñaría, Estatística e Empresa, Márketing e Dirección Comercial, Marketing e Investigación de Mercados, Relacións Internacionais, ou outras con distinta denominación pero de contidos similares ás citadas.
b) Formación profesional: técnico superior en Comercio Internacional.
c) Outras titulacións universitarias non preferentes (licenciatura, diplomatura ou grao) doutras temáticas coa condición de que se dispoña ademais de título de máster en Comercio Internacional.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español antes de que finalice o prazo de presentación de solicitudes. Polo que se refire aos títulos de máster non se require que estean homologados.
4. Coñecementos de inglés (falado e escrito).
Esta capacidade acreditarase mediante a realización dun exame en que os aspirantes deberán demostrar como mínimo nivel B1 do marco común europeo de referencia para as linguas.
Os aspirantes que non comparezan ou non acaden o nivel mínimo B1 na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.
Opcionalmente, os candidatos, ademais de examinarse de inglés, poderán indicar na solicitude ata tres idiomas adicionais dos cales queiran examinarse, de cara a ter máis puntos no baremo. Os idiomas adicionais dispoñibles son: chinés, alemán, francés e portugués.
5. Estar dado de alta como demandante de emprego (ou demandante de mellora de emprego) no servizo público de emprego de Galicia, antes da data de presentación da súa solicitude de axuda.
6. Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.
7. Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas con posterioridade.
8. Non ter gozado dunha bolsa concedida por outros organismos distintos de Igape, relacionada coa internacionalización empresarial ou con prácticas en empresas fóra de España. Exceptúanse as bolsas de estudos gozadas durante os anos escolares ou universitarios.
9. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario electrónico a declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11.h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A solicitude presentarase mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, previa resolución de arquivamento.
Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Os solicitantes que presenten a solicitude por vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:
1º. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.
2º. Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
3º. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, e indicarán os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación (no caso de que estea redactada nunha lingua non oficial en Galicia, deberase presentar acompañada de tradución realizada por intérprete xurado):
a) Acreditación dos requisitos mínimos segundo o expresado no artigo 4 destas bases.
1º. Curriculum vitae.
2º. Copia do pasaporte no caso de que o solicitante sexa estranxeiro e non teña o número de identificación de estranxeiría (NIE).
3º. Vida laboral da persoa solicitante posterior á data de publicación das bases no DOG.
4º. Resgardo de ter pagadas as taxas para a obtención do título de estudos universitarios obtido segundo o expresado no artigo 4.3, en ausencia do título. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que os acrediten cunha copia da homologación concedida polo Ministerio de Educación español (isto non se require para os títulos de máster). A formación deberá estar finalizada antes da data de presentación da solicitude.
b) Acreditación dos requisitos baremables segundo o expresado no artigo 9.3 destas bases:
1º. Acreditación, se é o caso, da formación específica de posgrao en comercio exterior segundo o expresado no artigo 9.3.e): copia do certificado de realización dun curso completo en que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.
2º. Acreditación, se é o caso, doutra formación de posgrao segundo o expresado no artigo 9.3.f): copia do certificado de realización dun curso completo en que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.
De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) Certificado de empadroamento para acreditar o cumprimento da veciñanza administrativa en Galicia.
d) TDítulo de estudos universitarios acadado, segundo o expresado no artigo 4.3.
e) Tarxeta de demandante de emprego (ou tarxeta de demandante de mellora de emprego) do Servizo Público de Emprego de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
A documentación presentarase preferiblemente por vía electrónica. Para iso, os solicitantes deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.
Para achegar os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a copia simple da documentación presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Este modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 13 de abril de 2018 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 80 do 25 de abril de 2018).
-
Extracto da Resolución do 13 de abril de 2018 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 80 do 25 de abril de 2018).
-
Corrección de erros. Resolución do 13 de abril de 2018 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 89 do 9 de maio de 2018).
-
Resolución do 11 de setembro de 2018 pola que se dá publicidade da resolución de concesión do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial (DOG nº 176 do 14 de setembro de 2018).
-
Resolución do 2 de setembro de 2019 pola que se dá publicidade aos beneficiarios das axudas concedidas durante o terceiro e cuarto trimestre de 2018 (DOG nº 179 do 20 de setembro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Alegacións no Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGAL).
Aberto todo o ano
Avais do Igape.
Aberto todo o ano
Obtención/renovación do obradoiro artesán
Aberto todo o ano
Revisión actividades artesás do Rexistro xeral de artesanía de Galicia.
Aberto todo o ano