Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED702B
Obtención da avaliación previa á contratación de profesorado polas universidades do Sistema Universitario de Galicia.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Apróbase a convocatoria para a presentación de solicitudes por parte dos interesados que desexen obter a avaliación, para poder ser contratados como persoal docente e investigador, por algunha das universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG), como profesorado contratado doutor, de universidade privada e axudante doutor, de conformidade co disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril; e que debe emitir o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).
Poderán presentar a súa solicitude todas aquelas persoas que posúan o título de doutor e non se atopen en ningún dos supostos regulados no artigo 4 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009, pola que se regula a avaliación e informe de ACSUG previos á contratación de profesorado contratado doutor, de universidade privada e axudante doutor.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG)
Lamas de Abade, s/n - Edif. CIFP Compostela, 5º andar
15702 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981534173
Fax: 981534174
Prazo de presentación: PECHADO
13/09/2018 00:00 - 15/10/2018 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
As persoas solicitantes deberán cubrir o modelo de solicitude (anexo I) a través da aplicación informática de ACSUG, accedendo a través da páxina web http://www.acsug.es/convocatorias-abertas. Deberá indicarse para cal ou cales das figuras contractuais se solicita a avaliación. No caso de que se pida máis dunha figura, farase na mesma solicitude.
Unha vez cuberta a solicitude na aplicación de ACSUG do xeito que se indica na base anterior e realizado o pagamento das taxas administrativas correspondentes, a dita solicitude presentaranse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios na sede electrónica, poderá dirixirse ao teléfono do servizo de Atención e Información á Cidadanía 012.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Con independencia da opción elixida para a presentación da solicitude achegarase a seguinte documentación:
Anexo I (solicitude) cumprimentada e xerada na aplicación de ACSUG.
Xustificante do pagamento das taxas devindicadas pola tramitación da solicitude.
CD-ROM coa documentación xustificativa dos méritos curriculares.
Respecto ao anexo I (solicitude) e ao xustificante do pagamento das taxas devindicadas pola tramitación da solicitude rexerá o disposto na base oitava.
Respecto ao CD-ROM coa documentación xustificativa dos méritos curriculares rexerá o disposto na base décima.
Toda a documentación a que se fai referencia no parágrafo anterior presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
DNI ou NIE da persoa solicitante.
Título universitario de doutor.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Cando as solicitudes presentadas en prazo non cumpran cos requisitos exixidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como nestas bases, requirirase o interesado para que proceda á súa emenda, de conformidade co disposto no artigo 68 da citada norma. De non facelo, considerarase desistida a petición e arquivarase o expediente.
Formalización e alegación dos méritos curriculares.
O currículo formalizarase no formato dixital dispoñible na aplicación informática accedendo a través da páxina web www.acsug.es. Só se valorarán os méritos que aparezan cubertos deste xeito no currículo. No caso de que un mérito sexa susceptible de ser alegado en distintas epígrafes do currículo, o interesado elixirá o lugar onde desexa que aquel sexa valorado.
Xustificación dos méritos curriculares.
1. A documentación xustificativa dos méritos curriculares alegados deberase achegar en soporte dixital xunto coa solicitude.
Cando a solicitude se presente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, será de aplicación o disposto no parágrafo 4 da base quinta.
Cando a solicitude se presente presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa dos méritos curriculares achegarase nun CD ROM.
Non se admitirá ningún documento xustificativo dos méritos curriculares en formato papel, sen prexuízo do cal, ACSUG poderá solicitar, ao interesado ao longo da tramitación do procedemento, o cotexo dos méritos alegados mediante a presentación dos correspondentes documentos orixinais ou copias compulsadas.
2. A documentación xustificativa dos méritos curriculares non será obxecto de emenda. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes non se admitirá a presentación de ningunha documentación. A avaliación do currículo farase con base nos xustificantes dos méritos achegados polo solicitante ata o momento do peche do prazo. ACSUG poderá requirir aos solicitantes as aclaracións e concrecións que considere oportunas.
3. Como criterio xeral os solicitantes xustificarán do xeito máis axeitado e completo posible a realización dos seus méritos curriculares, coa finalidade de facilitar a súa avaliación. Sen prexuízo do anterior, os méritos que se relacionan a continuación só se terán en conta cando se xustifiquen do xeito que expresamente se indica:
– A docencia universitaria regrada xustificarase cun certificado da autoridade académica competente emitido pola universidade en que se prestase aquela, no cal deberán constar as materias e o número de horas ou créditos impartidos.
– O expediente académico xustificarase a través dun certificado expedido pola autoridade competente, en que figurará a nota media calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificación nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.
– Os cursos e másters recibidos xustificaranse co correspondente certificado en que conste o número de horas destes.
– As bolsas e as axudas acreditaranse a través da credencial emitida polo organismo pagador destas.
– Os proxectos e contratos de investigación competitivos e non competitivos xustificaranse coa documentación en que conste a súa concesión por parte do organismo pagador, as características, o posto ocupado como membro do proxecto e o seu carácter internacional, nacional, autonómico, interuniversitario ou interdepartamental.
– A actividade profesional desenvolvida xustificarase prioritariamente coa presentación da copia dos correspondentes contratos de traballo e o certificado de vida laboral da Seguridade Social.
– Para acreditar libros, artigos e demais publicacións será suficiente con entregar unha copia escaneada da primeira e última folla, índice e folla onde figure o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.
– No caso de publicacións telemáticas, se son de acceso libre, sinalarase o modo de acceso. En caso contrario xuntarase o arquivo da publicación en que figure o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.
– No caso de traballos aceptados e pendentes de publicación, xustificaranse coa aceptación da editorial ou organismo responsable da publicación.
4. Tendo en conta que as persoas solicitantes asinan unha declaración respecto da veracidade dos datos que fan constar na solicitude e no currículo, así como de toda a documentación xustificativa que xunta á solicitude, estas asumirán as responsabilidades que se puidesen derivar das inexactitudes que consten tanto na solicitude como na documentación que presenten.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 17 de setembro de 2009 pola que se regula a avaliación e o informe da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia previos á contratación de profesor contratado doutor, profesor axudante doutor, profesor de universidade privada e profesor colaborador (DOG nº 189 do 25 de setembro de 2009).
-
Resolución do 3 de setembro de 2018 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a obtención da avaliación previa á contratación de profesorado polas universidades do Sistema universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes (DOG nº 174 do 12 de setembro de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Aprobación de centros e institutos de investigación do sistema universitario de Galicia
Aberto todo o ano
Inscrición, depósito documental e certificación da sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego do Protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Prazo pechado: 01/02/2023 00:00 - 03/03/2024 23:59
Bolsas de formación para proxectos de investigación no centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades.
Prazo pechado: 06/06/2018 00:00 - 05/07/2018 23:59
Axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema Universitario de Galicia.
Prazo pechado: 06/09/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59