Guía de procedementos e servizos

ED504B

Actividades de formación en linguas estranxeiras.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 08/02/2018 00:00 - 07/03/2018 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

O obxecto desta orde é establecer as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación, dirixidas á mellora das competencias en linguas estranxeiras do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia, durante o ano 2018.

Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso por parte das persoas interesadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia, aos formularios de inicio, denomínase «actividades de formación en linguas estranxeiras», co código do procedemento ED504B.

Actividades de formación convocadas

1. As actividades que se convocan, cuxo contido se especifica en canto a número de prazas, destino e réxime de aloxamento no anexo IV, son actividades de formación para a mellora na competencia no uso de linguas estranxeiras.

2. O período de realización destas actividades comprenderá desde a última semana do mes de xuño ata finais do mes de agosto de 2018, coa excepción das actividades de integración, que se desenvolverán no inicio do curso 2018/19.

As datas concretas de realización das actividades daranse a coñecer coa publicación das listaxes definitivas do alumnado seleccionado.

A Administración reserva para si o dereito de adxudicarlles destino ás persoas seleccionadas atendendo, na medida do posible, ás preferencias indicadas na solicitude.

3. A xestión e organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación dunha póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

As familias achegarán as cantidades que lles correspondan á empresa adxudicataria encargada da organización técnica da actividade, de acordo coas contías establecidas no anexo IV.

4. O custo total de cada actividade inclúe:

a) No caso das actividades que se realicen no estranxeiro, os gastos da viaxe desde o punto de saída dos distintos grupos.

b) Os monitores ou monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

c) Os gastos de docencia e o material escolar.

d) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

e) Os gastos de mantenza e aloxamento.

f) O certificado de realización da actividade.

g) O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Pais, nais ou titores legais, no caso do alumnado menor de idade, ou polo propio alumnado se é maior de 18 anos, sempre que conten con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Servizo de Programas de Formación

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546504

Fax: 981546550

http://www.edu.xunta.es/web

Dirección Xeral de Formación Profesional
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

08/02/2018 00:00 - 07/03/2018 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG). Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar cursando 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral, durante o curso 2017/18, na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2016/17.

c) Ter acadado no curso 2016/17 unha cualificación mínima de ben no 6º curso de educación primaria para o alumnado de 1º de educación secundaria obrigatoria, e de 6 para o de 2º, 3º e 4º cursos de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía.

d) Para as actividades de integración, estar matriculado/a, no curso 2017/18, nun centro da Rede de centros plurilingües.

e) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.

f) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Estar en posesión do documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou pasaporte. No caso do alumnado menor de 14 anos que non dispoña de documento de identidade, farase constar, como documento identificativo, o do pai ou da nai ou do titor ou titora legal.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

    • a) Anexo II.

    • b) Certificación de matrícula do curso 2017/18.

    • c) Certificación académica das cualificacións de todas as áreas ou materias cursadas no ano académico 2016/17 e da nota media obtida. No caso dos centros concertados, as certificacións correspondentes á educación primaria e educación secundaria obrigatoria serán asinadas polo director ou directora do centro docente co visto e prace da inspección educativa, e no caso das ensinanzas de bacharelato, a certificación asinaraa o secretario ou secretaria do centro público en que se atope o expediente académico e co visto e prace do director ou directora dese centro.

    • d) Fotocopia do libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar. No caso de non ter libro de familia terá que presentarse documento ou documentos que acrediten o número de membros da unidade familiar. No suposto de non convivencia de ambos os proxenitores, deberase acreditar que o solicitante convive cos fillos e/ou fillas.

No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co alumno ou alumna. Non obstante, se é o caso, terá a consideración de membro computable e sustentador principal o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, cuxas rendas e patrimonio se incluirán dentro do cómputo da renda e patrimonio familiar. Na medida en que a través deste sistema a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poida dispoñer destas informacións, non se lles exixirá ás persoas interesadas a achega individual de certificacións expedidas polas administracións correspondentes.

Para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado ou interesada para que, nun prazo de dez días naturais, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos. De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

  • e) No caso de alegar circunstancias familiares especiais, indicadas no anexo I (familia monoparental, divorcio ou separación, viuvez, titoría legal ou outras), deberán acreditalas documentalmente.

  • f) Certificado de discapacidade da persoa solicitante, da nai, do pai, ou do titor ou titora, ou de irmáns/ás menores de 25 anos ou de persoas tuteladas, no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas.

  • a) DNI ou do NIE do/a solicitante e da nai, do pai ou do titor ou titora.

  • b) Ingresos totais da unidade familiar; datos de carácter tributario ou económicos da Axencia Estatal de Administración Tributaria relativos ao nivel de renda (IRPF) correspondente ao ano 2016.

  • c) Estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal de Administración Tributaria para subvencións e axudas.

  • d) Estar ao día no pagamento coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de acordo co establecido no artigo 20.3, en relación co artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

  • e) Estar ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

  • f) Título de familia numerosa.

  • g) Discapacidade da persoa solicitante, da nai, do pai, ou do titor ou titora, ou de irmáns/ás menores de 25 anos ou de persoas tuteladas no caso de que fose expedido pola Xunta de Galicia.

  • h) Situación de pensionista de grande invalidez, a través da consulta co Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal e Maternidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou anexo II, e achegar os seguintes documentos:

  • Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria dos ingresos da unidade familiar correspondentes ao exercicio 2016.

  • Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria de estar ao día no pagamento para subvencións e axudas.

  • Copia do DNI ou NIE.

  • Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

  • Certificación da consellería competente en materia de facenda da Administración autonómica dos datos de situación de débedas.

  • Copia do título de familia numerosa.

  • Certificación do grao de discapacidade no caso de que fose expedido pola Xunta de Galicia.

  • Certificación do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal e Maternidade de pensionista de grande invalidez.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Non serán tidas en conta nin valoradas as circunstancias alegadas e non xustificadas documental e correctamente tal como se indica, nin as que se aleguen fóra do prazo establecido para esta convocatoria, nin as que conteñan emendas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá requirir das persoas solicitantes en calquera momento aclaración da documentación presentada.

  • As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do acceso á aplicación dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas que desexen completar en liña o formulario electrónico que corresponda en función da actividade en que queiran participar, a través da aplicación dispoñible desde a páxina web http://www.edu.xunta.gal/axudasle, unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación en liña, o que xerará un documento en formato Adobe Acrobat, correspondente aos anexos I e II, que a persoa interesada deberá imprimir. A solicitude (anexo I) deberá asinala o representante (o pai, a nai ou a persoa que exerce a titoría, no caso de alumnado menor de idade) ou o alumno ou alumna maior de 18 anos. Posteriormente e antes do remate do prazo establecido neste artigo, deberá facerse o rexistro desta solicitude, xunto co anexo II, debidamente asinado, así como a documentación complementaria necesaria, por calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

  • A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 22 de xaneiro de 2018 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2018, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 27 do 7 de febreiro de 2018).

    • Orde do 4 de xullo de 2018 pola que se resolve a adxudicación das axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2018, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 146 do 1 de agosto de 2018).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED317A

Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial

Aberto todo o ano

ED317B

Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral

Aberto todo o ano

ED434A

Homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.

ED434B

Equivalencia de estudos estranxeiros coa escolaridade dos cursos 2º ou 3º de educación secundaria obrigatoria para efectos laborais ou profesionais.