Guía de procedementos e servizos

ED306A

Adxudicación de prazas de residencia en centros residenciais docentes.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 09/06/2018 00:00 - 13/07/2018 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

1. A presente orde ten por obxecto regular o procedemento (código ED306A) para adxudicar prazas de residencia existentes nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, ao alumnado que no curso académico 2018/19 inicie ou continúe estudos postobrigatorios non universitarios en centros docentes públicos ou privados concertados situados nos termos municipais da Coruña, Culleredo, Ourense e Vigo.

2. No caso de centros docentes privados concertados deberá tratarse de ensinanzas e niveis incluídos no ámbito do concerto educativo.

Alumnado que no curso académico 2018/19 inicie ou continúe estudos postobrigatorios non universitarios en centros docentes públicos ou privados concertados situados nos termos municipais da Coruña, Culleredo, Ourense e Vigo.

Obrigas das persoas residentes.

1. As persoas beneficiarias de praza deberán incorporarse á residencia na data de inicio do curso escolar e respectar o réxime interno, as normas de convivencia e os horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

Así mesmo, deberán presentar na secretaría do centro residencial o boletín oficial ou documento acreditativo das notas parciais obtidas durante o curso no prazo máximo de 5 días seguintes á súa entrega por parte do centro docente.

2. Os centros residenciais docentes permanecerán pechados as fins de semana (desde o venres pola tarde ata o domingo pola noite) tal e como establezan as normas de réxime interno do centro.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Subdirección Xeral de Centros

Servizo de Apoio Económico e Axudas ao Estudo

San Caetano, s/n - Bloque II - 2º andar

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546521 / 981547301

Fax: 981546542

Email: sxcentros@edu.xunta.es

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

09/06/2018 00:00 - 13/07/2018 23:59

09/06/2018 00:00 - 08/08/2018 23:59

O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será:

1. Para o alumnado matriculado en bacharelato, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 13 de xullo de 2018 (este incluído).

2. Para o alumnado matriculado en ciclos formativos, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 8 de agosto de 2018 (este incluído).

A persoa solicitante deberá reunir os seguintes requisitos:

1. Estar matriculada en estudos postobrigatorios non universitarios nalgún dos centros docentes indicados no artigo 1 desta orde no curso 2018/19.

2. Non repetir curso. Excepcionalmente, por causas debidamente xustificadas, a comisión de valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento deste requisito, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e do informe da inspección educativa.

3. Non ter sido expulsada no curso anterior dun centro residencial nin estar sometida a un procedemento disciplinario en trámite, por algunha das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia descritas no artigo 15 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, e no capítulo II do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, que a desenvolve.

Lugar de residencia da unidade familiar e accesibilidade aos estudos.

1. A persoa solicitante deberá estar matriculada nunha concreta modalidade dun nivel educativo ou nunha familia profesional ou especialidade dun ciclo formativo, que:

a) Non se imparta en ningún centro sostido con fondos públicos da localidade de residencia habitual da unidade familiar á cal pertenza.

b) E tampouco se imparta nunha localidade que, pola súa proximidade á de residencia habitual ou polos medios de comunicación dispoñibles, permita o desprazamento diario con facilidade.

2. Excepcionalmente, por circunstancias persoais ou familiares moi graves debidamente xustificadas, a comisión de valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento deste requisito, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e dos informes que se consideren oportunos.

Membros computables da unidade familiar.

1. Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) O alumnado solicitante.

b) As persoas proxenitoras non separadas legalmente nin divorciadas ou, de ser o caso, os representantes legais do menor.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa persoa proxenitora.

d) As irmás e irmáns solteiros menores de 25 anos que dependan das persoas proxenitoras, sempre que convivan no domicilio familiar.

e) As irmás e irmáns maiores de 18 anos con discapacidade sempre que convivan no domicilio familiar.

2. Cando a persoa solicitante alegue que vive de forma independente respecto da súa unidade familiar deberá acreditar a dispoñibilidade da vivenda (en propiedade, en alugamento ...); que vive de forma efectiva nela (recibos de luz, auga ...); e que dispón de medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos. Se non xustifica os aspectos indicados, non se considerará probada, para os efectos desta orde, a circunstancia de vida independente.

3. Non terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) A persoa proxenitora que non conviva habitualmente coa persoa solicitante no caso de separación legal ou divorcio, agás que a persoa solicitante fose menor e os proxenitores tivesen a custodia compartida.

b) O agresor, nos casos de violencia de xénero.

Determinación da renda da unidade familiar.

1. A renda da unidade familiar que se terá en conta é a do exercicio fiscal 2016 e obterase pola suma das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculados segundo indican os puntos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. Cando o membro computable presente declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, sumarase a base impoñible xeral (recadro 392) e a base impoñible do aforro (recadro 405); cando non a presente, sumaranse todos os ingresos netos obtidos, agás as bolsas de estudo concedidas polas administracións públicas, que non computarán como ingreso.

3. Os ingresos obtidos polo novo cónxuxe ou parella de feito da persoa proxenitora con que conviva habitualmente a persoa solicitante, compútanse para calcular a renda da unidade familiar.

4. Nos casos de separación legal ou divorcio, se os proxenitores teñen a custodia compartida da persoa solicitante, computaranse os ingresos de ambos.

5. Nos casos de violencia de xénero quedan excluídos do cómputo os ingresos do agresor.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude:

Cando se trate de alumnado que solicita praza por primeira vez ou de alumnado residente sen reserva de praza:

  • a) O anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar), de ser o caso.

  • b) Xustificante da matrícula para o curso académico 2018/19.

  • c) Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables. Se non ten libro de familia ou este non reflicte a situación, poderá acreditar o número de membros da familia utilizando, entre outros, algún dos seguintes medios:

    • 1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio ou convenio regulador.

    • 2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

  • d) Certificado de convivencia da persoa solicitante e os demais membros computables da familia no mesmo domicilio.

  • e) Certificado oficial das notas do curso escolar 2017/18.

  • f) Certificado do grao de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.

  • g) Documentación xustificativa da exención do requisito de non repetir curso.

  • h) Documentación acreditativa da concorrencia de circunstancias persoais ou familiares moi graves para eximir do requisito de accesibilidade aos estudos desde o lugar de residencia.

  • i) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero. Poderá acreditarse en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Cando se trate de alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia:

  • a) Certificación do centro de menores.

  • b) Copia da resolución xustificativa do acollemento familiar.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante cando sexa menor de idade e do resto dos membros computables da unidade familiar.

  • b) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na súa falta, certificado tributario de imputacións do exercicio 2016, da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

  • a) Grao de discapacidade recoñecido pola Xunta de Galicia á persoa solicitante ou ao resto dos membros computables da unidade familiar.

  • b) Percepción de pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez ou de pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade (equivalente a unha discapacidade igual ao 33 %), por parte da persoa solicitante ou o resto dos membros computables da unidade familiar.

  • c) Extinción da percepción da prestación e/ou o subsidio por desemprego e inscrición como demandante de emprego das persoas proxenitoras do alumnado.

  • d) Falecemento dun membro computable da familia.

2. No caso de que as persoas interesadas (o alumnado solicitante e os membros computables da unidade familiar) se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e no de comprobación de datos dos membros da unidade familiar e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes deberán presentarse presencialmente no centro residencial docente ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

  • A documentación complementaria presentarase presencialmente no centro residencial ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • Os documentos achegados deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a situación persoal e familiar na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, agás a renda da unidade familiar, que será a correspondente ao exercicio fiscal 2016. No caso de violencia de xénero observarase ao disposto na lexislación específica.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 24 de maio de 2018 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2018/19 (DOG nº 109 do 8 de xuño de 2018).

    • Extracto da Orde do 24 de maio de 2018 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2018/19 (DOG nº 109 do 8 de xuño de 2018).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS309A

Expedición de títulos de ensinanzas impartidas nas escolas de tempo libre.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301A

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301B

Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301C

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano