Guía de procedementos e servizos

SA462B

Axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados/as en unidades asistenciais con especialización en drogodependencias.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 17/06/2017 00:00 - 17/07/2017 23:59

Consellería de Sanidade

Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro, para a realización de actividades e programas de incorporación social en vivendas de apoio para pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de tratamento de drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A súa finalidade é apoiar ás persoas a tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma.

Actividades e gastos subvencionables.

1. Teñen a consideración de actividades subvencionables todas aquelas necesarias para o desenvolvemento de programas destinados a proporcionar a incorporación social de persoas drogodependentes.

A prestación das ditas actividades será levada a cabo polos/as profesionais que integran o equipo técnico dos diversos dispositivos das entidades beneficiarias, que serán as responsables da xestión dos programas obxecto de subvención a nivel técnico e administrativo.

2. Os tipos de axuda que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De contratación de persoal necesario para a realización de actividades e programas específicos da vivenda onde se desenvolva o programa de incorporación social. Terá a dita consideración o persoal que execute funcións inequivocamente relacionadas coa actividade subvencionada. Como máximo será subvencionable, en cada categoría profesional, a cantidade equivalente ao salario segundo o anexo II da Orde do 10 de febreiro de 2017 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2017.

b) Para os gastos correntes de mantemento da vivenda onde se desenvolva o programa, ata un máximo do 30 % da contía concedida. Os gastos subvencionados deberán adecuarse aos obxectivos e contidos do programa, e dispoñer de constancia documental da súa realización para que se poidan verificar.

Entidades privadas sen ánimo de lucro.

As entidades beneficiarias das axudas terán as seguintes obrigas:

1. Cumprir o obxectivo, executar o programa e realizar as actividades que fundamentan a concesión da subvención.

2. Xustificar ante a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actividades e o cumprimento da finalidade determinante da concesión da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente para comprobar o cumprimento do fin para o que se destina esta subvención, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5. As entidades beneficiarias e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou coa súa xustificación estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, así como aos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro.

6. As entidades beneficiarias estarán obrigadas a coordinarse cos/coas profesionais das unidades de atención aos trastornos adictivos correspondentes para o mellor desenvolvemento dos programas subvencionados.

7. Cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial.

8. Manter debidamente actualizados todos aqueles rexistros que sexan precisos para remitir á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, de acordo coa periodicidade que se lle sinale, a información relativa á actividade das persoas usuarias, facendo constar o número de admisións e intervencións realizadas, as actividades realizadas nos dispositivos da asociación, unha relación do número de solicitudes de admisión que lle acheguen e un informe onde conste se foron admitidas ou, se é o caso, rexeitadas, indicando a razón do seu rexeitamento.

9. Comunicar calquera modificación, suspensión ou vacante no cadro de persoal.

10. Manter actualizados os sistemas de información que estean en funcionamento nos dispositivos.

11. Coordinarse coas unidades asistenciais da rede do Plan de Galicia sobre drogas.

12. Coordinarse con outros centros, servizos e programas recollidos dentro do Plan de trastornos adictivos de Galicia 2011-2016, co fin de asegurar a súa programación homoxénea.

13. Someter á consideración técnica da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera programa ou intervención que, non estando recollido dentro do documento que estableza os instrumentos de planificación en materia de incorporación social de trastornos adictivos, vai poñer en marcha o equipo técnico responsable do desenvolvemento do programa. Para tal fin a dirección técnica deste equipo presentará unha descrición do programa que se vai desenvolver e fará constar, como mínimo, a denominación do programa, a xustificación da actuación, a metodoloxía para o seu desenvolvemento, así como unha previsión para o seu desenvolvemento programático: obxectivos xerais e específicos, poboación destinataria, difusión prevista, recursos humanos e materiais, mecanismos de coordinación, detalle de actividades, cronograma, orzamento e avaliación prevista.

14. Axustarse ás disposicións recollidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e ás instrucións que o Servizo Galego de Saúde puidese facer nesta materia.

15. Engadir en todos os documentos e accións de difusión e información do programa subvencionado o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade) e do Servizo Galego de Saúde.

16. Remitir antes do día 5 de cada mes, as altas e baixas, na vivenda. No caso de alta deberase acompañar do respectivo documento de derivación da unidade asistencial de drogas da rede do Plan de Galicia sobre drogas, na que recibe tratamento e seguimento.

Xunta de Galicia

Consellería de Sanidade

Servizo Galego de Saúde (SERGAS)

Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria

Subdirección Xeral de Integración Asistencial e Innovación

Edificio Administrativo San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881541864 / 881540258

Fax: 881542897

Subdirección Xeral de Integración Asistencial e Innovación
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

17/06/2017 00:00 - 17/07/2017 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

a) Ser unha entidade sen ánimo de lucro inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro.

b) Ser titular ou responsable da vivenda de apoio á incorporación social de pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de drogodependencias.

c) Acreditar o desenvolvemento de programas de incorporación social dirixidos ao colectivo de drogodependentes durante os dous anos anteriores á anualidade desta convocatoria.

d) Axustarse ao establecido na Orde do 25 de xaneiro de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, como centros de apoio social a procesos terapéuticos e estar inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) regulado na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

e) Estar autorizada, desde dous anos antes á anualidade desta convocatoria, polo servizo correspondente da Consellería de Política Social, segundo o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, como centro de acollida-apoio social a procesos terapéuticos.

f) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, contar con domicilio social nela, comprometéndose a desenvolver as actividades subvencionadas en vivendas próximas á poboación onde exista unidade asistencial de drogodependencias.

As entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que lles sexan exixibles de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

  • As entidades interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:

    • Documentación obrigatoria xurídico-administrativa da entidade solicitante (copia):

      • a) Documentación que acredite a representación legal da entidade.

      • b) Balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2016.

      • c) Copia da escritura de constitución, estatutos da entidade solicitante e certificación de estar inscrita no rexistro administrativo competente.

      • d) Documentación acreditativa da capacidade técnica da entidade solicitante.

      • e) No caso de que o posúan, certificado ou calquera outra documentación oficial acreditativa da implantación e mantemento de sistemas de calidade normalizados.

      • f) Anexo III debidamente cuberto e asinado.

  • Documentación obrigatoria que hai que achegar en relación con cada programa solicitado.

Achegar un programa dun máximo de cinco páxinas, avaliado, supervisado e asinado pola persoa coordinadora ou responsable deste, a cal terá titulación universitaria. Para poder ser avaliado deberán constar os seguintes puntos:

  • a) Denominación do programa.

  • b) Obxectivos xerais e específicos que se pretenden acadar.

  • c) Metodoloxía de avaliación: indicadores de proceso e resultado.

  • d) Ámbito territorial da poboación á que vai dirixido, así como criterios de inclusión e exclusión.

  • e) Número de persoas usuarias de cada vivenda.

  • f) Actividades realizadas na vivenda. Especificar días e horas (cronograma de actividades previstas).

  • g) Actividades realizadas fora da vivenda. Especificar días e horas (cronograma de actividades previstas).

  • h) Recursos humanos e materiais con que conta a entidade para levar a cabo o programa específico de atención directa no centro de atención social de apoio a procesos terapéuticos. No caso dos recursos humanos indicarase o nome, a titulación, a categoría profesional e o horario dedicado ao programa.

  • i) Valoración económica do programa.

  • j) Desagregación dos gastos previstos para a súa realización.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) NIF da entidade solicitante.

  • b) DNI da persoa representante da entidade que solicita a subvención.

  • c) Titulación académica do persoal que vai levar a cabo o programa.

  • d) Certificado de estar ao corrente nas obrigas coa Seguridade Social.

  • e) Certificado de débedas coa Axencia Tributaria do Estado.

  • f) Certificado de débedas coa Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de inicio e achegar os documentos correspondentes (anexo I e anexo III).

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Calquera cambio que se produza dos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, que poderá demandar da entidade solicitante todos e cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 1 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 114 do 16 de xuño de 2017).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR505A

Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR513A

Fusións de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR514A

Integración de explotacións pertencentes a un concello diferente daquel onde unha ADSG estea recoñecida.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SA301A

Recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano