Guía de procedementos e servizos

PR420A

Premios Coopera Galicia entidades locais.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 22/09/2017 00:00 - 21/11/2017 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Sobre o procedemento

1. Os premios Coopera Galicia 2017 (PR420A) teñen por obxecto o impulso e a difusión das iniciativas de asociacionismo municipal mediante a distinción pública de proxectos de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os traballos consistirán en proxectos, incluso proxectos piloto, para a mellora dos sistemas xa implantados ou para o desenvolvemento de novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Para os efectos desta orde, terán a consideración de servizo os derivados da xestión das competencias municipais recollidas no artigo 25.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

2. A concesión dos premios realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderán optar a estes premios as agrupacións de concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos de Galicia, os consorcios locais galegos e as áreas metropolitanas, se as houber, que presenten un proxecto de xestión compartida de servizos para a mellora dos sistemas xa implantados ou para novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Para os efectos desta orde, considérase agrupación de concellos unha candidatura subscrita por dous ou máis concellos.

Obrigas específicas dos beneficiarios dos premios económicos.

1. Para proceder ao pagamento, as entidades beneficiarias do premio económico deberán remitir, no mesmo prazo indicado no artigo 11.5 desta orde, a seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o proxecto premiado, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

b) Declaración responsable de non estaren incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10, números 2 e 3, da Lei de subvencións de Galicia.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade premiada está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

No caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

2. A documentación das candidaturas premiadas ao abeiro desta convocatoria quedará en poder da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o seu arquivamento, e esta reservará para si o dereito de edición, uso e explotación dos proxectos premiados. A compensación económica polos dereitos de autor que poidan corresponder considerarase incluída na dotación do premio.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Administración Local

Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais

Servizo de Xestión e Cooperación Económica

Praza de Europa, 5A, 4º - Polígono de Fontiñas

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546211 / 881997171

Fax: 981546569

Email: administracionlocal@xunta.es

http:///xunta.es/vicepresidencia-cpapx

Servizo de Xestión e Cooperación Económica
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

22/09/2017 00:00 - 21/11/2017 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento, non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

- Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- Todas as entidades participantes deberán cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do exercicio orzamentario de 2015. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación e a súa falta de acreditación por parte dalgunha das entidades participantes na candidatura supoñerá a inadmisión desta. No caso de agrupacións de concellos, este requisito deberá acreditalo individualmente cada un dos concellos integrantes da agrupación.

- Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais adscritos ou dos cales forma parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

  • A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

    • a) Proxecto de xestión compartida de servizos co seguinte contido mínimo, concretado adecuadamente para facilitar a valoración consonte os criterios establecidos no artigo 10 e coa estrutura que se indica a continuación:

      • Sección 1. Relación e descrición dos servizos cuxa xestión compartida se pretende establecer ou mellorar e cifra de poboación atendida por cada servizo. As categorías de servizos serán as derivadas da xestión das competencias establecidas no artigo 25.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

      • Sección 2. Situación actual da prestación dos servizos nos concellos integrados na agrupación, mancomunidade, consorcio ou área metropolitana, poboación total, número de núcleos de poboación da área e extensión territorial en km2.

      • Sección 3. Obxectivos que se establecen para a implantación ou mellora do modelo de xestión compartida.

      • Sección 4. Procedemento de implantación, xestión e supervisión do proxecto.

      • Sección 5. Orzamento detallado do proxecto.

      • Sección 6. Estudo económico comparativo da estimación dos custos de xestión individual por cada concello fronte á estimación de custos da súa xestión compartida, en relación cos recursos materiais, persoais e económicos necesarios para a prestación dos servizos que integran o proxecto, con especial incidencia na aplicación de criterios de eficacia e eficiencia e racionalización de actuacións e o aforro de custos sen perda de calidade na prestación.

Este estudo económico deberá incluír, en todo caso, un cadro comparativo de aforro de custos en que se consignarán os datos da diferenza dos custos da execución compartida do proxecto respecto da execución individual da prestación dos servizos por cada concello participante.

Neste cadro comparativo consignaranse o importe total do orzamento da actuación conxunta e os importes en euros que representen o cálculo do custo que a prestación individual dos servizos produciría para cada un dos concellos de non optaren pola xestión compartida.

  • Sección 7. Cronograma da implantación do proxecto. Os proxectos presentados deberán axustarse a un teórico prazo máximo de implantación de 12 meses.

  • b) Declaración responsable asinada pola persoa representante da agrupación de concellos, consorcio, mancomunidade ou área metropolitana, segundo o modelo do anexo I desta orde, en que se faga constar:

    • b.1. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o proxecto que se presenta á convocatoria do premio Coopera Galicia, de calquera outra Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e, se é o caso, as contías solicitadas ou concedidas.

    • b.2. Que a entidade solicitante ou, se é o caso, ningún dos concellos integrantes da agrupación que participan na solicitude, non está incursa/o en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

No caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polas respectivas persoas representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

  • c) No caso das mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, achegarase unha certificación emitida pola secretaría da mancomunidade, consorcio ou área metropolitana, no modelo do anexo II desta orde, na cal se faga constar:

    • c.1. O acordo do órgano competente da entidade local polo cal se aproba o proxecto de xestión compartida do servizo ou servizos e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

  • c.2. A remisión das contas da entidade local ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2015, a que fai referencia o artigo 4.3 desta orde. No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas de Galicia e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión.

O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

  • d) No caso das agrupacións de concellos, achegarase a seguinte documentación:

    • d.1. Unha certificación emitida pola secretaría do concello representante no modelo do anexo III desta orde, na cal se faga constar con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados ou agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos integrantes da agrupación:

      • a. Que todos os concellos integrantes da agrupación aprobaron o proxecto de xestión compartida do servizo ou servizos e aceptaron as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

Nos referidos acordos deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e os acordos deberán estar adoptados antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

  • b. O nomeamento do/da alcalde/sa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a do premio.

  • c. Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia correspondentes ao exercicio orzamentario 2015, segundo exixe o artigo 4.3. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas ou asociadas, determinará a inadmisión da solicitude.

Os acordos orixinais emitidos polos concellos integrantes da agrupación, así como as certificacións emitidas polos/as secretarios/as destes concellos deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

  • d.2. O instrumento xurídico que regule a agrupación e a xestión dos servizos que integran o proxecto, o cal deberá incluír, en todo caso, a designación do/da alcalde/sa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

  • As agrupacións de concellos, as mancomunidades, os consorcios locais e as áreas metropolitanas, segundo proceda, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán unha solicitude dirixida á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo o modelo que figura como anexo I desta orde.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

  • Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Catro meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 12 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública dos premios Coopera Galicia 2017 para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal, mediante a distinción pública de proxectos de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 180 do 21 de setembro de 2017).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN229A

Declaración de concello emprendedor.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT200A

Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT811A

Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 04/12/2025 00:00 - 11/09/2026 23:59

PR402A

Declaración urxente de ocupación de bens de expropiación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano