Guía de procedementos e servizos

MR446A

Axudas aos plans de reestructuración e reconversión da viña en Galicia.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 21/06/2017 00:00 - 20/07/2017 23:59

Consellería do Medio Rural

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto regular as axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia mediante plans (procedemento MR446A) e realizar a súa convocatoria para o ano 2017, en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos requisitos e condicións establecidas para esta medida nas disposicións xerais do ámbito comunitario, estatal e autonómico.

2. O apoio para esta medida aplicarase ás viñas da Comunidade Autónoma de Galicia destinadas á produción de uva para vinificación, cuxas persoas viticultoras non contradigan a normativa vixente en materia de plantación de viñas para calquera das superficies de viña das súas explotacións.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2017, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña na campaña vitícola 2017/18 en Galicia, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta orde.

Investimentos subvencionables.

1. O apoio á reestruturación e reconversión de viña só poderá concederse para unha o varias das actividades seguintes:

a) A reimplantación de viñas.

b) A reconversión varietal.

c) A mellora das técnicas de xestión de viñas.

As operacións de reestruturación e reconversión elixibles, as súas características e os seus custos unitarios máximos recóllense no anexo VI desta orde.

2. Non se subvencionará:

a) A renovación normal dos viñedos que chegasen ao final do seu ciclo natural, entendida como a replantación dunha mesma parcela de terra coa mesma variedade de uva de vinificación e segundo o mesmo método de cultivo.

b) As operacións de xestión diaria dunha viña.

c) A protección contra danos ocasionados pola caza maior, aves ou saraiba.

d) Construcións de cortaventos e muros de protección contra o vento.

e) Vías de acceso e elevadores.

f) Adquisición de vehículos agrícolas.

g) As operacións realizadas con material de segunda man.

h) As novas plantacións de viña concedidas en virtude dos artigos 63 e 64 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

i) Os arrinques naquelas superficies onde se empreguen autorizacións de plantación concedidas en virtude dos artigos 66 e 68 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, non xeradas polo arrinque efectuado na aplicación do plan de reestruturación e con anterioridade á solicitude do plan.

j) O IVE.

Poderán ser beneficiarios os viticultores inscritos no Rexistro Vitícola de Galicia (RVG) que destinen a produción de uva a vinificación.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias

Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario

EDIF, ADMINISTRATIVO SAN CAETANO, S/N

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546884

Fax: 981546892

Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

21/06/2017 00:00 - 20/07/2017 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Só poderán figurar nun único plan, agás que a reestruturación e/ou reconversión se leve a cabo en distintas provincias.

2. Ter 18 anos e non superar os 65 anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Deberán ter presentada a declaración de colleita de uva da campaña anterior, agás que non tivesen a obriga de presentala.

4. Ter inscritos, ao seu nome no RVG, os dereitos de replantación, resolucións de arrinque e/ou autorizacións de plantación que se van a incluír nos plans ou, na súa falta, antes do remate do prazo de solicitude destas axudas, presentar as correspondentes solicitudes: de conversión de dereitos en autorización de plantación, de autorización de arrinque e/ou de autorización de replantación, antes da caducidade das ditas autorizacións que se inclúan nestes plans.

5. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ter sido condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Ter solicitado a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, atoparse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ter sido sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

6. Cumprir a normativa nesta materia e, en particular, o novo réxime de plantacións de viña, consonte o Real decreto 740/2015, do 31 de xullo, polo que se regula o potencial de produción vitícola e se modifica o Real decreto 1079/2014, do 19 de decembro, para a aplicación das medidas do programa de apoio 2014-2018 ao sector vitivinícola.

7. As comunidades de bens ou sociedades civís deberán cumprir as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe da subvención que se vai aplicar por cada un deles (anexo I), que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Tamén deberán nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario correspondan á agrupación. Así mesmo, deberán acreditar a existencia dun pacto de indivisión da comunidade por un período mínimo de, polo menos, dez campañas contadas desde a campaña seguinte á que solicite o pagamento final.

8. Non ter ningún procedemento de recuperación de pagamentos indebidos destas axudas nos tres anos anteriores á convocatoria en curso.

  • a) Acreditación da persoa representante, se for o caso.

  • b) Anexo II: datos do plan colectivo, se for o caso.

  • c) Anexo II-bis, se for o caso.

  • d) Anexo III: acordo celebrado entre as persoas viticultoras integrantes do plan, só para os plans colectivos.

  • e) Documentación xustificativa da propiedade ou disposición por calquera réxime de tenza da parcela onde se vai reestruturar e/ou reconverter a viña.

  • f) Anexo IV: relación Sixpac das parcelas agrícolas que integran a explotación.

  • g) Cartografía vixente cos datos identificativos dos recintos Sixpac incluídos na solicitude, tanto dos iniciais, se se incorpora ao plan coa viña sobre o terreo, como dos finais onde vai situarse a parcela reestruturada, cando esta non coincida coa inicial ou cando achega ao plan autorizacións de replantación e/ou de plantación de viña por conversión de dereitos de plantación.

  • h) Informe de vida laboral.

  • i) Para aquelas solicitudes cuxo peticionario sexa unha comunidade de bens ou unha sociedade civil, pacto de indivisión de, polo menos, dez campañas contadas desde a campaña seguinte á que solicitou o pagamento final.

  • j) As comunidades de bens deberán acreditar a súa constitución mediante a presentación dos estatutos e acta de constitución e deberán acreditar os requisitos dos seus comuneiros mediante a presentación de toda a documentación especificada para este tipo de entidades.

  • k) Tres orzamentos. As ofertas presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

    • i. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo a compra de terreos.

    • ii. Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

    • iii. Deberán incluír como mínimo o NIF, o nome e o enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca e o modelo, así como características técnicas.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) DNI/NIE da persoa solicitante.

  • b) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

  • c) NIF da entidade solicitante.

  • d) DNI/NIE da persoa representante do plan colectivo (se for o caso).

  • e) DNI/NIE do técnico do plan colectivo (se for o caso).

  • f) Certificado da renda (IRPF).

  • g) Datos catastrais das parcelas.

  • h) Certificación descritiva e gráfica das parcelas.

  • i) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

  • j) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

  • k) Estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia.

  • l) Comunicación ou autorización de cambio de actividade de forestal a agrícola.

  • m) Informe do xefe do servizo territorial correspondente da consellería competente en materia de agricultura responsable dos traballos de concentración parcelaria, acerca de que a operación de que se trata non supón ningún prexuízo para o proceso.

  • n) Consulta ao Rexistro Vitícola de Galicia sobre o réxime de autorización para a plantación de vide dispoñible.

  • o) Título oficial universitario do técnico do plan colectivo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio, no anexo II ou no anexo II-bis, de ser o caso, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 1 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 116 do 20 de xuño de 2017).

    • Resolución do 22 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade das axudas concedidas e denegadas ao abeiro da Orde do 1 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 6 do 9 de xaneiro de 2018).

    • Orde do 13 de maio de 2020 relativa ás excepcións para o ano 2020 na execución dos controis administrativos e sobre o terreo establecidos nas convocatorias de subvencións desta consellería cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, de conformidade co Regulamento de execución (UE) 2020/532 da Comisión, do 16 de abril de 2020, que establece excepcións, para o ano 2020, aos regulamentos de execución (UE) 809/2014, (UE) 80/2014, (UE) 181/2014, (UE) 2017/892, (UE) 2016/1150, (UE) 2018/274, (UE) 2017/39, (UE) 2015/1368 e (UE) 2016/1240, no que se refire a determinados controis administrativos e sobre o terreo aplicables no marco da política agrícola común (DOG nº 98 do 22 de maio de 2020).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR101B

Solicitude de certificados de propiedade ou de transmisión da propiedade en concentración parcelaria

Aberto todo o ano

MR200A

Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector subministrador de medios de defensa fitosanitaria.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR200B

Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector de tratamentos fitosanitarios

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR200C

Rexistro Oficial de Produtores e peradores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector de asesoramento fitosanitario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano