Guía de procedementos e servizos

IN116A

Premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 13/05/2017 00:00 - 30/06/2017 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

Esta resolución ten por obxecto regular e convocar os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net, para difundir e promover os valores do consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Categorías de participación.

1. Establécense tres categorías de participación:

– Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria.

– Categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria.

– Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e grao superior de formación profesional e de educación de persoas adultas.

2. Non se establece un número mínimo de alumnos/as para cada categoría de participación.

3. Cada centro docente só poderá presentar un único proxecto, correspondente a unha das categorías de participación sinaladas. Os centros con alumnado pertencente a varias categorías de participación deberán seleccionar unha das categorías sinaladas, segundo aquela que mellor represente o traballo realizado no centro. No caso de que non se seleccione ningunha categoría de participación, entenderase que o centro se presenta na categoría de participación correspondente ao alumnado de maior nivel académico.

Os centros docentes non-universitarios públicos, privados e concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que estean a participar no programa Galicons-net no curso 2016/17 a través dalgunha destas dúas vías: a) convocatoria do Plan Proxecta; b) solicitude formalizada do programa a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGC)

Escola Galega de Consumo

Avenida Gonzalo Torrente Ballester, nº 1, 3-5, Baixo

15707 

Teléfono: 881999091 / 881999093

Fax: 881999089

Email: igc.escuela@xunta.gal

http://consumo.xunta.gal

Escola Galega de Consumo
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

13/05/2017 00:00 - 30/06/2017 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 30 de xuño de 2017.

Características dos proxectos.

1. Os centros deberán realizar un proxecto de innovación educativa sobre unha ou varias das seguintes temáticas de consumo responsable que mellor se adapte ás súas necesidades.

a) Consumo e xénero:

– Xoguetes, xénero e publicidade.

– Impacto das relacións de xénero no consumo.

– Consumo e xénero: onte, hoxe e mañá.

b) Linguaxe publicitaria:

– Publicidade na miña contorna.

– Publicidade dirixida á adolescencia.

– Publicidade: onte, hoxe e mañá.

c) Comercio electrónico:

– Hábitos de consumo de comercio electrónico.

– Seguridade no comercio electrónico.

– Comercio electrónico: onte, hoxe e mañá.

d) Servizos financeiros:

– Tipoloxía dos servizos financeiros: captación e investimento.

– Identificación de servizos inseguros: créditos rápidos e cláusulas abusivas.

– Servizos financeiros: onte, hoxe e mañá.

2. O proxecto deberá incluír un título directamente relacionado coa temática seleccionada.

3. O proxecto deberá concretar o proceso de aprendizaxe na elaboración dun produto final que permita expoñer o coñecemento adquirido e o traballo realizado. Terá formato libre e formalizarase a través de calquera tipo de soporte (textual, audiovisual, informático, virtual, gráfico, campaña de concienciación...).

4. O proxecto deberá basearse nun traballo colaborativo entre o alumnado e guiado polo profesorado.

5. O desenvolvemento do proxecto en cada centro deberá servir para acadar os seguintes obxectivos específicos:

a) Concienciar o alumnado da súa condición de persoa consumidora, iniciándoo no funcionamento dunha sociedade de consumo responsable.

b) Fomentar que o alumnado actúe na sociedade de maneira informada, de forma que poida elixir, con pleno coñecemento, entre os bens e servizos que están ao seu dispor e coñecer os seus dereitos e deberes como persoa consumidora.

c) Desenvolver no alumnado un pensamento crítico e fomentar a reflexión sobre os aspectos éticos, solidarios e ambientais que determinan a responsabilidade no consumo.

  • Os proxectos que se presenten irán acompañados da seguinte documentación:

    • a) Solicitude asinada pola dirección do centro conforme o modelo que figura como anexo I desta resolución.

    • b) Memoria descritiva do traballo desenvolvido. Estará elaborada en galego. Terá unha extensión máxima de 5 páxinas; contará, de forma resumida, o traballo realizado para a elaboración do proxecto e estruturase da seguinte maneira:

      • Portada, que debe indicar o título do proxecto e a temática de traballo escollida.

      • Índice paxinado.

      • Corpo da memoria, que debe explicar de forma resumida as seguintes cuestións relativas ao desenvolvemento do proxecto:

      • Os obxectivos iniciais marcados e o nivel de cumprimento.

        • As distintas fases do proxecto.

        • As conclusións obtidas coa realización do proxecto.

        • Os materiais e os produtos creados no proxecto.

        • O grao de participación dos axentes implicados na realización do proxecto (profesorado, alumnado, familias, resto da comunidade educativa).

      • Anexo bibliográfico, fotográfico e virtual (coas ligazóns ás páxinas en que se poida visualizar o traballo desenvolvido, se é o caso).

    • c) Documentación, en formato físico ou dixital, que permita visualizar os produtos elaborados.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Debido á actividade profesional, económica e social que desempeñan as persoas físicas que sexan titulares dun centro docente, tanto no ámbito da educación como na xestión dos servizos vinculados á propia actividade educativa, considérase que as persoas físicas que sexan titulares de centros educativos teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente no presente procedemento.

  • Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

  • Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

    Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 25 de abril de 2017, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convocan os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net (DOG nº 91 do 12 de maio de 2017).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

CO401A

Reclamación/reclamación e denuncia en materia de consumo.

CO401B

Denuncia en materia de consumo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN105A

Inscrición de novas organizacións no rexistro de organizacións de consumidores e usuarios de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CO400D

Bolsa de formación no Instituto Galego do Consumo e da Competencia en materia de protección ás persoas consumidoras.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 22/12/2022 00:00 - 23/01/2023 23:59