Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED306A
Adxudicación de prazas de residencia en centros residenciais docentes.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
1. A presente orde ten por obxecto regular o procedemento (código ED306A) para adxudicar prazas de residencia existentes nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, ao alumnado que no curso académico 2017/18 inicie ou continúe estudos postobrigatorios non universitarios en centros docentes públicos ou privados concertados situados nos termos municipais da Coruña, Culleredo, Ourense e Vigo.
2. No caso de centros docentes privados concertados, deberá tratarse de ensinanzas e niveis incluídos no ámbito do concerto educativo.
Alumnado que no curso académico 2017/18 inicie ou continúe estudos postobrigatorios non universitarios en centros docentes públicos ou privados concertados situados nos termos municipais da Coruña, Culleredo, Ourense e Vigo.
Obrigas das persoas residentes.
1. As persoas beneficiarias de praza deberán incorporarse á residencia na data de inicio do curso escolar e respectar o réxime interno, as normas de convivencia e os horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.
Así mesmo, deberán presentar na secretaría do centro residencial o boletín oficial ou documento acreditativo das notas parciais obtidas durante o curso no prazo máximo de 5 días seguintes á súa entrega por parte do centro docente.
2. Os centros residenciais docentes permanecerán pechados as fins de semana (desde o venres pola tarde ata o domingo pola noite), tal e como establezan as normas de réxime interno do centro.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
Subdirección Xeral de Centros
Servizo de Apoio Económico e Axudas ao Estudo
San Caetano, s/n - Bloque II - 2º andar
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546521 / 981547301
Fax: 981546542
Email: sxcentros@edu.xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
10/06/2017 00:00 - 17/07/2017 23:59
10/06/2017 00:00 - 08/08/2017 23:59
O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será:
1. Para o alumnado matriculado en bacharelato, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 15 de xullo de 2017 (este incluído).
2. Para o alumnado matriculado en ciclos formativos, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 8 de agosto de 2017 (este incluído).
- Requisitos académicos e persoais.
A persoa solicitante deberá reunir os seguintes requisitos:
1. Estar matriculada en estudos postobrigatorios non universitarios nalgún dos centros docentes indicados no artigo 1 desta orde no curso 2017/18.
2. Non repetir curso. Excepcionalmente, por causas debidamente xustificadas, a comisión de valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento deste requisito, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e do informe da Inspección educativa.
3. Non ter sido expulsada no curso anterior dun centro residencial nin estar sometida a un procedemento disciplinario en trámite, por algunha das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia descritas no artigo 15 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, e no capítulo II do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, que a desenvolve.
- Lugar de residencia da unidade familiar e accesibilidade aos estudos.
1. A persoa solicitante deberá estar matriculada nunha concreta modalidade dun nivel educativo ou nunha familia profesional ou especialidade dun ciclo formativo, que:
a) Non se imparta en ningún centro sostido con fondos públicos da localidade de residencia habitual da unidade familiar á cal pertenza.
b) E tampouco se imparta nunha localidade que, pola súa proximidade á de residencia habitual ou polos medios de comunicación dispoñibles, permita o desprazamento diario con facilidade.
2. Excepcionalmente, por circunstancias persoais ou familiares moi graves debidamente xustificadas, a comisión de valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento deste requisito, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e dos informes que se consideren oportunos.
- Membros computables da unidade familiar.
1. Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros computables da unidade familiar:
a) O alumnado solicitante.
b) As persoas proxenitoras non separadas legalmente nin divorciadas ou, de ser o caso, os representantes legais do menor.
c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa persoa proxenitora.
d) As irmás e irmáns solteiros menores de 25 anos que dependan das persoas proxenitoras, sempre que convivan no domicilio familiar.
e) As irmás e irmáns maiores de 18 anos con discapacidade, sempre que convivan no domicilio familiar.
2. Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá achegar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en alugamento e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos. Se a residencia independente e os medios económicos propios non quedan convenientemente xustificados, a solicitude será denegada.
3. Non terán a consideración de membros computables da unidade familiar:
a) O/a proxenitor/a que non conviva habitualmente coa persoa solicitante no caso de separación legal ou divorcio, agás que a persoa solicitante fose menor e os proxenitores tivesen a custodia compartida.
b) O agresor nos casos de violencia de xénero.
- Determinación da renda da unidade familiar.
1. A renda da unidade familiar que se terá en conta é a do exercicio fiscal 2015 e obterase pola suma das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculados segundo indican os puntos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.
2. Cando o membro computable presente declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 380) e a base impoñible do aforro (recadro 395); cando non a presente, sumaranse todos os ingresos netos obtidos, agás as bolsas de estudo concedidas polas administracións públicas, que non computarán como ingreso.
3. Os ingresos obtidos polo novo cónxuxe ou parella de feito da persoa proxenitora coa cal conviva habitualmente a persoa solicitante compútanse para calcular a renda da unidade familiar.
4. Nos casos de separación legal ou divorcio, se os proxenitores teñen a custodia compartida da persoa solicitante, computaranse os ingresos de ambos.
5. Nos casos de violencia de xénero quedan excluídos do cómputo os ingresos do agresor.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude:
1.1. Cando se trate de alumnado que solicita praza por primeira vez ou de alumnado residente sen reserva de praza:
a) O anexo II comprobación de datos de terceiras persoas, de ser o caso.
b) Xustificante da matrícula para o curso académico 2017/18.
c) Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables. Se non ten libro de familia ou este non reflicte a situación, poderá acreditar o número de membros da familia utilizando, entre outros, algún dos seguintes medios:
1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio ou convenio regulador.
2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
d) Certificado de convivencia da persoa solicitante e os demais membros computables da familia no mesmo domicilio.
e) Certificado oficial das notas do curso escolar 2016/17.
f) Certificado do grao de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.
g) Documentación xustificativa da exención do requisito de non repetir curso.
h) Documentación acreditativa da concorrencia de circunstancias persoais ou familiares moi graves para eximir do requisito de accesibilidade aos estudos desde o lugar de residencia.
i) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero. Poderá acreditarse en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
1.2. Cando se trate de alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia:
a) Certificación do centro de menores.
b) Copia da resolución xustificativa do acollemento familiar.
2. A documentación complementaria presentarase presencialmente no centro residencial ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. Os documentos achegados deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a situación persoal e familiar na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, agás a renda da unidade familiar, que será a correspondente ao exercicio fiscal 2015. No caso de violencia de xénero, aplicarase o disposto na lexislación específica.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante cando sexa menor de idade.
b) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na súa falta, certificado tributario de imputacións do exercicio 2015.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Grao de discapacidade recoñecido pola Xunta de Galicia.
b) Percepción de pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez ou de pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade (equivalente a unha discapacidade igual ao 33%).
c) Extinción da percepción da prestación e/ou o subsidio por desemprego e inscrición como demandante de emprego das persoas proxenitoras do alumnado.
d) Falecemento dun membro computable da familia.
2. No caso de que as persoas interesadas (o alumnado solicitante e os membros computables da unidade familiar) se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes deberán presentarse presencialmente no centro residencial docente ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Estes formularios normalizados de solicitude (anexo I e II), ademais estarán dispoñibles:
a) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.es
b) Nas dependencias dos centros residenciais docentes.
A solicitude deberá estar asinada pola persoa solicitante, ou polo seu representante legal, e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria, que cumpre os requisitos exixidos nela e que todos os datos contidos na solicitude e na documentación achegada son certos; así mesmo, que reúne os requisitos necesarios para obter o título académico que indica.
- Fase de solicitude
- Comprobación de terceiras persoas (Anexo II)
- Solicitude (Anexo I)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 31 de maio de 2017 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2017/18 (DOG nº 109 do 9 de xuño de 2017).
-
Outros procedementos relacionados
Expedición de títulos de ensinanzas impartidas nas escolas de tempo libre.
Aberto todo o ano
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.
Aberto todo o ano