Guía de procedementos e servizos

IN852A

Axudas do Programa Conecta Peme.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2015 - Prazo pechado: 23/12/2015 00:00 - 09/02/2016 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia.

Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2016 en réxime de concorrencia competitiva.

Actividades subvencionables.

Son actividades subvencionables a investigación industrial, o desenvolvemento experimental, a innovación en materia de organización e a innovación en materia de procesos. Para os efectos desta resolución, entenderanse por tales conceptos as definicións contidas no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

a) Investigación industrial: investigación planificada ou estudos críticos encamiñados a adquirir novos coñecementos e aptitudes que podan ser útiles para desenvolver novos produtos, procesos ou servizos, ou permitan mellorar considerablemente os xa existentes. Comprende a creación de compoñentes de sistemas complexos e pode incluír a construción de prototipos nun contorno de laboratorio ou nun contorno con interfaces simuladas cos sistemas existentes, así como liñas piloto cando sexa necesario para a investigación industrial e, en particular, para a validación de tecnoloxía xenérica.

b) Desenvolvemento experimental: a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados. Pode incluír, tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos e servizos. Entre as actividades poderá figurar a elaboración de proxectos, deseños, plans e demais tipos de documentación, sempre e cando non vaia destinada a usos comerciais.

O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que no estean substancialmente asentados. Pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que poidan utilizarse comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda cando as ditas modificacións poidan representar melloras deles.

c) Innovación en materia de organización: a aplicación dun novo método organizativo ás prácticas comerciais, a organización do centro de traballo ou as relacións exteriores dunha empresa. Non se inclúen os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

d) Innovación en materia de procesos: a aplicación dun método de produción ou subministración novo ou significativamente mellorado (incluídos cambios significativos en canto a técnicas, equipamentos ou programas informáticos). Non se inclúen os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

Conceptos subvencionables.

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto para o que foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Para a anualidade de 2016, só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e a data límite de xustificación establecida no artigo 36 desta resolución. Para o resto de anualidades, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre a data límite de xustificación da anualidade anterior e a data límite de xustificación da anualidade corrente.

3. Os custos subvencionables desagregaranse nas seguintes partidas.

a) Custos directos: os custos directos son aqueles que están directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade pode demostrarse. Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

1. Custos de persoal.

2. Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición.

3. Materiais, subministracións e produtos similares.

4. Adquisición de patentes.

5. Servizos tecnolóxicos externos.

6. Subcontratacións.

b) Custos de carácter indirecto: os custos indirectos son aqueles que non están vinculados ou non poden vincularse directamente coa actividade subvencionada por ter carácter estrutural pero resultan necesarios para a súa realización, nos cales se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción, teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza.

As agrupacións de empresas.

Obrigas dos beneficiarios.

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión e no documento en que se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases da convocatoria e na normativa reguladora das subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión e o desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 75 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obter axuda por medio desta convocatoria.

g) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento dos proxectos aprobados. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

h) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o cofinanciamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na súa páxina web e mantela actualizada. Na web deberán figurar como mínimo os membros do consorcio, os obxectivos do proxecto e os principais avances do proxecto, que deberán divulgarse ano a ano. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación». Así mesmo, deberá informarse de que foi apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

i) Realizar un evento de difusión ao comezo do proxecto para explicar os seus obxectivos e outro á súa finalización para expoñer os resultados non suxeitos a confidencialidade. Nos dous eventos poñerase de manifesto o apoio do Feder e da Axencia Galega de Innovación ao proxecto.

l) Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá, durante a realización da operación:

1. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea e unha referencia ao Fondo que dá apoio á operación.

2. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do proxecto facendo unha breve descrición no seu sitio da internet do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión.

3. Colocar, nun lugar ben visible para o público, por exemplo na entrada dun edificio, un cartel ou placa permanente de tamaño mínimo A3. O cartel ou a placa indicarán o nome e o obxectivo principal da operación. Elaboraranse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

4. No caso de persoal de nova contratación para o proxecto, a mención expresa no contrato ao cofinanciamento Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Para o resto de persoal dedicado ao proxecto, o beneficiario deberá comunicar por escrito ao traballador que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder nos mesmos termos.

m) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución, e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos, ou dous no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a un 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, o órgano concedente informará o beneficiario da data de inicio a que se refire esta obriga.

n) Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens. No caso de bens inscribibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, e estes aspectos deben ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro do prazo indicado, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre que a actividade económica se manteña en Galicia durante ese período.

ñ) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

2. Ademais de estas obrigas, o líder ten as de transferir a cada entidade beneficiaria os fondos que lle correspondan segundo a repartición establecida pola Axencia Galega de Innovación e achegarlle a esta os xustificantes das transferencias bancarias realizadas nos prazos sinalados no artigo 37 desta resolución.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Rúa Airas Nunes, s/n (Conxo)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957437 / 981957386

Fax: 981541039

Email: gain@xunta.es

http://gain.xunta.es

Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

23/12/2015 00:00 - 09/02/2016 23:59

Amplíase ata o 9 de febreiro, inclusive, o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 22 da Resolución do 30 de novembro de 2015.

- As agrupacións deberán estar constituídas, como mínimo, por dúas empresas non vinculadas entre si das que unha deberá ser peme e, como máximo, por seis empresas. O tamaño da agrupación será o necesario para garantir unha xestión eficaz. Na agrupación poderá participar só unha grande empresa coa participación máxima sinalada no artigo 4.2 desta resolución. No caso de que na agrupación non participe ningunha pequena empresa, será necesario que, como mínimo, unha destas sexa subcontratada por calquera das empresas da agrupación para desenvolver tarefas/actividades de I+D+i dentro do proxecto.

- Se a agrupación de entidades participantes no proxecto non ten personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención para aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En todo caso, deberá nomearse un líder que será o representante único da agrupación, único interlocutor coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.

- As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión, e un dos socios, o líder, asumirá a dirección do proxecto e a representación da agrupación ante a Administración, o cal deberá constar expresamente no documento contractual que se realice para ese efecto. O líder recibirá a axuda concedida e será o responsable da súa distribución entre os socios participantes, de acordo coa repartición establecida no orzamento aprobado na resolución de concesión da axuda conforme os seus compromisos de participación nel e coa resolución de pagamento tras a xustificación finalmente admitida pola Axencia Galega de Innovación.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá prever, como mínimo, o seguinte:

a) Distribución das actividades e do orzamento total e o achegado por cada un dos membros da agrupación.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración para os efectos de interlocutor con ela e perceptor da axuda.

c) Compromiso de distribución da axuda percibida polo líder entre todos os participantes da agrupación conforme o gasto aprobado e a resolución de pagamento da Axencia Galega de Innovación tras a xustificación finalmente admitida.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Propiedade, protección legal (patentes) e divulgación dos resultados.

f) Xestión da agrupación, plan de continxencias e distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.

g) Designación dun xefe técnico do proxecto.

Con todo, o orzamento e as actividades quedarán suxeitos ao establecido na resolución de concesión da axuda.

- A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

- Non poderán acceder á condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

  • Xunto coa solicitude (anexo I) presentada polo líder do proxecto, deberá achegarse na sede electrónica da Xunta de Galicia un exemplar da documentación que a continuación se relaciona distinguindo a documentación xurídico-administrativa e a documentación tecnica.

  • Documentación xurídico-administrativa:

    • a) Acordo regulador da agrupación. Neste documento contractual deben establecerse os dereitos e obrigas que asume cada membro da agrupación co contido mínimo sinalado no artigo 5.4 desta resolución.

    • b) Contratos de subcontratación con organismos e empresas.

    • c) Informe de vida laboral de cada unha das empresas integrantes da agrupación posterior á data de inicio do prazo de presentación de solicitudes.

    • d) Declaracións de conformidade de participación no proxecto, asinadas polos representantes legais de cada unha das empresas da agrupación, en que se outorgue ao líder do proxecto a autorización para presentar a solicitude de axuda no seu nome e canalizar a súa relación coa Administración segundo anexo II.

    • e) Declaración responsable do representante legal de cada membro da agrupación segundo o anexo III.

    • f) No caso de que se denegue expresamente a consulta de verificación de documentación, deberá presentar a requirida no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

    • g) No caso de que non se autorice a verificación da capacidade no rexistro mercantil, deberá presentar a escritura de constitución verificada polo a súa suficiencia polo letrado da Xunta de Galicia.

    • h) No caso de non autorizar a verificación de datos de identidade, deberá presentar copia do DNI ou NIE da persoa física solicitante ou representante legal cando corresponda, así como de cada un dos membros da agrupación.

    • i) No caso de denegar expresamente a verificación, deberá presentar copia do NIF en vigor da entidade líder que solicita a axuda.

    • l) No caso de ter concedida algunha axuda, copia da resolución de concesión.

    • m) No caso de poder mancomunado, autorización acompañada da/s copia/s do/s DNI do/s socio/s que dan a súa autorización.

  • Documentación tecnica:

    • a) Memoria do proxecto segundo o índice que se inclúe como anexo V. Nesta memoria deberá incluírse a información detallada sobre o persoal dedicado ao proxecto: identificación do persoal propio da empresa, actividades que desenvolverá, porcentaxe de dedicación ao proxecto e motivación desta porcentaxe. Respecto do persoal de nova contratación, indicarase o seu perfil, a súa porcentaxe de dedicación e a motivación da porcentaxe, así como a duración do seu contrato. Respecto dos custos de equipamento, deberá xustificarse na memoria a vida útil do equipamento e material ou, se e o caso, o procedemento seguido para calcular os custos de amortización.

    • b) Currículos en formato libre de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto por parte de cada membro da agrupación, incluíndo a certificación da súa titulación.

  • A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a traves do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia, que deberá corresponder ao representante legal ou apoderado da empresa representante da agrupación solicitante da axuda. Ademais dos formularios normalizados, será necesario achegar á aplicación a memoria en formato PDF (máximo 3MB) e xuntarlle o resto de documentación necesaria.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

  • No prazo de presentación de solicitudes, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 30 de novembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procédese á súa convocatoria para o ano 2016 (DOG nº 243 do 22 de decembro de 2015).

    • Resolución do 20 de xaneiro de 2016 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 30 de novembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (DOG nº 13 do 21 de xaneiro de 2016).

    • Resolución do 26 de setembro de 2016 pola que se modifica a Resolución do 30 de novembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (DOG nº 187 do 30 de setembro de 2016).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN608B

Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR516C

Programas sanitarios excepcionais e de investigación ou experimentación en apicultura.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR560A

Autorización de entidades que imparten cursos de capacitación de persoal que traballa con animais para experimentación e outros fins científicos, incluída a docencia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR805B

Modificación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano