Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR880A
Axudas ao emprendemento
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Subvencións ao emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluíndo cooperativas e sociedades laborais e mutualistas, que se atopen de alta e iniciasen a súa actividade económica dende o 1 de xaneiro de 2024 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, mutualistas e as pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 e as sociedades cooperativas e laborais, que cumpran os dous requisitos seguintes:
a) Que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, desde o 1 de xaneiro de 2024, de conformidade co establecido no artigo 1.
b) Que iniciaran a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2024, de conformidade co establecido no artigo 1.
Quedarán excluídas aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan transformación doutras cuxa primeira inscrición no rexistro público correspondente ou alta no RETA, sexa anterior ao 1 de xaneiro de 2024 ou que sexan continuidade dunha actividade que viñera desenvolvendo outra empresa ou persoa autónoma cunha data de constitución anterior ao 1 de xaneiro de 2024.
Para estes efectos considerarase que existe continuidade na mesma actividade económica cando entre o cese dunha actividade e o inicio da seguinte transcorran menos de 3 meses e, entre a baixa no RETA e a nova alta, transcorran menos de 3 meses.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social
Subdirección Xeral de Emprendemento
Edificio administrativo San Lázaro s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881 995 970/ 881 995 972/ 881 995 971
Email: sxemprendemento.emprego@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
31/01/2026 00:00 - 02/03/2026 23:59
As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 2 de marzo de 2026.
1. As persoas interesadas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter o domicilio fiscal en Galicia.
b) Ter presentado, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.
c) Terse constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e ter iniciado a súa actividade económica no período que transcorre entre o 1 de xaneiro de 2024 ata a data de presentación da solicitude.
d) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
e) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.
f) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
2. Non poderán ser beneficiarias desta subvención aquelas iniciativas de emprendemento que obtiveran resolución favorable ao abeiro da Orde do 28 de xuño de 2023 (DOG núm. 127 do 5 de xullo), da Orde do 16 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 25, do 5 de febreiro) e da Orde do 28 de abril de 2025 (DOG núm. 90, do 13 de maio).
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Ao ser válida unha única solicitude por persoa, no caso de que a mesma persoa presente unha nova solicitude, entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estea resolta.
3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.
4. Xunto coa solicitude presentarase a xustificación de acordo co disposto no artigo 30.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás que estea inscrita no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e no Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.
b) Escritura de constitución da entidade debidamente rexistrada ou ben contrato ou documento de creación da entidade, se é o caso.
c) No caso das persoas mutualistas, especificamente deberán presentar, ademais da documentación a que se refire o artigo 12, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio de actividade, e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta na dita mutualidade, de ser o caso.
d) Censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037) e certificado censual, nos cales debe figurar a data da alta (ou alta previa, de ser o caso), o domicilio fiscal e a localización do establecemento da actividade.
e) Facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento.
De conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia –sempre que o investimento non estivese realizado no momento da convocatoria das axudas–, cando o importe do investimento subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de contrato de servizo ou subministración, e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de contrato de obras, con referencia á data de publicación destas bases), as persoas interesadas deberán solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servicio ou entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de persoas que a presten, ou salvo que o investimento se realizase con anterioridade á data da publicación da convocatoria.
A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa, deberase xustificar expresamente no anexo I da solicitude.
A persoa solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas na que manifeste que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á persoa solicitante nin a outras relacionadas coa mesma ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade, sen prexuízo do establecido no artigo 6.8 in fine desta orde.
f) Certificación acreditativa do grao de discapacidade da persoa solicitante, mutualista ou traballador por conta allea, no caso de que este non fora emitido pola Xunta de Galicia.
g) Declaración responsable na que se manifeste que a porcentaxe de mulleres na entidade é superior ao 50 %, se é o caso.
h) Informe de vida laboral actualizado á data de publicación da orde.
De conformidade co establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente polas persoas interesadas ante calquera Administración. Neste caso, as persoas interesadas deberán indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa das persoas interesadas.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polas persoas interesadas, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deberán realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Consulta da vida laboral nos últimos 12 meses.
– Certificación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.
– Certificación de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesión de subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
– Consulta da alta no imposto de actividades económicas (IAE) da persoa solicitante.
– NIF da entidade solicitante, se é o caso.
– NIF da entidade representante, se é o caso.
– Certificación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Certificado do domicilio fiscal.
– Consulta da condición de beneficiaria da subvención do Bono Remuda concedida ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axuda ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR353D).
Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
Certificado do grao de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia correspondente á persoa física solicitante, mutualista ou ao traballador por conta allea, se é o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 16 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2026 (DOG nº 20 do 30 de xaneiro de 2026).
-
Extracto da Orde do 16 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2026 (DOG nº 20 do 30 de xaneiro de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Prazo aberto: 26/01/2026 09:00 - 30/09/2026 14:00
Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Proxectos de investimento en actividades empresariais para a diversificación agraria
Prazo aberto: 20/01/2026 00:00 - 19/02/2026 23:59