Guía de procedementos e servizos

TR342D

Programa de axudas á creación de postos de traballo estables para persoas con discapacidade, adaptación de postos de traballo e asistencia técnica para os centros especiais de emprego

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 29/04/2026 09:00 - 29/05/2026 20:00

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

Incentivar a creación de postos de traballo estables nos centros especiais de emprego e financiar as adaptacións de postos de traballo e as asistencias técnicas que precisen os CEE no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren rexistrados como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda nesta orde.

Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito decreto. Para os efectos desta subvención, admitiranse os centros de traballo que presentasen a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.

En todo caso, para o pagamento das axudas será necesario acreditar a dita cualificación e a inscrición da entidade e dos centros de traballo no Rexistro de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a condición de CEE de iniciativa social cando cumpra.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas:

a) As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) As entidades que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

c) Os CEE que non cumpran coa porcentaxe mínima do 70 % de persoas con discapacidade contratadas respecto do total do cadro de persoal. Nesta porcentaxe non se inclúe o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.

Entenderanse por servizos de axuste persoal e social os que permitan axudar a superar as barreiras, obstáculos ou dificultades que as persoas traballadoras con discapacidade dos CEE teñan no proceso de incorporación a un posto de traballo, así como na permanencia e progresión nel.

d) Os CEE que, carecendo de personalidade xurídica propia, non teñan unha xestión diferenciada da súa entidade titular. Para os efectos de teren unha xestión diferenciada, deberán levar unha contabilidade separada da dita entidade e ter unha conta de cotización da Seguridade Social propia do CEE.

e) Os CEE que non estean ao día nas obrigas rexistrais, segundo o establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

3. A acreditación, por parte das entidades solicitantes, de que cumpren as condicións sinaladas nas letras a), b), c) e d) do número 2 deste artigo realizarase mediante declaracións responsables que se inclúen nos anexos de solicitude de cada procedemento (anexos I,II e III).

O órgano xestor poderá comprobar en calquera momento a veracidade das ditas declaracións.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

Subdirección Xeral de Economía Social

Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544716/ 881999516

Email: integracion.laboral.emprego@xunta.gal

https://conselleriaemprego.xunta.gal/es/axudas-subvencions

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

29/04/2026 09:00 - 29/05/2026 20:00

O prazo para a presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o oitavo día hábil ao da súa publicación no DOG, ás 9.00 horas ata o día do fin de prazo ás 20.00 horas. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do oitavo día hábil ao da publicación; se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Liña 1. Creación de postos de traballo estables. Requisitos e importe máximo

1. Establécese unha axuda para a creación de postos de traballo de carácter estable, subvencionando:

– A creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade, rexistradas como demandantes de emprego non ocupadas no Servizo Público de Emprego.

– A transformación en indefinidos dos contratos temporais.

2. Para que sexa subvencionable o proxecto de creación, tanto os contratos indefinidos ou as transformacións, como o gasto subvencionable, deberán realizarse nos períodos que indique a convocatoria. Os contratos deben cumprir coa legalidade vixente e, no caso dos contratos fixo-descontinuos, ter unha prestación de traballo mínima de seis (6) meses ao ano. No caso de que os contratos se celebren a tempo parcial, para que sexan subvencionables deberán celebrarse por un mínimo do 25 % da xornada a tempo completo.

3. O número de postos máximos subvencionables calcularase en función do ano de creación do CEE, da seguinte maneira:

– Durante os cinco (5) primeiros anos desde a creación do CEE: será subvencionable un máximo de 7 postos de traballo de carácter estable por centro especial de emprego.

– A partir do sexto ano: será subvencionable un máximo de 5 postos de traballo de carácter estable por centro especial de emprego.

4. As iniciativas e proxectos referentes aos CEE deberán reunir viabilidade técnica, económica e financeira, e supoñer a creación de emprego estable. Así mesmo, deberán xustificar adecuadamente o investimento que implica o proxecto, que deberá estar directamente relacionado co posto ou postos de traballo creados.

Unicamente serán subvencionables aqueles novos postos de traballo que sexan cubertos por persoas con discapacidade con contrato indefinido e que supoñan un incremento do persoal fixo das persoas traballadoras con discapacidade da entidade beneficiaria. Para tal fin, achegarán unha declaración responsable onde a sociedade achegue os datos do total do cadro de persoal con discapacidade con contrato indefinido que tería a sociedade antes das contratacións que dan lugar a subvención, e outra das persoas traballadoras con discapacidade con contrato indefinido que ten a sociedade con data posterior a contratación das persoas que dan lugar á contratación.

5. A axuda calcularase en función do investimento en activo fixo que se realice, excluídos os impostos que graven a adquisición, considerándose para os efectos da axuda regulada nesta orde investimento en activo fixo:

a) Acondicionamento de locais de uso exclusivo para o exercicio da actividade no centro especial de emprego cualificado.

b) Adaptación de instalacións do centro de traballo cualificado.

c) Mobiliario do centro de traballo cualificado.

d) Vehículos necesarios para o transporte das persoas traballadoras con discapacidade ao lugar de traballo e para o desenvolvemento da actividade. En ningún caso se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

e) Maquinaria para a extracción ou elaboración dos produtos do centro de traballo cualificado.

f) Utensilios ou ferramentas que se poden usar autonomamente ou conxuntamente coa maquinaria.

g) Equipos e programas informáticos do centro de traballo cualificado, así como a adaptación necesaria para o seu uso polas persoas con discapacidade do persoal polo que reciban esta subvención.

h) Equipos de oficina do centro de traballo cualificado.

i) Adquisición de locais ou terreos para o exercicio da actividade no centro especial de emprego cualificado.

6. A contía máxima das axudas establecidas neste artigo determínase con base nas seguintes regras:

1ª. Establécese unha contía base de 10.000 € por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa. O importe desta contía será proporcional á xornada laboral. Para estes efectos, terase en conta a xornada laboral que conste no contrato indefinido ou na transformación.

2ª. Os importes anteriores poderán incrementarse cos seguintes incentivos, acumulables entre si cando se dean as seguintes circunstancias:

a) Un 25 % se a persoa contratada é unha muller.

b) Un 25 % se a persoa contratada ten unha discapacidade con especiais dificultades de inserción segundo o expresado no artigo 3.2, alíneas a) e b), ou está en situación ou en risco de exclusión social.

c) Un 25 % se a persoa contratada é maior de 45 anos.

d) Un 25 % se a persoa contratada ten a condición de persoa emigrante retornada conforme establece o artigo 3.6.

e) Un 25 % se a persoa é trans.

f) Un 25 % no caso de que o centro de traballo en que se incorpora a persoa traballadora estea situado nun concello rural segundo a definición do artigo 3.10.

3ª. A contía máxima que se vai a conceder nesta liña de axudas, non superará os 25.000 € por cada posto creado.

Liña 2. Adaptación de postos de traballo. Requisitos e importe máximo

1. Establécese unha subvención para a adaptación de postos de traballo e para a eliminación de barreiras arquitectónicas.

2. Será requisito para a concesión desta axuda que se acredite a necesidade de adaptación ou eliminación de barreiras arquitectónicas para manter o posto de traballo en atención á discapacidade da persoa pola que se solicita a subvención.

A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social, que será solicitado de oficio polo órgano instrutor.

3. Para ser subvencionables, os contratos das persoas cuxo posto de traballo se adapte deben cumprir coa lexislación vixente e ter unha prestación de traballo mínima de seis (6) meses. No caso de que os contratos se celebren a tempo parcial, para que sexan subvencionables deberán formalizarse por un mínimo do 25 % da xornada a tempo completo.

4. A contía máxima desta axuda será de 1.800 € por cada posto adaptado.

Liña 3. Asistencia técnica. Requisitos e importe máximo

1. Establécese unha subvención para asistencia técnica prestada por empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional, que poderá consistir nalgunha das modalidades seguintes:

a) Contratación de persoal de dirección, sempre que o CEE teña, como mínimo, 10 persoas traballadoras. Esta axuda poderá concederse, como máximo, en dúas convocatorias.

b) Custos derivados da obtención efectiva das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.

c) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dunha novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro Administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada, poderán outorgarse axudas de asistencia técnica consistentes en:

– Estudos de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga.

– Labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, excluídas as tarefas que, pola súa natureza, teñan carácter ordinario e continuado na actividade da empresa.

– Auditorías e informes económicos, sempre que estes non se realicen de maneira obrigatoria por unha disposición que así o exixa.

– Auditorías sociais que permitan a empresa avaliar a súa eficacia social e o seu comportamento ético en relación cos seus obxectivos, de maneira que poida mellorar os seus resultados sociais e solidarios e dar conta deles a todas as persoas comprometidas pola súa actividade.

d) Custos derivados dos informes de igualdade e de informes LGTBIQ+.

2. As axudas por asistencia técnica teñen o límite máximo de 15.000 € por CEE para todas as súas modalidades no seu conxunto.

 Requisitos comúns ao financiamento do Programa II

1. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, se é o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

2. Cando o importe do gasto que se toma como referencia da subvención supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude de ofertas, o CEE estará obrigado a solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes entidades provedoras, con carácter previo á realización da obra, entrega do ben ou prestación do servizo, agás que se xustifique debidamente a imposibilidade de obtelas. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente a elección cando esta non recaia na oferta economicamente máis vantaxosa.

3. No caso de que o CEE teña algunha vinculación societaria coa empresa/entidade que realice a obra ou subministración será requisito imprescindible obter a autorización previa do órgano concedente. Así mesmo, deberá presentar coa solicitude unha memoria xustificativa dos beneficios da contratación con esa entidade/empresa en que se exprese que a contratación se realiza conforme as condicións normais de mercado, así mesmo, e en todo caso, calquera que sexa o importe, presentarán tres presupostos, dous deles de empresas que non teñan ningún tipo de relación co CEE. A elección entre as ofertas presentadas axustarase aos criterios sinalados no parágrafo anterior.

Solicitudes

1. As solicitudes de subvención xunto coa correspondente documentación complementaria, deberán presentarse por separado para cada un dos programas regulados nesta orde e para cada centro de traballo, agás as referentes a asistencia técnica prevista no Programa II (asistencia técnica) para a que se presentará unha única solicitude por CEE, con independencia do número de centros de traballo con que conte; as solicitudes dirixiranse ao órgano competente para resolver.

2. As solicitudes e a documentación complementaria presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

3. Para a presentación das solicitudes empregarase necesariamente o formulario normalizado que se publica como anexo desta orde (anexoII) e  estarán dispoñibles na  sede electrónica.

4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta de xeito presencial a súa solicitude, a documentación complementaria que se require para os diferentes programas ou documentación adicional nalgún trámite posterior, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude ou da documentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberán indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. Unicamente no caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e consonte cos criterios indicados na mesma sede electrónica da Xunta de Galicia, en que, igualmente, pode consultarse a información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos.

8. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa, ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Documentación complementaria

A documentación que se achegará común a todas as liñas é a seguinte:

Unha certificación asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE e, así mesmo, o mesmo documento en formato editable (folla de cálculo) e adaptado ao modelo que consta na páxina https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, no cal se relacionarán:

i. A titularidade do centro e direccións dos centros de traballo e actividades que desenvolven.

ii. Orzamento detallado do gasto co detalle que figurará no modelo, no cal figurarán, entre outros, os custos salariais, incluídos os da Seguridade Social; e o calendario de execución previsto.

No caso de que o CEE teña algunha vinculación societaria coa empresa/entidade que realice a obra ou subministración será requisito imprescindible obter a autorización previa do órgano concedente, suposto en que se presentará unha memoria xustificativa dos beneficios da contratación con esa entidade/empresa en que se exprese que a contratación se realiza conforme as condicións normais de mercado; así mesmo, e en todo caso, calquera que sexa o importe, presentarán tres ofertas, dúas deles de empresas que non teñan ningún tipo de relación co CEE. A elección entre as ofertas presentadas efectuarase atendendo en todo caso a criterios de eficiencia e economía.

Cando o importe do gasto que se toma como referencia da subvención supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude de ofertas e, por imposibilidade de obtelas, non se soliciten as tres ofertas ás cales se fai referencia no artigo 33, ou, solicitándoas, se optase por unha das ofertas que non sexa a economicamente máis vantaxosa, deberá achegarase unha memoria xustificativa das ditas circunstancias e das decisións adoptadas.

Documentación a achegar na liña 1: investimento en activo fixo

-Certificación asinada dixitalmente pola persoa representante do CEE do orzamento detallado do gasto, conforme o modelo que consta na páxina (https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego),  cun calendario de execución.

-Orzamento detallado do gasto, indicado no parágrafo anterior en formato editable (folla de cálculo).

-As 3 ofertas do art.33.2 e as memorias mencionadas no art 32.2. de ser o caso

-Relación certificada de novas  persoas con discapacidade contratadas con carácter indefinido, ou cuxos contratos se transformaron  en indefinidos  e polas cales se pide  subvención, segundo o modelo que consta na páxina web (https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego), asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE. De non terse celebrado os contratos, relación certificada do compromiso de contratación polo que se pide subvención segundo o modelo que consta na páxina https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE.

-As certificacións indicadas anteriormente en formato editable (folla de cálculo)

-De terse celebrado os contratos polos que se solicita a subvención, e no caso de que se dea algunha das circunstancias sinaladas, no artigo 32.3 d), deberá achegarse declaración responsable segundo modelo que consta na páxina https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

Documentación a achegar na liña 2: axudas para adaptación de postos de traballo

Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados neste título consultaranse automaticamente por medios electrónicos os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día a persoa solicitante nas súas obrigas coa Seguridade Social, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.

e) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Informe das contas de cotización asociadas ao NIF da entidade solicitante.

h) DNI ou NIE das persoas con discapacidade do CEE e das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, no seu caso.

i) Consulta dos contratos de traballo das persoas polas que se solicita a subvención e/o das persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

j) Informe da vida laboral das persoas polas que se solicita a subvención e/ou das persoas con discapacidade destinatarias da subvención, de ser o caso.

k) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, relativo ás persoas polas que se solicita a subvención e/ou ás persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

l) Certificado das prestacións que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas con discapacidade do CEE destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

m) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas que se solicita a subvención, cando lles sexa de aplicación esta circunstancia.

n) Titulacións universitarias/non universitarias.

As persoas ou entidades solicitantes deben informar ás persoas traballadoras do carácter subvencionado ou subvencionable dos seus contratos de traballo, así como obter destas a autorización para a comprobación dos seus datos por parte da Administración, conforme o modelo do anexo VII, nos termos dos anexos IV, V e VI e da declaración responsable que deberán presentar coa solicitude e que consta na páxina web da consellería https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0177.xml. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento

Así mesmo, no caso de que algunha persoa contratada pola que se solicita a subvención se opoña á comprobación de datos, farao constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentará os documentos que os acrediten.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado na solicitude e achegar os devanditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. A instrución completarase incorporando ao expediente a información que conste na Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, sobre as autorizacións administrativas e inscricións no Rexistro como CEE e os seus centros de traballo, así como o seu recoñecemento e inscrición como centro especial de emprego sen ánimo de lucro ou de iniciativa social, conforme o previsto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

O órgano xestor verificará co Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia que as entidades remitiron toda a documentación requirida por este e que están ao día nas súas obrigas rexistrais.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados de forma electrónica accedendo ao Cartafol cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 13 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 71 do 17 de abril de 2026).

    • Extracto da Orde do 13 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 71 do 17 de abril de 2026).

    • Corrección de erros. Orde do 13 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 78 do 28 de abril de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 26/01/2026 09:00 - 30/09/2026 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano