Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PE610C
Axudas para fomentar a remuda xeracional no sector pesqueiro
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería do Mar
Convocar para o ano 2026, axudas financiadas polo FEMPA, para fomentar a experiencia e a remuda xeracional a través da formación dos/das estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros, de cara a facilitar o seu embarque e a súa formación a bordo.
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas ou xurídicas, armadoras de buques pesqueiros inscritos no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, que faciliten o embarque dos/das estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros que necesiten un período de embarque nun buque de pesca para obter un título profesional pesqueiro, de acordo co Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os títulos profesionais do sector pesqueiro.
O buque debe ter o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e atoparse de alta na 3ª lista do Rexistro de Buques e Empresas Navieiras. Ademais, a persoa beneficiaria debe ter a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas físicas ou xurídicas en que concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Que se atopen nalgún dos supostos establecidos nos puntos 1, letras a) e b), e 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.
b) As sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) As incursas nas circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería do Mar
Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
Subdirección Xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais
Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-pesqueiras
Rúa dos Irmandiños, s/n, Salgueiriños
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546141
Email: cma.dxdesenvolvemento@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
04/06/2026 00:00 - 30/10/2026 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o sétimo día hábil contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:
a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería do Mar, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.
b) O 30 de outubro de 2026.
As persoas beneficiarias, ao formalizar a solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento dos requisitos e condicións establecidas nesta orde, no documento que establece as condicións da axuda (DECA) e na normativa que poida resultar de aplicación.
As persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
1. Específicos:
a) Velar pola formación do/da estudante, de xeito que os labores a bordo do buque estean relacionadas co desenvolvemento da súa formación.
b) Facilitar ao/á estudante o apoio, os medios e o equipamento necesarios para o desenvolvemento das prácticas a bordo do buque, segundo a lexislación vixente (EPIs, roupa de traballo, etc.).
c) Realizar un seguimento e titorización do/da estudante dentro do barco por parte do/da titor/a designado para tal fin.
d) Comunicar á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro calquera modificación das condicións polas que se concedeu a subvención.
2. Xerais:
a) Realizar as actividades para as cales se concede a subvención nos termos e prazos indicados nesta orde e na demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.
b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se atopan ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.
e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.
f) Cumprir as condicións de admisión da solicitude, durante todo o período de execución da operación e durante un período adicional de cinco anos despois da realización do pagamento á persoa beneficiaria, establecidas no artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139. No caso de incumprimento neste período recuperarase a axuda concedida de conformidade cos artigos 44 do citado Regulamento 2021/1139 e 103 do Regulamento (UE) nº 2021/1060. No caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, recuperarase a axuda concedida de conformidade co disposto no artigo 202 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.
g) Manter un rexistro e asegurarse de que os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba a axuda se conserven adecuadamente durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o organismo intermedio de xestión efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria.
Os rexistros e documentos conservaranse en forma de orixinais ou en forma de copias auténticas ou en soportes de datos comunmente aceptados como versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes só en versión electrónica. Cando existan versións electrónicas, non serán necesarios orixinais, se os ditos documentos cumpren os requisitos legais para poder ser considerados equivalentes a orixinais e fiables, para os efectos de auditoría.
h) Facer mención á orixe do financiamento, con expresa mención á porcentaxe de financiamento do FEMPA e da Comunidade Autónoma, e velar por darlle visibilidade, en particular cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público en xeral, de conformidade co artigo 60 do Regulamento (UE) nº 2021/1139.
i) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, nos termos regulamentariamente establecidos.
j) Levar rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, de conformidade co artigo 74 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
k) Proporcionar e actualizar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa operativo e dar cumprimento ao artigo 42 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e ao artigo 46 do Regulamento (UE) nº 2021/1139, someténdose ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente e os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.
l) Respectar a carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e a igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, se é o caso.
m) Cumprir coa normativa comunitaria, nacional e rexional vixente segundo a normativa sectorial que resulte de aplicación.
Solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I do procedemento PE610C) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
As persoas solicitantes profesionais do sector pesqueiro terán a capacidade administrativa para o acceso e a dispoñibilidade para a tramitación electrónica. Deste xeito, para as persoas físicas consideradas persoas beneficiarias por esta orde, establécese a obrigatoriedade do emprego dos medios electrónicos de acordo co disposto nos artigos 3 e 10.2 da Lei 4/2019, de administración dixital de Galicia, e no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Copia da folla de asento do buque, certificada, actualizada e desencriptada.
b) Convenio específico para o desenvolvemento da formación en empresa ou organismo equiparado.
c) Acreditación dos días de embarque dos/das estudantes de acordo co modelo do anexo V do Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os títulos profesionais do sector pesqueiro.
d) Documentación xustificativa dos gastos de viaxe: reserva do billete, así como extractos de contas, ordes de transferencia ou certificacións bancarias que acrediten a efectiva realización dos gastos.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que as persoas interesadas se opoñan á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Domicilio fiscal da persoa física ou xurídica solicitante.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
h) Comprobación de concesións de subvencións e axudas públicas concedidas.
i) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.
j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de Xustificación
- Modelo de Aceptación ou Renuncia (Anexo II)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 11 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas para fomentar a remuda xeracional no sector pesqueiro, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) (DOG nº 96 do 26 de maio de 2026).
-
Extracto da Orde do 11 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas para fomentar a remuda xeracional no sector pesqueiro, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) (DOG nº 96 do 26 de maio de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).
Aberto todo o ano
Retirada do recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).
Aberto todo o ano
Permiso de explotación a pé.
Para realizar este trámite presencialmente debes imprimir o seguinte modelo e presentalo nunha oficina.
Utiliza a opción "DESCARGAR PDF IMPRESIÓN" para imprimilo.
Podes cubrir o formulario en liña e imprimilo unha vez cuberto. Poderás gardar os avances e continuar noutro momento utilizando as opcions "Gardar" e "Recuperar".
Aberto todo o ano
Permiso de explotación para o marisqueo a pé con utilización dunha embarcación auxiliar.
Aberto todo o ano