Guía de procedementos e servizos

TR700A

IV Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19 mediante axudas directas para o apoio á solvencia e reducción do endebedamento do sector privado.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 29/10/2021 00:00 - 29/11/2021 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública do IV Plan de rescate da Xunta de Galicia, liña COVID, de axudas directas ás persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas en Galicia, financiadas cos fondos distribuídos polo Estado en virtude do establecido no título I do Real decreto lei 5/2021, do 12 de marzo, de medidas extraordinarias de apoio á solvencia empresarial en resposta á pandemia da COVID-19 (código de procedemento TR700A).

Para os efectos desta orde, as referencias feitas a persoas traballadoras autónomas comprenderán tamén as persoas empresarias e profesionais.

2. Estas axudas directas terán carácter finalista e deberán aplicarse a satisfacer a débeda e realizar pagamentos a provedores e outros acredores, financeiros e non financeiros, así como a compensar os custos fixos en que se incorreu, sempre e cando estes se xerasen entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2021 e procedan de contratos anteriores ao 13 de marzo de 2021.

3. En primeiro lugar, satisfaranse os pagamentos a provedores e outros acredores non financeiros, por orde do antigüidade. Se procede, en segundo lugar, reducirase a débeda con acredores financeiros, primando a redución da débeda con aval público; segundo o disposto no número 2 deste artigo. Por último, poderá destinarse o remanente da axuda a compensar os custos fixos en que se incorreu, sempre e cando estes fosen xerados entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2021 e procedan de contratos anteriores ao 13 de marzo de 2021. Inclúense as perdas contables propias da actividade empresarial que non fosen xa cubertas por estas ou outras axudas.

4. Por medio desta orde procédese á súa convocatoria para o ano 2021.

Gastos subvencionables.

1. Serán subvencionables as cantidades que se destinen a satisfacer a débeda con provedores e outros acredores, financeiros e non financeiros, así como a compensar os custos fixos en que se incorreu, sempre que estes se xerasen entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2021 e procedan de contratos anteriores ao 13 de marzo de 2021, de acordo co disposto nos puntos seguintes.

2. En concreto, ao abeiro desta convocatoria son subvencionables os gastos realizados para:

a) O pagamento da débeda a provedores e outros acredores, financeiros e non financeiros, que debe estar pendente o 30 de setembro de 2021, aínda que xa estivese realizado na data de presentación da solicitude, e proceder de contratos anteriores ao 13 de marzo de 2021.

b) A compensación dos custos fixos en que se incorreu, e sempre que fosen xerados entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2021 e que procedan de contratos anteriores ao 13 de marzo de 2021. Inclúense as perdas contables propias da actividade empresarial que non fosen xa cubertas por estas ou outras axudas.

3. A data de nacemento dos compromisos contractuais e a data de nacemento da obriga de pagamento xustificaranse coa data que se sinale no contrato de referencia e/ou factura correspondente. Os importes das facturas incluiranse sen IVE ou con IVE, ou imposto indirecto equivalente, en función de que este resulte ou non deducible pola persoa ou empresa solicitante, atendendo aos requisitos normativos do dito imposto que lle sexan de aplicación.

4. En primeiro lugar, deberanse satisfacer os pagamentos das débedas a provedores e outros acredores non financeiros por orde do antigüidade. Se procede, en segundo lugar, reducirase a débeda con acredores financeiros, primando a redución da débeda con aval público. Por último, poderá destinarse o remanente da axuda a compensar os custos fixos en que se incorreu, sempre e cando estes fosen xerados entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2021 e procedan de contratos anteriores ao 13 de marzo de 2021. Inclúense as perdas contables propias da actividade empresarial que non foran xa cubertas por estas ou outras axudas.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas directas previstas nesta orde:

a) Todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia, e profesionais (de ser o caso, mutualistas) en réxime de estimación obxectiva, con domicilio fiscal en Galicia e que exerzan unha actividade económica.

b) Todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia, os profesionais e empresas, con domicilio fiscal en Galicia, que exerzan unha actividade económica e que teñan unha caída do volume de operacións anual declarado ou comprobado pola Administración, no imposto sobre o valor engadido ou tributo indirecto equivalente, de máis dun 30 % no ano 2020 respecto do ano 2019.

c) Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada, sempre que acrediten que continúan coa súa actividade, aínda que non estean de alta no momento de presentación da solicitude e estean de alta un mínimo de 4 meses e un máximo de 9 meses nalgún dos anos 2019 ou 2020.

Para os efectos desta orde, ás persoas traballadoras autónomas que estean de alta durante un período superior a 9 meses aplicaráselles o réxime xeral e non o de tempada.

d) Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas e empresas dadas de alta ou creadas entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de marzo de 2020 e empresas que realizasen unha modificación estrutural da sociedade mercantil entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2020.

2. De conformidade co establecido no número un.5 da Orde HAC 348/2021, do 12 de abril, a aplicación do réxime de estimación obxectiva no imposto sobre a renda das persoas físicas en 2019 ou 2020 determinará que á persoa beneficiaria da axuda lle será de aplicación o dito réxime, con independencia de que realice outras actividades en que resulte de aplicación o réxime de estimación directa. A regra anterior será de aplicación mesmo cando se renunciase ao réxime de estimación obxectiva para 2021.

3. No caso de grupos consolidados que tributen no imposto sobre sociedades no réxime de tributación consolidada, entenderase como destinatario, para efectos do cumprimento dos requisitos de elixibilidade e transferencias, o citado grupo como un contribuínte único e non cada unha das entidades que o integran, polo que o resultado do volume de operacións que se considerará para determinar a caída da actividade será o resultado de sumar todos os volumes de operacións das entidades que conforman o grupo.

4. Non terán a condición de beneficiarias e quedarán excluídas do ámbito de aplicación desta orde:

a) As persoas traballadoras autónomas, profesionais ou empresas que fosen beneficiarias dos importes máximos establecidos no Real decreto lei 5/2021, do 12 de marzo, isto é, 3.000 € ou 200.000 €, nin as que superasen o máximo do 40 % ou do 20 % fixado, segundo o caso, no artigo 3.2.b) do Real decreto lei 5/2021, do 12 de marzo, ao abeiro das axudas reguladas no III Plan de rescate da Xunta de Galicia (Orde do 9 de xuño de 2021, modificada pola Orde do 12 de xullo e 2021. DOG núm. 110, do 11 de xuño e DOG núm. 132, do 13 de xullo, respectivamente).

b) As persoas traballadoras autónomas colaboradoras ou societarias.

c) As empresas financeiras.

d) As empresas en crise, salvo nos supostos a que se refiren os artigos 3.2 e 10.3 desta orde.

e) De conformidade co establecido no número 1.3 da Orde HAC/348/2021, do 12 de abril, con respecto ás entidades en réxime de atribución de rendas no imposto sobre a renda das persoas físicas, non poderán ser beneficiarios os comuneiros, herdeiros ou partícipes de sociedades civís. Neste caso, a beneficiaria directa da axuda será a entidade solicitante.

f) As persoas traballadoras autónomas, entidades e grupos consolidados que na declaración do imposto sobre a renda de persoas físicas correspondente a 2019 declarasen un resultado neto negativo polas actividades económicas en que se aplicase o método de estimación directa para a súa determinación ou, se for o caso, teñan un resultado negativo no dito exercicio na base impoñible do imposto de sociedades ou do imposto da renda de non residentes antes da aplicación da reserva de capitalización e compensación das bases impoñibles negativas.

Excepcionalmente, poderán ser beneficiarios aqueles que teñan un resultado negativo no 2019 sempre que acrediten a súa solvencia económica. A dita solvencia económica acreditarase do seguinte xeito:

– Nas entidades que sexan suxeitos pasivos do imposto de sociedades (IS) cando, segundo as magnitudes contidas na declaración do IS do exercicio 2019, cumpran dúas das tres condicións seguintes:

• Ter fondos propios superiores á metade do capital.

• Ter un activo total igual ou superior a 1,5 veces o pasivo total.

• Ter un activo corrente igual ou superior ao pasivo corrente.

No caso de entidades que non teñan capital, a condición dos fondos propios indicados no parágrafo anterior substituirase polo valor absoluto das perdas acumuladas inferior á metade dos fondos propios.

– Para as persoas físicas (non suxeitas a IS), mediante a presentación das declaracións do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) dos exercicios 2017 e 2018, nas cales se reflicta un resultado positivo en ambos os anos.

O requisito establecido nesta letra e) non será exixible para as persoas autónomas que apliquen o réxime de estimación obxectiva.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

San Lázaro

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544666

Email: autonomos.emprego@xunta.gal

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE621F

Curso para a expedición da certificación profesional para extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano