Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR358C
Subvencións ás entidades asociativas de empresas de inserción laboral.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2017 das subvencións destinadas a sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de Galicia de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de Galicia de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de Galicia de empresas de inserción laboral, coa finalidade de apoiar de forma eficaz a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios, a través do seguinte programa de axudas:
- Programa de axudas ás entidades asociativas de empresas de inserción laboral (capítulo V).
Este programa ten por obxecto sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades asociativas de empresas de inserción laboral de Galicia, coa finalidade de apoiar a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios.
Para os efectos deste programa, enténdese por entidades asociativas de empresas de inserción laboral de Galicia aquelas que asocien exclusivamente empresas de inserción laboral inscritas como tales no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral (DOG núm. 153, do 8 de agosto).
Gastos subvencionables
1. Serán subvencionables os gastos que de maneira indubitada respondan á natureza da actividade subvencionada, realizados no período comprendido entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.
2. Consideraranse gastos subvencionables os seguintes gastos xerais:
a) Gastos de persoal. Neste concepto só se terán en conta o salario base e as cotizacións sociais, incluídas as pagas extraordinarias.
b) Arrendamentos de locais.
c) Servizos profesionais independentes.
d) Primas de seguros.
e) Publicidade e propaganda.
f) Material de oficina, fotocopias e imprenta.
g) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas e de auga.
h) Cotas de subscrición a publicacións e inscrición en actividades e pola pertenza a outras organizacións autonómicas ou estatais.
i) Gastos de organización ou participación en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante, incluídos gastos de desprazamento e manutención. A contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención, por participar nestas actividades, non poderá superar o 50 % do seu custo.
j) Gastos ocasionados pola elaboración de estudos e publicacións, pola realización de actividades de formación en Galicia ou pola implantación de proxectos ou programas de promoción das empresas de inserción laboral en Galicia, incluídos, neste suposto, os gastos de desprazamento e manutención. A contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención, por participar nestas actividades, non poderá superar o 50 % do seu custo.
3. En ningún caso serán subvencionables os seguintes gastos:
1. Os gastos de persoal e os gastos por servizos profesionais que poidan derivar da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.
2. Os tributos considéranse gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
Entidades asociativas de empresas de inserción laboral cuxo ámbito de actuación comprenda todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e non sexan de ámbito superior ao da Comunidade Autónoma.
Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións:
a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Estar ao día das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para darlle publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Subdirección Xeral de Emprego
Servizo de Emprego Autónomo
Edificios Administrativos San Lázaro, s/n
15871 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545625/ 981957590
Fax: 981544678
Prazo de presentación: PECHADO
07/04/2017 00:00 - 08/05/2017 23:59
Un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
a) Teren personalidade xurídica propia e independente.
b) Estaren inscritas no rexistro público correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Desenvolveren a súa actividade exclusivamente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Teren o seu domicilio social e a sede na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal dispoñeren dunha oficina permanente nela.
Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Non poderán solicitar as subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que formen parte de confederacións, federacións e unión de asociacións que igualmente presentasen unha solicitude de axudas ao abeiro deste programa.
A solicitude deberase presentar no modelo normalizado que figura como anexo I-C numérico a esta orde e deberá ir xunto coa seguinte documentación:
a) Escritura de poder suficiente para actuar en nome da entidade perante a Administración pública, agás que a capacidade de representación se recolla nos estatutos.
b) Acta de constitución e estatutos da entidade.
c) Memoria das actividades realizadas pola entidade e dos servizos prestados ás súas persoas asociadas no exercicio 2016, que inclúa unha breve historia da entidade e a descrición da súa implantación territorial, así como unha memoria das actividades previstas para o exercicio 2017.
d) As últimas contas anuais aprobadas xunto coa certificación acreditativa expedida polo representante legal, así como o orzamento de ingresos e gastos do exercicio 2017.
e) Para o suposto de subcontratación con persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria da subvención, xuntarase unha petición de autorización para que se poida efectuar a subcontratación, así como a memoria co contido sinalado no segundo parágrafo do número 2 do artigo 37 desa orde.
Ademais, para acreditaren os criterios de valoración establecidos no artigo 41 desta orde, as entidades solicitantes deberán presentar a documentación específica que a continuación se relaciona e que servirá de fundamento para a concesión da subvención:
a) Libro de rexistro de empresas de inserción laboral asociadas á entidade.
b) Declaración responsable do representante legal da entidade dos centros de traballo con que contan as empresas de inserción laboral asociadas, con indicación do seu enderezo.
c) Contratos de traballo das persoas traballadoras que prestan os seus servizos na entidade e documentos de cotización á Seguridade Social TC-2 correspondentes ao exercicio 2016, así como os documentos acreditativos da condición de persoa en situación ou en risco de exclusión social.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Se algunha das entidades presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa interesada a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
No prazo de presentación de solicitudes, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se, no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de xustificación
- Anexo II-C
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 23 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 68 do 6 de abril de 2017).
-
Resolución do 2 de febreiro de 2018, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 23 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 68, do 6 de abril) (DOG nº 31 do 13 de febreiro de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00
Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Curso para a expedición da certificación profesional para extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.
Aberto todo o ano