Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR353C
Primeira experiencia profesional das persoas mozas
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
A convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas en Galicia a través da formalización de contratos de formación para a obtención da práctica profesional ou de contratos de formación en alternancia, que lle faciliten a inserción laboral, coa finalidade última de proporcionar a estas persoas unha primeira experiencia no emprego, promovendo a súa empregabilidade e a retención do talento mozo na nosa Comunidade Autónoma.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas traballadoras mozas por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
Tamén poderán ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para realizar contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social respectivamente.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Subdirección Xeral de Emprego
Servizo de Emprego por Conta Allea
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981 544 719 / 981 544 690 / 981 544 610
Email: contaallea.emprego@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
16/06/2026 09:00 - 30/09/2026 20:00
O prazo xeral para a presentación das solicitudes dos procedementos de axudas establecidas nesta orde comezará ás 9.00 horas do quinto día hábil posterior ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e rematará ás 20.00 horas do 30 de setembro de 2026.
1. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, así como as entidades sen ánimo de lucro.
2. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas empregadoras ou empresas nas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria aquelas que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme ao establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
4. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as persoas empregadoras ou empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Esta circunstancia acreditarase no momento da solicitude mediante declaración responsable da persoa solicitante, sen prexuízo de que as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada deberán acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
5. As persoas autónomas que, pola súa vez, sexan autónomas societarias só poderán presentar unha solicitude. En caso contrario, ambas as solicitudes quedarán excluídas por incumprimento dos requisitos establecidos.
6. A xustificación por parte das persoas empregadoras ou empresas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3, 4, 5 e 6 anteriores para obter a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable no anexo I.1 ou I.2, segundo o programa de axudas que se solicite.
Solicitudes
1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde nos modelos de solicitude que figuran como anexos. Os anexos de solicitude que corresponden a cada procedemento son:
a) Anexo I.1 para o programa I: primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
3. Forma parte das solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, así como das axudas concedidas en réxime de minimis.
b) Que ten centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Que cumpre os requisitos establecidos para obter a condición de persoa empregadora ou empresa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
h) Que non foi excluída do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
i) Que cumpren os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
j) Que presentou unha única solicitude, ben como persoa autónoma, ben como societaria.
k) Que coa presentación da solicitude acepta a subvención.
l) De ser o caso, que dispón do documento asinado pola persoa ou persoas contratadas con anterioridade á presentación da solicitude, no que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo III para ambos os programas de axudas. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
4. A presentación das solicitudes implica o coñecemento e a aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras e supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa ou entidade beneficiaria dela.
5. Será causa de desestimación das solicitudes non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Documentación complementaria
1. As persoas e entidades deberán achegar coa solicitude (anexos I.1 ), a seguinte documentación:
a) Cando se actúe mediante representación, a acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da mesma. Quedan excepcionadas da dita presentación as persoas empregadoras ou empresas inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan a representación para este procedemento.
b) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, anexo IV para ambos programas, de declaración responsable-compromiso na cal deberán constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias; farase constar unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á mesma. Non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código do procedemento e o órgano responsable, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación dos dous procedementos regulados nesta orde o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a persoa ou a empresa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.
b) NIF da entidade representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Consulta de todos os códigos conta de cotización da persoa ou entidade solicitante.
e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
h) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións.
j) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.
k) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.
l) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.
m) Certificado de inscrición da persoa traballadora contratada como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da contratación.
n) Consulta de títulos oficiais universitarios, segundo proceda, da persoa traballadora contratada.
ñ) Consulta de títulos oficiais non universitarios, segundo proceda, da persoa traballadora contratada.
o) Contrato de traballo da persoa traballadora contratada.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude dos dous procedementos regulados nesta orde deberán efectuarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 21 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional mediante contratos formativos para a mocidade ou no sector artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 106 do 09 de xuño de 2026).
-
Extracto da Orde do 21 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional mediante contratos formativos para a mocidade ou no sector artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 106 do 09 de xuño de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Prazo aberto: 26/01/2026 09:00 - 30/09/2026 14:00
Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Curso para a expedición da certificación profesional para extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.
Aberto todo o ano