Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR350E
Subvención para entidades locais que contraten persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil,no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+Galicia 2021/2027.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades locais para a contratación durante nove meses de persoas mozas, inscritas como demandantes nos servizos públicos de emprego e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral
Serán beneficiarias desta liña de subvencións os concellos de Galicia, como entidade local básica da organización territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia.
Terase en conta a iniciativa galega de concellos emprendedores, regulada no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Subdirección Xeral de Emprego
Servizo de Programas de Cooperación
SAN LÁZARO, S/N
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545604,981957739, 981957737,981544174,981544612
Email: programascooperacion.sxe@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
12/06/2026 00:00 - 13/07/2026 23:59
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Requisitos xerais dos servizos que se prestarán polas entidades beneficiarias
Os servizos que se desenvolvan ao abeiro desta orde deberán posibilitarlles ás persoas contratadas a realización dun traballo efectivo en tarefas relacionadas cos fins das entidades beneficiarias (tanto entidades locais como organismos intermedios), que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo, e non estar afectos ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia europea (entenderase por actividade económica calquera actividade consistente na subministración de bens ou servizos nun mercado determinado), e deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
b) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos en tarefas relacionadas cos fins da entidade beneficiaria, sexa como mínimo de 9 meses e a xornada a tempo completo, ao ser esa a duración e a xornada máxima subvencionable.
d) Que a entidade beneficiaria dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao amparo desta orde, de ser o caso.
Non poderán ter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as entidades en quen concorran algunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
As entidades solicitantes deberán indicar no formulario normalizado (anexo I.A), o grupo de cotización a que pertencen as persoas mozas traballadoras solicitadas. Para cada unha das persoas mozas traballadoras solicitadas deberase consignar na solicitude o CNO a 4 díxitos, que facilite e axilice o proceso posterior de selección, debendo existir coherencia entre o CNO solicitado e o grupo de cotización.
Para os efectos orientativos, as entidades solicitantes teñen á súa disposición a páxina web: https://emprego.xunta.gal/gl/buscador-de-ocupacions-mais-demandadas, na cal poden consultar o número de persoas mozas (garantía xuvenil), con dispoñibilidade para o emprego por concello, provincia, comarca ou en toda Galicia.
2. Será causa de desestimación da solicitude non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.
4. Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade. No caso de presentación de varias solicitudes só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.
Documentación complementaria
1. Xunto co formulario de solicitude (anexo I.A), deberá anexarse a seguinte documentación:
– Acreditación da persoa que asina a solicitude, en nome e representación da entidade local, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido pola persoa secretaria, ou acta onde se determine a dita representación. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán acadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os ditos documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento, o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a entidade local interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración tributaria de Galicia.
e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
f) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.
i) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada, dos últimos 12 meses.
j) Certificado de inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego, nas datas de referencia (selección e contratación).
k) Contrato de traballo da persoa traballadora contratada.
l) Inscrición como beneficiaria no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil nas datas de referencia (selección e contratación).
2. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 22 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración coas entidades locais e cos organismos intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 108 do 11 de xuño de 2026).
-
Extracto da Orde do 22 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración coas entidades locais e cos organismos intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 108 do 11 de xuño de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición/acreditación de centros de formación para o emprego.
Aberto todo o ano
Mantemento da inscrición / acreditación por cambio de titularidade dun centro de formación.
Aberto todo o ano
Habilitación do Libro de subcontratación para o sector da construción
Aberto todo o ano
Subvención a obradoiros duais de emprego
Prazo aberto: 27/05/2026 00:00 - 26/06/2026 23:59