Guía de procedementos e servizos

TR303A

Programa piloto de formación senior dixital

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 07/08/2020 00:00 - 07/09/2020 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2020, de subvencións a entidades de formación para a realización dun programa piloto de recualificación profesional dixital, a través da modalidade en liña, de persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos para a súa capacitación, tanto en competencias dixitais orientadas ao novo mercado laboral como en competencias brandas, co fin de mellorar a súa empregabilidade, e a súa inserción laboral (código de procedemento TR303A).

Consistirá, por tanto, na impartición de programas de formación, a través dunha plataforma de aprendizaxe interactiva, de 70 horas distribuídas ao longo de 3 semanas de formación sobre:

1. Competencias dixitais orientadas ao novo mercado laboral (ferramentas esenciais para desenvolverse con fluidez na era tecnolóxica. Isto é, coñecementos sobre dispositivos electrónicos, redes, seguridade cibernética, sistemas de comunicación, traballo na nube, etc.).

2. Competencias brandas (motivación, boa comunicación, boa organización, traballo en equipo, puntualidade, pensamento crítico, sociable, ser creativo, habilidades interpersoais de comunicación, facilidade de adaptación, personalidade amigable, etc).

Especificamente, o Programa sénior dixital estará orientado á adquisición e fortalecemento en temáticas tales como coñecemento avanzado de ferramentas open office, ferramentas de xestión documental compartida na nube, ferramentas para almacenar información, ferramentas para o envío de grandes volumes de datos, traballo compartido na nube, traballo en streaming, etc, e dirixida a un perfil de alumnado cun nivel de competencias medio no manexo de ferramentas en liña para o desenvolvemento de traballo compartido e/ou teletraballo. Os contidos propostos deberán acadar un total de 55 horas de formación.

Estes coñecementos deberán acompañarse dun módulo específico dirixido á adquisición e fornecemento de competencias brandas, cunha duración mínima de 15 horas.

Poden beneficiarse das subvencións recollidas nestas bases reguladoras as empresas cuxo obxecto social estea orientado á impartición de formación e teñan experiencia demostrable no ámbito da formación, e que na data de publicación desta convocatoria cumpran as seguintes condicións:

– Ter recollido no seu obxecto social as actividades de formación.

– Ter desenvolvido programas dirixidos especificamente á formación.

– Dispoñer ou por á disposición unha plataforma de aprendizaxe interactiva.

Obrigas das empresas beneficiarias

Son obrigas xerais das empresas beneficiarias das axudas contidas nesta orde as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Levar a cabo o seguimento do proceso de formación das persoas participantes no programa. Á conclusión do Programa piloto, a empresa deberá remitir ao órgano instrutor das axudas un informe do seguimento realizado.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos, tal e como establece o artigo 11.d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

f) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

g) Dispor, se é o caso, daqueles libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados e que exixa a lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

h) Acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos durante un período mínimo de 5 anos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

j) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para darlle publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con fondos recibidos do Servicio Público de Emprego Estatal (SEPE).

m) Cumprir as disposicións lexislativas sobre protección de datos de carácter persoal, concretamente a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, e o Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Subdirección Xeral de Emprego

Servizo de Emprego por Conta Allea

Teléfono: 981544610

Email: contaallea.emprego@xunta.gal

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

07/08/2020 00:00 - 07/09/2020 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas establecidas nesta orde será de 1 mes, e comezará o día seguinte ao da súa publicación. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal ao da publicación e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo remata o último día do mes. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

- Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

d) Non estar incursas nalgunha das prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e reunir os restantes requisitos previstos nesta.

A acreditación, por parte das entidades solicitantes, de que cumpren as condicións sinaladas nas letras a), c) e d) anteriores realizarase mediante declaración responsable que se inclúe no anexo I de solicitude.

- As entidades que poden ser beneficiarias poderán tramitar unicamente unha solicitude de axuda para un proxecto piloto. Polo tanto, só resultarán beneficiarias de axudas para o desenvolvemento dun proxecto piloto.

- Ningunha entidade poderá figurar en máis dunha solicitude. O incumprimento desta norma dará lugar a que unicamente se dea validez á solicitude presentada en primeiro lugar e que se proceda á inadmisión das restantes solicitudes onde figure a entidade incumpridora.

 - As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https:// sede.xunta.gal).

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

- Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Copia das escrituras vixentes da entidade solicitante, en que se recolla como o seu obxecto as actividades de formación.

b) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación coa que actúa a persoa que asina a solicitude.

c) Compromiso de adscrición de medios do equipo de traballo, segundo anexo II.

d) Descrición do proxecto innovador que se vai desenvolver e para o que se solicita a subvención, o cal debería recoller, canto menos, os seguintes aspectos:

1. Descrición e capacidades da plataforma de formación que se vai empregar.

2. Procedemento de captación e selección dos desempregados de longa duración maiores de 45 anos adecuados para recibir a formación en liña.

3. Modelo de configuración de itinerarios personalizados de formación.

4. Número de persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos máximo que podería afrontar cada edición.

5. Descrición global dos contidos formativos que se van impartir:

a. Competencias dixitais orientadas ao novo mercado laboral.

b. Competencias brandas.

c. Descrición da metodoloxía e medios que se van empregar para a impartición da formación en cada tipo de competencia.

6. Número de formadores especialistas en cada una das materias propostas e número de titores de cada especialidade dispoñibles para a resolución de dúbidas dos alumnos.

7. Descrición do sistema de autoavaliación e avaliación dos coñecementos adquiridos polas persoas formadas.

8. Modelo de seguimiento.

e) Acreditación de experiencia na execución de programas de formación de persoas desempregadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (anexo III).

f) Memoria do proxecto de programa formativo e da calidade da plataforma de aprendizaxe interactiva, segundo o estabelecido ao respecto no artigo 24 da presente orde de axudas.

g) Plan de igualdade da empresa (se o tiver).

h) Plan de responsabilidade social empresarial da empresa (se o tiver).

i) Declaración responsable de cumprimento dos requisitos a que se refire o artigo 6.2.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI ou NIE da persoa que recibe a formación.

e) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa que recibe a formación.

f) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa que recibe a formación.

g) Certificado de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificado de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Administración tributaria de Galicia.

i) Certificado de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I, segundo corresponda, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de concesión, xestión, control e verificación das axudas.

Trámites posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 28 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 de axudas para a realización dun programa piloto de formación en formato non presencial de recualificación profesional dixital, dirixido a persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos, Programa piloto sénior dixital (DOG núm. 157 do 6 de agosto de 2020).

    • Extracto da Orde do 28 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 de axudas para a realización dun programa piloto de formación en formato non presencial de recualificación profesional dixital, dirixido a persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos, Programa piloto séniror dixital (DOG núm. 157 do 6 de agosto de 2020).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR301L

Inscrición/acreditación de centros de formación para o emprego.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano