Guía de procedementos e servizos

TR301P

Accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026/27 - Prazo aberto: 14/01/2026 09:00 - 01/12/2026 20:00

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde de bases reguladoras e de primeira convocatoria, terán como finalidade o financiamento de programas de formación con compromiso de contratación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras desempregadas, e estarán dirixidos á adquisición e mellora das competencias profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxecto da contratación

1. Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten e as agrupacións temporais de empresas.

2. Entenderase por agrupación temporal de empresas para os efectos desta orde, cando distintas empresas pertencentes a un sector ou actividade acrediten a correspondente agrupación mediante un acordo ou convenio entre elas.

A presentación da solicitude deberá ser conxunta e deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude de subvención coma na resolución de concesión, os compromisos de contratación e execución asumidos por cada membro da agrupación, o período de vixencia da agrupación que, como mínimo, deberá ser o do tempo de duración da acción ou accións formativas, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de persoas beneficiarias.

Todas as empresas agrupadas deberán cumprir todos os requisitos da convocatoria para seren beneficiarias.

Deberase nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.

Calquera modificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación deberá ser previamente solicitada, mediante documento asinado por todos os seus membros, á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para a súa autorización, e estará suxeita ao disposto neste artigo e no punto 7 do artigo 18 desta orde. Os ditos cambios non poderán en ningún caso minorar o compromiso de contratación adquirido pola agrupación.

3. Sen prexuízo do disposto no punto 1 deste artigo, poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións ás que se refiren estas bases as empresas que sexan entidades de formación e que sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados ou inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención. Neste caso, será a entidade de formación beneficiaria a que se faga cargo da responsabilidade da execución da actividade formativa subvencionada e do cumprimento do compromiso de contratación, podendo asumir o dito compromiso mediante acordos ou convenios con outras empresas que efectuarán a contratación laboral.

Os clústers e as asociacións empresariais que resulten beneficiarios actuando como entidades de formación poderán realizar a contratación das persoas traballadoras nas empresas pertencentes ao clúster ou a asociación empresarial. Para o caso concreto dun grupo empresarial, entendido este como unha agrupación de empresas con personalidade xurídica propia que operan de maneira independente pero que están vencelladas entre si por unha estrutura de control común, a contratación poderá realizarse entre as empresas do grupo a que pertence a beneficiaria inscrita ou acreditada como entidade de formación.

As entidades de formación, coa excepción establecida no punto 4 deste artigo, deberán estar acreditadas ou inscritas con carácter previo á presentación da solicitude de subvención.

4. As beneficiarias deberán dispor, ben por si mesmas ou mediante acordo cunha entidade de formación, do equipamento e instalacións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para a impartición das especialidades formativas solicitadas no seu programa formativo ou real decreto que corresponda, así como dos recursos humanos requiridos de acordo coa normativa reguladora.

As empresas beneficiarias desenvolverán as accións formativas utilizando os medios de execución propios ou contratados establecidos no artigo 21.

Cando, atendendo ao disposto no artigo 9.1.i) desta orde, se soliciten especialidades formativas ou itinerarios formativos non incluídos no Catálogo de especialidades formativas, a inscrición deberá formalizarse, caso de que se autorice a solicitude, con anterioridade ao comezo da acción formativa.

En calquera caso, a impartición de accións formativas conducentes a certificados profesionais deberá ter lugar nun centro acreditado no Rexistro de Entidades e Centros de Formación para o Emprego de Galicia.

5. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as empresas públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

Tampouco poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde de bases as empresas e entidades que, nos 6 meses anteriores á solicitude, reducisen o seu cadro de persoal nunha porcentaxe igual ou superior ao 15 %. Para estes efectos, só se terán en conta as persoas con contrato indefinido, non sendo computables as extincións de contrato por causas obxectivas ou despidos disciplinarios declarados ou recoñecidos como procedentes, nin as baixas producidas por vontade propia da persoa traballadora, dimisión, morte, xubilación anticipada, incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez.

6. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo e, así mesmo, as incluídas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 7.6 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro.

A xustificación polas entidades solicitantes de non estar incursas en ningunha das anteditas circunstancias realizarase mediante unha declaración responsable incluída no modelo de solicitude definido no anexo I de cada convocatoria, cuxo contido deberá respectar o que establece o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Coa finalidade de garantir o cumprimento das exixencias deste punto poderán realizarse comprobacións por mostra estatística durante calquera das fases do procedemento por parte do persoal técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, das cales poderán derivar, de ser o caso, as consecuencias sinaladas no artigo 8.2 desta orde para os supostos de falseamento do contido das declaracións responsables.

De ser o caso, estas actuacións de comprobación poderán ser efectuadas por outra entidade, pública ou privada, se así se lle encomenda a través do instrumento xurídico correspondente.

7. De acordo co disposto no artigo 210 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, non será compatible a condición de centro asociado beneficiario, coa participación en convocatorias de outorgamento de subvencións destinadas ao desenvolvemento de accións formativas, destinadas a centros e entidades autorizados e non catalogados como centros asociados, naquelas especialidades ou familias profesionais comprendidas na súa condición de centro asociado.

A condición de centro asociado beneficiario requirirá da existencia dunha relación contractual ou convenio formalizado e da asignación dunha consignación orzamentaria para impartir accións formativas do Sistema de formación profesional.

Caso de que o centro asociado xa sexa, no momento de adquirir esta condición, beneficiario dunha subvención ou adxudicatario dunha licitación para impartir accións formativas do Sistema de formación profesional, deberá renunciar a impartir aquelas especialidades incluídas na súa condición de centro asociado cuxa realización aínda non comezara. Esta renuncia terá a consideración de xustificada.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Subdirección Xeral de Formación para o Emprego

Servizo de Planificación da Formación para o Emprego

San Lázaro, S/N

15791  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957370 / 981957585

Email: sx.formacionemprego@xunta.gal

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

14/01/2026 09:00 - 01/12/2026 20:00

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día da entrada en vigor da orde ás 9.00 horas, de conformidade co establecido na disposición derradeira segunda, ata o día 1 de decembro de 2026 ás 20.00 horas ou, de ser o caso, ata que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou a documentación presencialmente, requiriráselle para que a emende mediante a súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados nas bases reguladoras e/ou a correspondente convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Caso de que o requirimento afecte só a algunha das accións formativas da solicitude, entenderanse como desistidas unicamente estas, continuándose coa tramitación do resto do expediente.

Non se admitirán a trámite, e por conseguinte non existirá a posibilidade de emenda, as solicitudes presentadas fóra de prazo.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

As empresas ou entidades de formación poderán formular unha solicitude de subvención para cada unha das liñas formativas que, de ser o caso, se establezan en cada convocatoria, e incluirán nela, dentro da súa capacidade real de execución respecto aos límites e requisitos que se determinan nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria, e de acordo co compromiso de contratación a que se obriga, todas e cada unha das accións formativas incluídas nesa liña para as que solicita subvención.

Para os posibles efectos de superación, de ser o caso, do límite máximo do importe de subvención a conceder que se estableza en cada convocatoria, ou de esgotamento do orzamento dispoñible, as accións formativas para as que se solicita subvención deberán ir ordenadas en función da prioridade de impartición que lles outorgue a entidade solicitante, de xeito que estas figuren ordenadas segundo criterio de maior a menor preferencia.

Non poderán formularse solicitudes de subvencións para impartir accións formativas que teñan previsto comezar nunha data anterior ao prazo ou data que para cada convocatoria se estableza.

3. A solicitude, que incluirá a ficha das accións formativas que se pretende impartir (anexo II) deberá presentarse acompañada da documentación complementaria relacionada no artigo 9 desta orde.

Declaración responsable que forma parte da solicitude

1. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e na cal se farán constar os aspectos seguintes:

a) Que, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:

• Non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención.

• De se solicitar e/ou conceder outras axudas para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención, deberán relacionarse estas.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

c) Que coñece as estipulacións da orde de bases e primeira convocatoria, que cumpre cos requisitos sinalados nela e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.

d) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, de 28 de marzo e no artigo 7 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro.

f) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado por Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

g) Que as dotacións, equipamentos, medios materiais e instalacións nas que se desenvolverán as accións formativas serán as adecuadas para tal fin, e, no caso das entidades de formación, aquelas para as que están acreditadas ou inscritas, nos termos do artigo 15 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, e do artigo 6 da orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, e que son aptos para impartir a formación e cumpren e manterán durante todo o período de impartición das accións formativas, as condicións e requisitos que esixe a normativa aplicable á correspondente especialidade formativa e, no caso de impartición de cursos conducentes a certificados profesionais, os requisitos recollidos nos reais decretos de creación, así como na restante normativa de aplicación.

h) Que conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, así como, de ser o caso, de aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir na súa totalidade a execución completa das accións formativas que solicita.

i) Que dispón da documentación que acredita o cumprimento dos anteriores aspectos e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito.

2. A presentación dunha declaración responsable que falsee ou oculte circunstancias que impidan ou limiten a concesión da subvención ou o seu pagamento terá a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Ficha da acción formativa (anexo II).

b) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).

c) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude no nome e representación da agrupación, no caso de agrupacións temporais de empresas.

d) Copia da documentación de constitución da entidade solicitante ou dos estatutos sociais debidamente legalizados.

e) Memoria técnica explicativa do compromiso de contratación do alumnado, asinado pola persoa ou persoas representantes da empresa ou empresas vencelladas ao proxecto presentado, que deberá incluír a información detallada no artigo 5.4 desta orde.

Este compromiso, de conformidade co artigo 28.1 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, deberano adquirir a/s empresa/s beneficiaria/s con respecto a si mesmas, salvo que se trate de entidades de formación, suposto en que serán estas as que asumirán a responsabilidade do cumprimento do compromiso da contratación, así como da execución da actividade formativa subvencionada.

f) Compromiso de subscrición dun convenio ou acordo coa empresa ou empresas onde terá lugar a estancia en empresa incluída dentro do certificado profesional, de ser o caso, cando as accións formativas que se solicitan se correspondan con ofertas formativas do grao C do Sistema de formación profesional.

g) Para todas as especialidades, agás no caso de que a formación se desenvolva en centros xa acreditados ou inscritos para impartir a especialidade formativa, relación detallada de dotacións, equipamentos e medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento, así como unha descrición das aulas e talleres, indicando os seus metros cadrados e xuntando planos oficiais das instalacións onde estea previsto impartir a formación, tendo en conta a aplicación do principio de transversalidade de xénero.

h) No caso de solicitudes conxuntas de agrupacións temporais de empresas, deberá achegarse:

• Documento de constitución da agrupación, en que deberá constar a persoa designada como representante da mesma.

• Convenio entre as partes que fan a solicitude conxunta que incluirá os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, o período de vixencia da agrupación que, como mínimo, deberá ser o do tempo de duración da acción ou accións formativas, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de persoas beneficiarias.

• Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar o convenio, en nome e representación da entidade, para cada unha das entidades que formen parte da agrupación.

• Comprobación de datos para pluralidade de solicitantes (anexo IV).

i) Cando se soliciten especialidades formativas non incluídas no Catálogo de especialidades formativas a que se refire o artigo 20.3 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, as entidades solicitantes deberán achegar a documentación que a continuación se referencia, nos termos recollidos na Orde TMS/283/2019, do 12 de marzo, pola que se regula o Catálogo de especialidades formativas no marco do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

• Solicitude de alta da nova especialidade formativa.

• Proposta de programa formativo.

• Ficha coa proposta da nova especialidade formativa.

• Informe motivado da necesidade de dar de alta a nova especialidade formativa no Catálogo de especialidades formativas.

Para estes efectos, a actualización do citado catálogo e as correspondentes altas e baixas de especialidades serán realizadas polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Na páxina web https://conselleriaemprego.xunta.gal/es/formacion/especialidades-formativas, está dispoñible para a súa consulta unha guía informativa coas actuacións a realizar para dar de alta novas especialidades formativas no Catálogo de especialidades formativas.

O informe motivado e os programas que se citan na guía deberán ser remitidos en soporte informático editable para os efectos, nos termos do artigo 6 da Orde TMS/283/2019, da correspondente xestión e tramitación dos procesos de alta, modificación e reactivación, segundo proceda, da especialidade ou itinerario formativo.

As accións formativas obxecto de financiamento non poderán en ningún caso iniciarse con carácter previo á finalización favorable do proceso de alta, modificación ou reactivación que corresponda.

j) Solicitude debidamente xustificada de autorización para impartir accións formativas non conducentes á obtención dun certificado profesional de duración superior ás 300 horas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. De existir discrepancia entre a información contida na solicitude (anexo I) e/ou na ficha da acción formativa (anexo II), en relación coa información achegada no resto de documentación a presentar, será considerada como correcta, para os efectos de tramitar e revisar a solicitude, a alegada nos citados anexos I e II, con independencia, de ser o caso, de que para ter validez esta deba acreditarse documentalmente.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

g) Concesión de subvencións e axudas.

h) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os correspondentes documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites posteriores á presentación 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban efectuar tras a presentación da solicitude deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática SIFO, se deberá adecuarse a presentación de documentación derivada das notificacións efectuadas pola Administración ao disposto no artigo 13.6 desta orde.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Un mes

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 11 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2026-2029 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento do programa Galicia suma talento: Plan de formación empresas para os anos 2026-2027 (DOG nº 03 do 07 de xaneiro de 2026).

    • Extracto da Orde do 11 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2026-2029 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento do programa Galicia suma talento: Plan de formación empresas para os anos 2026-2027 (DOG nº 03 do 07 de xaneiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED301A

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301C

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301F

Autorización de centros de ensinanzas de técnicos deportivos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED330H

Rexistro de librarías. Axudas para adquirir libros de texto e material escolar.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano