Guía de procedementos e servizos

SI440A

Axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da xornada de traballo.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 15/07/2025 00:00 - 14/08/2025 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Sobre o procedemento

Bases reguladoras e a convocatoria das axudas destinadas a apoiar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como medida de fomento da corresponsabilidade das persoas da unidade familiar que exerciten o dereito á redución da xornada laboral, especialmente por parte dos homes, para o coidado dos seus fillos e fillas. Serán subvencionables as situacións de redución da xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, no período comprendido entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025, ambos os dous inclusive, das persoas sinaladas como beneficiarias no artigo 5.

Con esta convocatoria preténdese impulsar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a través de incentivos á conciliación da vida familiar e laboral, como medida de fomento da corresponsabilidade para os homes traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo, coa dobre vontade de apoiar a asunción de responsabilidades familiares por parte dos homes e de axudar á desaparición dos estereotipos sobre os coidados e o mantemento das traballadoras, que teñen responsabilidades familiares, no mercado de traballo. Ao mesmo tempo preténdese ter en conta distintos modelos de familia, como as monoparentais e as familias integradas por persoas do mesmo sexo. É por isto, que tamén as mulleres (nais) que se acollan á redución da súa xornada de traballo poderán ser beneficiarias destas axudas nos casos de unidades familiares monomarentais ou de parellas do mesmo sexo.

1. Poderá ser beneficiaria das axudas previstas nesta convocatoria a persoa proxenitora do/da menor que exerza o dereito á redución de xornada, e segundo as seguintes situacións:

a) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas de distinto sexo, o proxenitor de sexo masculino, tendo en conta que o obxectivo do programa é o cambio de tendencia cara á corresponsabilidade real e que, polo tanto, sexan tamén os homes os que se acollan á redución da xornada.

b) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas do mesmo sexo, calquera das persoas proxenitoras.

c) No caso de unidades familiares monoparentais, a persoa ao cargo da unidade familiar.

2. Para os efectos destas axudas, entenderase por familia monoparental, con base no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas ao seu cargo, nos seguintes supostos:

a) Os homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario.

b) As familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os fillos e fillas.

c) As familias formadas por un pai ou nai que queda a cargo das fillas e fillos, sen que haxa custodia compartida.

3. En ningún caso poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a súa tutela ou garda foi asumida por unha institución pública.

4. Nunha unidade familiar só poderá haber unha soa persoa beneficiaria destas axudas.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Promoción da Igualdade

Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade

Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547397

Email: promocion.igualdade@xunta.gal

http://igualdade.xunta.gal/es

Dirección Xeral de Promoción da Igualdade
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

15/07/2025 00:00 - 14/08/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

1. Para obter a condición de beneficiarias, as persoas solicitantes deberán cumprir todos os requisitos, condicións e obrigas establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular os seguintes:

a) Estar empadroadas en calquera concello da Comunidade Autónoma galega.

b) Que se trate dunha persoa traballadora por conta allea, tanto na empresa privada como nas administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

c) Que a redución de xornada sexa para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.

Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior os casos de adopción ou acollemento familiar, en calquera das súas modalidades, en que para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, ou 12 anos se o/a menor ten recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. En calquera caso, a filla/fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

d) Que a redución de xornada se produza no período comprendido entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025, ambos os dous incluídos.

e) Convivir coa filla ou o fillo durante o período subvencionable.

f) A redución de xornada terá que ser de, polo menos, o 12,5 % da xornada.

g) Os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2024.

h) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.

2. No caso de que a modalidade de redución de xornada sexa por coidado dunha filla ou fillo afectada/o por cancro ou por calquera enfermidade grave, só poderán ser beneficiarias no caso de que non reciban a prestación económica regulada no Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento no sistema da Seguridade Social da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave, e sempre que a filla ou fillo por quen se solicita a axuda sexa menor de 12 anos.

Tampouco será subvencionable a redución de xornada que se acolla ao disposto no artigo 106.1.b) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De acordo co establecido no artigo 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, a obriga de presentación por medios electrónicos xustifícase con base no colectivo de persoas físicas a que se destinan as axudas obxecto desta orde, persoas traballadoras en situación laboral de ocupación. Por isto, presúmese que poden acreditar a súa capacidade económica e de acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios e, así mesmo, a capacidade técnica, con base na franxa de idade das persoas beneficiarias, a maioría no tramo dos 25 aos 40 anos de idade, con coñecementos e hábitos no eido das novas tecnoloxías da información. Ademais, o feito de contar con presentación electrónica constitúe máis ben unha vantaxe para conciliar e diminuír o tempo de presentación, xa que permite facelo en calquera momento do día e calquera día da semana.

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación, que tamén se deberá presentar electronicamente:

a) Documento da Tesouraría Xeral da Seguridade Social (IDC, facilitado pola empresa) no cal se acredite a situación de redución de xornada por coidado de fillo/a menor durante todo o período polo cal se solicita a axuda. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.), certificación en que se acredite a referida situación durante o período polo cal se solicita a axuda, en papel oficial do organismo que emite o certificado debidamente selado e coa identificación da persoa responsable que certifica.

No suposto de que durante o período de redución de xornada polo cal se solicita a axuda se producise un aumento ou diminución da porcentaxe inicial de redución da xornada de traballo, deberase presentar un documento acreditativo por cada período diferente, no cal se reflectirá cada variación como un período independente. Igualmente, se a redución de xornada non se desfruta de modo ininterrompido, deberán reflectirse separadamente cada un dos períodos nos cales se estivo nesta situación.

Esta documentación presentarase novamente coa documentación xustificativa que acompaña o anexo III, de solicitude de pagamento, sempre que o período subvencionable sexa superior ao período xustificado coa documentación achegada no momento de presentar a solicitude de axuda ou da emenda, de ser o caso.

b) Anexo II. Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (cónxuxe ou parella): só no caso de familias non monoparentais.

c) Volante ou certificado de convivencia das persoas que viven no domicilio: no caso de familias monoparentais en que no libro de familia ou inscrición no rexistro non figure só a persoa solicitante e non dispoñan de certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia. Non sería necesario se a non convivencia coa outra persoa proxenitora resulta acreditada noutros documentos achegados xunto coa solicitude.

d) Copia do libro de familia completo ou inscrición no rexistro.

e) Copia do convenio regulador ratificado polo xulgado, da nulidade, separación ou divorcio, se é o caso.

f) Copia da resolución xudicial pola cal se constitúa a adopción, se é o caso.

g) Copia da resolución administrativa ou xudicial de acollemento familiar dos fillos e fillas menores de 12 anos na dita situación, de ser o caso, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.

h) Copia da resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, dos fillos ou fillas menores de doce anos, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos, ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos, ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderase consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, en poder da Administración actuante, ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e do seu cónxuxe ou parella.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de empadroamento da persoa solicitante no cal se acredite que está empadroada no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, no caso de unidades familiares monoparentais.

g) Declaración do IRPF 2024 da persoa solicitante e da parella ou cónxuxe.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

h) Resolución administrativa de acollemento familiar, respecto dos fillos ou fillas menores de doce anos na dita situación, cando fose expedida pola Xunta de Galicia.

i) Resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % dos fillos ou fillas menores de doce anos, de ser o caso, cando fose expedida pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 1 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 133 do 14 de xullo de 2025).

    • Extracto da Orde do 1 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 133 do 14 de xullo de 2025).

    • Resolución do 27 de outubro 2025, da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, pola que se publica a Resolución do 24 de outubro de 2025 que pon fin ao procedemento de concesión das axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 214 do 05 de novembro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

SI910A

Validación das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS402B

Novo ingreso/renovación de praza en escolas infantís 0-3 para fillas/os do persoal da Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 15/03/2025 00:00 - 31/10/2025 23:59

SI447A

Axudas para a concesión de estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 01/06/2021 00:00 - 30/06/2021 23:59

SI449A

Axudas a asociacións de nais e pais do alumnado para a realización de programas de actividades complementarias e extraescolares que teñan como fin facilitar a conciliación da vida persoal e familiar.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 31/12/2015 00:00 - 30/01/2016 23:59