Guía de procedementos e servizos

MT811B

Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás asociacións inscritas no rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 04/12/2025 00:00 - 11/09/2026 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Sobre o procedemento

A concesión de axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia relativas á atención e coidado dos animais domésticos de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados e/ou formen parten de colonias felinas reguladas no artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro,e na Lei 7/2023, do 28 de marzo, á realización de campañas de concienciación para a tenza responsable e para a adopción de animais abandonados e á adquisición de material para a xestión e manexo dos animais aloxados nos centros de recollida autorizados, destinadas ás asociacións inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía.

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

As asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía con anterioridade á data de publicación desta orde.

Para poder seren beneficiarias das axudas para os gastos subvencionables destinados á atención e ao coidado dos animais domésticos de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados recollidos nas letras a) e c) do artigo 2.1 deberán ser:

  • Titulares ou xestoras dun centro de recollida autorizado e inscrito no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos ou que conten con convenios de colaboración coas entidades locais para o desenvolvemento de programas de xestión de colonias felinas reguladas na Lei 4/2017, do 3 de outubro, e na Lei 7/2023, do 28 de marzo.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas

Servizo de Conservación da Biodiversidade

Edificio Administrativo San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541715/ 981547213/ 981546096/ 981957893

Email: animaisdomesticos.medioambiente@xunta.gal

Dirección Xeral de Patrimonio Natural
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

04/12/2025 00:00 - 11/09/2026 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 11 de setembro de 2026.

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades que teñan sancións firmes en vía administrativa pendentes de pagamento por infraccións tipificadas na Lei 4/2017, do 3 de outubro, na Lei 7/2023, do 28 de marzo, ou na Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

3. A solicitude da axuda, segundo o anexo I desta orde (procedemento MT811B), inclúe as seguintes declaracións da entidade solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para a mesma fin, das distintas administracións públicas.

b) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Declaración da conta para a transferencia bancaria.

d) Declaración de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nin en ningunha das situacións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Declaración responsable de non ter sancións firmes en vía administrativa pendentes de pagamento por infraccións tipificadas na Lei 4/2017, do 3 de outubro, na Lei 7/2023, do 28 de marzo, ou na Lei 50/1999, do 23 de decembro.

g) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) No caso de optar á liña de axudas recollidas nas letras a) e c) do artigo 2.1, identificación do centro de recollida autorizado.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante que asine a solicitude, por calquera dos medios sinalados no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 32 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.

b) No caso de optar á liña de axudas recollidas na letra a) do artigo 2.1:

1º. Acreditación fidedigna da relación existente entre a entidade titular do centro de recollida autorizado e a entidade xestora, no caso de que a entidade solicitante sexa xestora dun centro de recollida autorizado.

2º. Copia do convenio de colaboración entre a entidade solicitante e a entidade local do ámbito territorial en que se realiza a recollida dos animais domésticos abandonados ou a xestión das colonias felinas.

3º. Certificado da entidade xestora do centro de recollida autorizado, segundo o modelo do anexo II-A desta orde, que inclúa os seguintes aspectos:

i. Número de animais da especie canina que foron recollidos, por concello, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025.

ii. Número de animais da especie felina que foron recollidos, por concello, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025.

4º. Certificado do persoal facultativo veterinario, segundo o modelo do anexo III-A, que preste os seus servizos para o centro de recollida, que deberá incluír:

i. Relación de animais con indicación da especie e número de microchip, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025, por concello, aos cales:

– Se lles practicou unha esterilización cirúrxica.

– Se lles implantou o microchip para a identificación, realizou a inscrición no Regiac e expediu o correspondente pasaporte sanitario.

5º. Certificado da entidade xestora da colonia felina, segundo o modelo do anexo II-B desta orde, que inclúa os seguintes aspectos:

i. Relación de colonias felinas, legalmente establecidas de acordo co disposto na Lei 4/2017, do 3 de outubro, e na Lei 7/2023, do 28 de marzo, por concello, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025, indicando a localización de cada unha delas e a identificación da colonia.

ii. Número de animais da especie felina que forman parte de cada unha das colonias felinas, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025, por concello.

6º. Certificado do persoal facultativo veterinario, segundo o modelo do anexo III-B, que preste os seus servizos para a entidade xestora da colonia felina, que deberá incluír os seguintes aspectos:

i. Relación de animais da especie felina con indicación da colonia felina a que pertencen, tipo de marcaxe e/ou identificación realizada, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025, por concello, aos cales:

Se lles practicou unha esterilización cirúrxica.

Se lles implantou o microchip para a identificación, realizou a inscrición no Regiac e expediu o correspondente pasaporte sanitario.

c) No caso de optar á liña de axudas recollidas na letra b) do artigo 2.1, memoria de actividades da campaña de concienciación, segundo o anexo IV desta orde, das actuacións, en que se recollerán de forma concisa e clara os seguintes aspectos: descrición da actuación, finalidade, datas, localidades, lugares e medios empregados, público destinatario (perfil e número estimado de participantes), material divulgativo que se vai empregar (contidos, tipo de material, número de unidades, idioma), custo estimado por concepto para levar acabo cada unha das actuacións descritas na memoria.

d) No caso de optar á liña de axudas recollidas na letra c) do artigo 2.1, memoria descritiva, segundo o anexo V desta orde, do material para o manexo de animais, en que se inclúa, como mínimo, a seguinte información: descrición do material, finalidade, número de unidades e orzamentos económicos de cada un dos elementos, con indicación do prezo unitario e importe total.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A inscrición no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (Reganuz) da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

g) A inscrición no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

h) Non ter sancións firmes en vía administrativa pendentes de pagamento por infraccións tipificadas na Lei 4/2017, do 3 de outubro, na Lei 7/2023, do 28 de marzo, ou na Lei 50/1999, do 23 de decembro.

i) Concesións de subvencións e axudas.

j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

O prazo máximo para resolver será de 30 días hábiles contado desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación das solicitudes.

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 20 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia e se convocan axudas para o ano 2026 destinadas ás asociacións inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía (DOG nº 234 do 03 de decembro de 2025).

    • Extracto da Orde do 20 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia e se convocan axudas para o ano 2026 destinadas ás asociacións inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía (DOG nº 234 do 03 de decembro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MT810A

Excepción do réxime xurídico das zonas húmidas protexidas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT811A

Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 04/12/2025 00:00 - 11/09/2026 23:59

MT811C

Axudas para fomentar a adopción de animais domésticos de compañía

Tramitar en liña

Prazo aberto: 04/12/2025 00:00 - 11/09/2026 23:59

MT811F

Inscrición, modificación e baixa no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía

Aberto todo o ano