Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MR242B
Declaración expresa doutras axudas en réxime de minimis e autorización ás entidades colaboradoras para a presentación desta declaración.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería do Medio Rural
1. Esta orde ten por obxecto establecer o desenvolvemento da normativa básica que regula o Real decreto 508/2020, do 5 de maio, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións estatais destinadas no exercicio 2020 ás explotacións ovinas e caprinas con dificultades de comercialización de años e cabritos, durante os meses de marzo e abril, como consecuencia das limitacións impostas polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e as súas prórrogas.
2. Esta orde aplicarase no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e regula as peculiaridades neste ámbito territorial das subvencións estatais destinadas no ano 2020 ás granxas ovinas e cabrúas, como produtores primarios, que tiveron dificultades na comercialización de años e cabritos nos meses de marzo e abril como consecuencia das limitacións impostas polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.
3. Nesta orde regúlase o procedemento MR242B, relativo á comunicación da declaración responsable doutras axudas en réxime de minimis e autorización ás entidades colaboradoras para a presentación da documentación, cuxo modelo normalizado se regula no anexo desta orde.
Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA)
Secretaría do Fogga
Rúa dos Irmandiños, s/n.
15705 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546270
Prazo de presentación: PECHADO
18/08/2020 00:00 - 31/08/2020 23:59
Prazo máximo de 10 días hábiles desde a entrada en vigor desta orde.
a) Que presentasen ou presenten en 2020 a solicitude única prevista na Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, dentro do prazo establecido pola norma.
b) Que sexan beneficiarias do pagamento das liñas de axuda por ovella e cabra que regula o artigo 2.1.c), 6ª, 7ª ou 8ª da Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.
c) Que sexan persoas titulares dunha explotación inscrita no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) cos requisitos que se indican no punto 2 deste artigo.
2. Para poder ser beneficiaria desta axuda é preciso que a persoa sexa titular dalgunha das seguintes explotacións de produción primaria inscritas como:
a) Explotacións de ovino cunha clasificación zootécnica de «reprodución para a produción de carne», «reprodución para a produción de leite» ou «reprodución para produción mixta» con máis de 10 femias reprodutoras conforme a última declaración censual obrigatoria establecida no artigo 11.4 do Real decreto 685/2013, do 16 de setembro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies ovina e cabrúa.
b) Explotacións de caprino cunha clasificación zootécnica de «reprodución para a produción de carne», «reprodución para a produción de leite» ou «reprodución para produción mixta» con máis de 10 femias reprodutoras conforme a última declaración censual obrigatoria establecida no artigo 11.4 do Real decreto 685/2013, do 16 de setembro.
Criterios obxectivos de concesión das axudas
1. Ao abeiro do principio de concorrencia competitiva, os criterios obxectivos de concesión das axudas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia para puntuar e ordenar as solicitudes admisibles serán os seguintes:
– Solicitantes que teñan a condición de agricultores mozos de acordo co artigo 25.b) do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro: 10 puntos.
– Solicitantes de explotacións prioritarias segundo o disposto na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias: 5 puntos.
2. No caso de que máis dunha solicitude obtivese a mesma puntuación, romperase o empate a favor do solicitante que obteña maior puntuación no primeiro criterio e, en caso de persistir o empate, actuarase de igual xeito co seguinte. De persistir o empate, romperase en favor da persoa solicitante que presentase en primeiro lugar a documentación exixida por esta orde.
3. No caso de que algunha das persoas beneficiarias renunciase á subvención, acordarase a concesión da axuda á persoa ou persoas solicitantes seguintes a aquela en puntuación, a condición de que coa renuncia se liberase crédito suficiente para atender, cando menos, unha das solicitudes denegadas.
1. A solicitude da axuda entenderase realizada pola presentación no ano 2020 da solicitude única regulada na Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, dentro do prazo establecido para a presentación da dita solicitude.
2. As persoas solicitantes deberán efectuar unha declaración responsable sobre se teñen concedidas axudas en réxime de minimis (Regulamento (UE) nº 1408/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola), neste ano e nos dous anteriores, segundo o modelo que figura no anexo desta orde, no prazo máximo de 10 días hábiles desde a entrada en vigor desta orde.
3. A remisión ao Fogga da declaración responsable prevista no número anterior deste artigo poderá efectuala a persoa interesada na concesión da axuda ou ben as entidades colaboradoras que teñan asinado un convenio de colaboración co Fogga para a tramitación da solicitude única das axudas da política agrícola común (PAC) e outras solicitudes relacionadas con esta. Neste caso, a persoa solicitante deberá autorizar a entidade colaboradora mediante a súa indicación na epígrafe correspondente da declaración responsable que figura no anexo desta orde.
4. A declaración responsable regulada nos números anteriores deste artigo deberá remitirse ao Fogga obrigatoriamente por medios electrónicos. A persoa asinante responsabilizarase da veracidade do documento que presente. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para verificar o contido da declaración responsable.
Para efectuar a comunicación desa declaración empregarase o formulario normalizado cuxo modelo se inclúe como anexo da orde, dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, accedendo ao procedemento MR242B.
No caso de que algunha das persoas interesadas presentase a súa declaración presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da documentación aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación das comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Tramites posteriores, comprobación de datos
1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. Para tramitar este procedemento de concesión o Fogga comprobará os datos que se indican a continuación:
– Información sobre o réxime de minimis das subvencións ou axudas da persoa solicitante da axuda. En concreto, se a persoa solicitante ten concedidas en réxime de minimis (Regulamento (UE) nº 1408/2013), neste ano e nos dous anteriores, outras axudas para este mesmo fin, mediante consulta realizada aos datos que contén a Base nacional de datos de subvencións (BDNS).
- Fase de solicitude
- Comunicación (Anexo I)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 6 de agosto de 2020 pola que se regula a concesión das subvencións estatais destinadas no exercicio 2020 ás explotacións ovinas e caprinas con dificultades de comercialización de años e cabritos, durante os meses de marzo e abril, como consecuencia das limitacións impostas polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e as súas prórrogas (código de procedemento MR242B). (DOG núm. 165, do 17 de agosto de 2020)
-
Extracto da Orde do 6 de agosto de 2020 pola que se regula a concesión das subvencións estatais destinadas no exercicio 2020 ás explotacións ovinas e caprinas con dificultades de comercialización de años e cabritos, durante os meses de marzo e abril, como consecuencia das limitacións impostas polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e as súas prórrogas (código de procedemento MR242B). (DOG núm. 165, do 17 de agosto de 2020)
-
Resolución do 21 de decembro de 2020 pola que se notifican as resolucións das solicitudes de axudas destinadas no exercicio 2020 ás explotacións ovinas e caprinas con dificultades de comercialización de años e cabritos reguladas na Orde do 6 de agosto de 2020.(DOG núm. 2 do 5 de xaneiro de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Comunicación do emprego dun CUE comercial por parte dunha persoa titular de explotación agraria.
Aberto todo o ano
Axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios. Convocatoria 2025.
Aberto todo o ano
Rexistro galego de explotacións bovinas.
Aberto todo o ano
Rexistro galego de explotacións ovinas e caprinas.
Aberto todo o ano