Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN853B
Axudas para a consolidación de unidades mixtas de investigación.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
A concesión das subvencións da Axencia Galega de Innovación no marco do Programa de unidades mixtas de investigación mediante a seguinte modalidade de axuda:
• Modalidade B: axudas para a consolidación de unidades mixtas de investigación, procedemento IN853B.
Unicamente poderán ser beneficiarias das axudas da modalidade B as unidades mixtas de investigación beneficiarias das axudas da Gain para a súa creación e posta en marcha concedidas polas resolucións do 2 de xullo de 2020 (DOG núm. 141, do 16 de xullo) e do 12 de xullo de 2022 (DOG núm. 138, do 20 de xullo), coa excepción daquelas beneficiarias que renunciasen á axuda.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Área de Xestión
Rúa Airas Nunes, s/n
15702 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541096/ 881999633
Fax: 981957380
Email: xestion.gain@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
19/08/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 22 de setembro de 2025. Deberá cumprirse o prazo mínimo dun mes.
Segundo a resolución do 15 de setembro do 2025 amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o 6 de outubro 2025.
Para os efectos desta convocatoria, enténdese por unidade mixta de investigación a colaboración entre un organismo de investigación e unha ou varias empresas para o desenvolvemento de liñas de I+D+i de forma coordinada e conxunta e na que se cumpran, segundo a modalidade de axuda que proceda, os seguintes requisitos:
– Modalidade B: axudas para a consolidación de unidades mixtas de investigación (IN853B).
B1. Poderán optar ás axudas de consolidación previstas nesta convocatoria aquelas unidades mixtas de investigación beneficiarias das axudas da Gain para a súa creación e posta en marcha, concedidas polas resolucións do 2 de xullo de 2020 (DOG núm.141, do 16 de xullo) e do 12 de xullo de 2022 (DOG núm. 141, do 16 de xullo), coa excepción daquelas que renunciasen á axuda.
B2. Entidades participantes.
A consolidación dunha unidade mixta de investigación implica o deber de manter e fortalecer a alianza estratéxica entre os seus membros: o organismo de investigación galego e a/s empresa/s asinante/s do acordo de constitución. Estes membros corresponderanse cos relacionados nas resolucións da Gain, do 2 de xullo de 2020 e do 12 de xullo de 2022, de concesión de axudas para a creación e posta en marcha de unidades mixtas de investigación.
Con todo, estas unidades mixtas deberán incorporar unha peme á súa estrutura no caso de non contar inicialmente con unha, tendo en conta que, de conformidade co artigo 5.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión, as empresas grandes só poderán ser beneficiarias se entre os integrantes da unidade mixta de investigación hai unha peme e existe unha colaboración efectiva con ela.
O organismo de investigación actuará como representante único da unidade mixta de investigación, como único interlocutor ante a Gain e como solicitante da axuda.
B3. Áreas/liñas de investigación.
As áreas/liñas de investigación das unidades mixtas de investigación serán a continuidade, ampliación e evolución das definidas na etapa anterior e materializaranse no desenvolvemento de novas actividades e novos proxectos no marco destas. Estas novas actividades e novos proxectos non poderán ser nunca unha duplicidade dos traballos desenvolvidos na etapa anterior.
Estas áreas/liñas de investigación estarán aliñadas cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da RIS3 2021-2027. A descrición destes retos e o detalle das prioridades e ámbitos de priorización detállanse no artigo 2 desta convocatoria.
Todos os integrantes da unidade mixta poderán participar dos resultados que xera a súa actividade, coas condicións e limitacións establecidas polas partes ao efecto.
B4. Acordo de consolidación e duración das unidades mixtas.
A consolidación das unidades mixtas acreditarase mediante un acordo de consolidación asinado entre as partes (acordo regulador). A data de sinatura deste acordo non poderá ser anterior á data de presentación da solicitude nin posterior ao prazo de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte á data de publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente resolución de concesión. A data de sinatura deste acordo marcará o inicio do período mínimo de duración de 3 anos da unidade mixta e o inicio das novas actividades programadas para a súa consolidación.
B5. Localización.
As unidades mixtas estarán situadas en Galicia, cunha localización única, e deberán estar perfectamente delimitadas, identificadas e fisicamente diferenciadas das entidades que nela participan. A maiores desta localización principal, cando sexa preciso, poderán dispor de instalacións satélites para atender o traballo de campo ou laboratorio.
B6. Orzamento subvencionable mínimo da unidade mixta de investigación.
a) O orzamento subvencionable mínimo da unidade mixta deberá de ser de 2.000.000 euros para o marco temporal 2025-2028, dividido entre os integrantes da unidade mixta.
b) A participación global do conxunto das empresas no orzamento subvencionable da unidade mixta debe ser como mínimo dun 40 % . Ningunha empresa poderá contar cunha participación individual inferior ao 10 % do orzamento subvencionable da unidade mixta.
Para o desenvolvemento das actividades da unidade mixta, esta participación poderá ser mediante a execución con medios propios e/ou mediante achegas monetarias ao organismo de investigación. O importe destas achegas monetarias será destinado integramente polo organismo de investigación ao financiamento en exclusiva das actividades da unidade mixta e non computarán para os efectos da achega do organismo de investigación.
c) A participación do organismo de investigación no orzamento subvencionable da unidade mixta debe ser como mínimo dun 10 %. Tendo en conta que o organismo de investigación será o único perceptor da axuda da Gain, tal e como se especifica no artigo 5 desta convocatoria, a porcentaxe de participación do organismo de investigación no orzamento da unidade mixta calcularase descontando da achega total do organismo de investigación a subvención que este reciba da Gain.
d) Estes requisitos mínimos serán de imprescindible cumprimento no momento da resolución de concesión. No caso de que no momento da finalización da duración da unidade mixta de investigación se comprobe algunha desviación nestes requisitos e sempre que se respecten, como mínimo, os límites sinalados na táboa que segue, a Gain poderá resolver a viabilidade da unidade mixta, despois de estudar as circunstancias que orixinaron o incumprimento destes requisitos mínimos, sempre que un informe técnico avale o correcto desenvolvemento das actuacións previstas e a consecución dos fins para os cales se concedeu a subvención.
Importes mínimos.
Orzamento da unidade mixta: Como mínimo, o 60 % do orzamento inicial concedido
Participación da/s empresa/s: global 40 % do orzamento total executado da unidade mixta e individual 10% do orzamento total executado da unidade mixta.
Participación do organismo de investigación: 10 % do orzamento total executado da unidade mixta
Non obstante, aplicaranse a estes supostos as penalizacións e as previsións contidas no artigo 41 (graduación dos incumprimentos).
2. Só se financiarán as actividades das unidades mixtas de investigación desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo de que as subcontratacións, asistencias técnicas ou colaboracións externas poidan encomendarse a entidades que operen fóra do territorio galego.
Forma, lugar e presentación das solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. Os datos de contacto das solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
4. O organismo de investigación como representante da unidade mixta presentará unha única solicitude e a información contida nos anexos.
5. Nos formularios de solicitude IN853B (anexo III) e tamén no anexo V inclúense as seguintes declaracións responsables, relativas a cada un dos membros integrantes da unidade mixta:
1. Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou proxecto, ou para as mesmas partidas de gasto, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
2. Declaración responsable de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e que acepta as condicións e obrigas do programa de unidades mixtas de investigación recollidas nesta resolución.
3. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
4. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas na devandita declaración no momento en que se produza.
5. Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
6. Declaración responsable de non estar suxeito a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal ou incompatible co mercado común.
7. Declaración responsable de que a solicitude de axuda é anterior ao comezo das actividades para as cales se solicita (efecto incentivador).
8. Declaración responsable de que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorre neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do Regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas. Excepcionalmente, en aplicación do artigo 27.7 da Lei de subvencións de Galicia, a Gain poderá autorizar a subcontratación de entidades vinculadas coas entidades beneficiarias cando sexa imprescindible para a execución das actividades do proxecto e sempre que se realice de acordo coas condicións normais de mercado. Estas condicións deberán ser xustificadas mediante unha memoria explicativa.
9. Declaración responsable de que, no caso de dispor dun plan de igualdade implantado no centro, deberá mantelo durante o período de execución do proxecto e de mantemento dos investimentos previstos nesta resolución.
10. Declaración responsable de que ten a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da unidade mixta para a cal solicita a axuda.
11. Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no plan de traballo da unidade mixta de investigación para o cal solicita a axuda.
12. Declaración responsable de que as dependencias da unidade mixta de investigación estarán en Galicia, perfectamente delimitadas, identificadas e fisicamente diferenciadas das entidades que nela participan.
13. Declaración responsable de non ser considerada como empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión. Non obstante, a Gain utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.
14. Declaración responsable de que, se é o caso, non vai realizar ningunha utilización comercial posterior do prototipo ou proxecto piloto incluído na proposta.
15. Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.
16. Declaración responsable de que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento da axuda (artigo 82 do RDC).
17. Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.
18. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal ou autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.
19. Declaración responsable do cumprimento dos principios horizontais recollidos no artigo 9 do RDC en materia de igualdade, accesibilidade e dereitos fundamentais.
20. Declaración responsable do cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo» (DNSH) e compromiso do/da beneficiario/a de prever e realizar as accións oportunas para asegurar que os/as subcontratistas cumpran con este principio.
21. Compromiso por escrito de conceder os dereitos e accesos necesarios para garantir que a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e as autoridades nacionais e autonómicas exerzan as súas competencias.
22. No caso de organismos de investigación, declaración responsable de que as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva sobre eles (accionistas ou membro), non gozarán dun acceso preferente aos resultados que se xeren.
Documentación complementaria.
1. Deberá achegarse xunto coas solicitudes a seguinte documentación:
a) Memoria económica da unidade mixta de investigación (anexo IV).
b) Declaración responsable de cada un dos membros integrantes da unidade mixta (anexo V).
c) Anexo de declaración de información relativa á condición de peme (anexo VI). A Gain utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.
d) Memoria xustificativa do cumprimento do principio DNSH conforme o Regulamento (UE) nº 2020/852, do 18 de xuño, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088, segundo se detalla no anexo IX desta convocatoria.
e) No caso das empresas, a acreditación sobre o cumprimento dos prazos de pagamento a provedores, de conformidade co previsto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións:
A. Para sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
B. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, certificación emitida por un/unha auditor/a rexistrado/a no Rexistro Oficial de Auditores de Contas do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
f) Plan de comunicación e difusión do proxecto.
– Memoria técnica da consolidación da unidade mixta de investigación na cal se recollerá toda a información de carácter científico-técnico do proxecto, segundo se detalla no anexo VIII desta convocatoria.
– Declaración asinada polos integrantes da unidade mixta de investigación en que manifestan a súa intención de consolidar a unidade mixta de investigación atendendo aos requisitos desta convocatoria e ao contido da memoria técnica indicada no punto anterior, acompañada dunha copia do acordo regulador da etapa anterior. Coa sinatura desta declaración as partes manifestan a súa conformidade coa presentación da solicitude de axuda ao abeiro da presente convocatoria polo organismo de investigación como entidade representante da unidade mixta.
– Currículos redactados en formato libre de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto por parte de cada membro da unidade mixta de investigación.
2. Os anexos IV, V e VI estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que as persoas interesadas se opoñan á súa consulta:
a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) NIF das entidades solicitantes.
c) Consulta das inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
d) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e presentar os devanditos documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
4. No caso de que o/a solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.
5. Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día nas seguintes obrigas: Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
6. A Gain realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que os beneficiarios non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, para considerar unha empresa en crise.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
- Fase de Solicitude
- Declaración de información relativa á condición de PEME. (Anexo VI)
- Índice da memoria técnica (Anexo VIII)
- Memoria xustificativa do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (DNSH) (Anexo IX)
- Declaración responsable de cada un dos membros integrantes da unidade mixta (Anexo V)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 29 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do Programa de unidades mixtas de investigación, cofinanciadas pola Unión Europea nun 60 % no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 156 do 18 de agosto de 2025).
-
Extracto da Resolución do 29 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do Programa de unidades mixtas de investigación, cofinanciadas pola Unión Europea nun 60 % no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 156 do 18 de agosto de 2025).
-
Resolución do 15 de setembro de 2025 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes ao abeiro da Resolución do 29 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do Programa de unidades mixtas de investigación, cofinanciadas pola Unión Europea nun 60 % no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 181 do 19 de setembro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.
Aberto todo o ano
Inscrición no rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación.
Aberto todo o ano
Inscrición no rexistro de plans de autoprotección da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Modificación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
Aberto todo o ano