Guía de procedementos e servizos

IN421R

Subvencións para a mobilidade eléctrica (Programa MOVES III)

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais, Entidades locais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 13/09/2021 09:00 - 27/01/2025 10:50

Consellería de Economía e Industria

1. A presente resolución ten por obxecto a aprobación da convocatoria de axudas correspondente ás anualidades 2021-2023 para a concesión de axudas correspondentes ao programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 266/2021, do 13 de abril, polo que se aproba a concesión directa de axudas para a execución de programas de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (MOVES III) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia Europeo, publicado no BOE núm. 89, do 14 de abril de 2021 (código de procedemento IN421R, presentación de solicitudes), así como o procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IN421Q, adhesión de entidades colaboradoras que participen na xestión).

2. Pola presente convócanse axudas para as seguintes actuacións:

Programa de incentivos 1. Adquisición de vehículos eléctricos «enchufables» e de pila de combustible (en diante, Adquisición de vehículos eléctricos).

Programa de incentivos 2. Implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos.

1. Para o Programa de incentivos 1 serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 11.1 das bases reguladoras sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ou ben adquiran o vehículo nun concesionario ou punto de venda situado en Galicia. Para o Programa de incentivos 2 serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 11.1 das bases reguladoras cando a actuación subvencionada se desenvolva no territorio da Comunidade Autónoma de Galici. En concreto, os seguintes:

1º. As persoas físicas que desenvolvan actividades económicas, polas que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, en cuxo caso haberán de estar dados de alta no Censo de Empresarios, Profesionais e Retenedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

2º. As persoas físicas maiores de idade, a excepción dos casos de discapacidade, que poderán ser menores de idade, con residencia fiscal en España e non incluídas no anterior punto.

3º. As comunidades de propietarios, reguladas pola Lei 49/1960, de 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, que haberán de cumprir co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e en particular, co establecido no seu artigo 11.3.

4º. As persoas xurídicas, validamente constituídas en España no momento de presentar a solicitude, e outras entidades, con ou sen personalidade xurídica, cuxo número de identificación fiscal (NIF) comece polas letras A, B, C, D, E, F, G, J, R ou W. Tamén serán elixibles as entidades de conservación de polígonos ou sociedades agrarias de transformación cuxo NIF comece por V.

5º. As entidades locais, conforme o artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e o sector público institucional de calquera Administración pública a que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, sempre que non exerzan actividades económicas polas que ofrezan bens e servizos no mercado en cuxo caso se considerarán incluídas no anterior ordinal 4º.

2. Non serán beneficiarios destas axudas:

a) Para a actuación do Programa de incentivos 1, relativa á adquisición de vehículos eléctricos, os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas sexa o 615.1 ou o 654.1, conforme o disposto polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, polo que se aproban as tarifas e a instrución do imposto sobre actividades económicas.

b) Aqueles nos que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As empresas que se atopen en situación de crise, conforme a definición que por estes efectos se realiza no Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014 e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014).

d) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles tivese sido outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante o Inega directamente ou a través da entidade colaboradora, cando proceda, que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Presentar ante o Inega directamente ou a través da entidade colaboradora seleccionada, cando proceda, as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que acompañar a solicitude de axuda cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €. Non será precisa a presentación destas ofertas para o Programa de incentivos 1.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

d) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 20 destas convocatoria.

e) Cando non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia tramitaraa directamente o beneficiario ou a entidade colaboradora, cando proceda, mediante a presentación do anexo VI que se xunta a título informativo e que estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

f) Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada, desde a resolución de pagamento final:

– No caso do Programa incentivos 1: un mínimo de dous anos (2 anos).

– No caso do Programa de incentivos 2: un mínimo de dous anos (2 anos), salvo no caso de recarga de acceso público que será de cinco anos (5 anos).

g) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa durante un período de 5 anos a partir do pagamento do saldo ou, a falta do dito pagamento, da operación. Este período será de 3 anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 euros.

h) Comunicarlle ao Inega, directamente ou a través da entidade colaboradora, cando proceda, a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Toda referencia ás actuacións subvencionadas en publicacións, actividades de difusión, páxinas web e en xeral calquera medio de difusión debe cumprir cos requisitos que figuran no Manual de Imaxe do Programa de incentivos á mobilidade eléctrica, que estará dispoñible na web do IDAE, no que figurarán o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o Programa de incentivos á mobilidade eficiente eléctrica, MOVES III, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e o mecanismo de recuperación e resiliencia e tamén deberán constar o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Dirección Inega

Xerencia do Inega

Rúa Avelino Pousa Antelo, 5,San Lázaro

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881006707

Email: inega.info@xunta.gal

www.inega.gal

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Outros procedementos relacionados

FA005A

Comunicación da información estatístico-contable anual dos corredores de seguros e reaseguros e dos axentes de seguros vinculados e dos operadores de banca-seguros vinculados.

Prazo aberto: 01/03/2025 00:00 - 30/04/2025 23:59

FA009A

Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica dos modelos de declaración 008 e de autoliquidación 013 do Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM).

Aberto todo o ano

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano