Guía de procedementos e servizos

IN317A

Subvencións a empresas privadas para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 08/03/2021 00:00 - 07/04/2021 23:59

1. Estas bases regulan a concesión das axudas que teñen por obxecto fomentar e incentivar nas empresas mineiras a aplicación de tecnoloxías innovadoras e a implantación das mellores técnicas e medidas organizativas dispoñibles para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo tramitaranse por orde de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia da solicitude e ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non se considera necesaria a comparación de proxectos entre sí, polo interese especial en promover actuacións sobre a prevención de riscos e a seguridade dos traballadores e sobre a protección ambiental. Débese ter presente que a extrema importancia da prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde dos traballadores, así como a mellora ambiental, fai que todas as actuacións que se promovan neste senso sexan de interese público.

3. Estas axudas están orientadas a mellorar as condicións ambientais e laborais, en especial as relacionadas coa exposición ao po e ao ruído, nos establecementos de beneficio e nas explotacións mineiras regulados pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, localizados en Galicia.

Actuacións e gastos subvencionables.

1. Serán subvencionables dúas liñas de actuación:

Liña A: investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico da zona afectada pola actividade mineira, en especial mediante a redución das emisións de po e ruído.

Liña B: investimentos destinados a mellorar as condicións laborais, en especial a redución da exposición ao po e ao ruído dos traballadores nos seus postos de traballo.

2. Na liña A só serán obxecto de subvención aquelas actuacións que directamente supoñan a consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental por riba dos límites establecidos nas normas da Unión Europea sobre calidade do aire ambiente ou ben permitan ao beneficiario aumentar o nivel de protección ambiental derivado das súas actividades en ausencia de normas da Unión.

3. Na liña B só serán obxecto de subvención aquelas actuacións que directamente supoñan unha mellora, sempre por riba dos requisitos normativos aplicables, das condicións laborais especialmente as relativas á redución da exposición ao po e ao ruído dos traballadores nos seus postos de traballo.

4. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

5. Para as actuacións da liña A serán gastos subvencionables os custos de investimento adicionais necesarios para ir alén das normas da Unión Europea ou para incrementar o nivel de protección ambiental en ausencia de normas da Unión. Determinaranse da seguinte maneira:

a) Cando os custos do investimento na mellora da calidade do ambiente atmosférico poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa protección do ambiente serán subvencionables.

b) En todos os demais casos, os custos do investimento na mellora da calidade do ambiente atmosférico determinaranse por referencia a un investimento similar, menos respectuoso co ambiente, que se podería realizar de forma crible sen a axuda; a diferenza entre os custos de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa protección ambiental e será o custo subvencionable.

Os custos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental non serán subvencionables.

Tendo en conta o efecto incentivador que se atribúe polo Regulamento (UE) nº 651/2014 ás axudas da liña A, as actuacións obxecto delas non se poden iniciar con anterioridade á data de rexistro da solicitude da axuda. Polo tanto, serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados comprendidos entre a data de presentación da solicitude e o 12 de novembro de 2021 (ambos incluídos).

6. Para as actuacións da liña B serán gastos subvencionables aqueles directamente relacionados co investimento destinado a mellorar as condicións laborais, especialmente a reducir a exposición ao po e ao ruído dos traballadores nos seus postos de traballo.

Para as actuacións da liña B serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados comprendidos entre o 1 de xullo de 2020 e o 12 de novembro de 2021 (ambos incluídos).

7. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, realizarase conforme a criterios de eficacia e economía, e no suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

8. En todo caso, só se considerarán subvencionables a maquinaria e os equipamentos de traballo novos.

Quedan excluídos destas axudas a adquisición de camións, pas escavadoras e maquinaría móbil similar, para os cales só se subvencionarán, de ser o caso, os investimentos en adaptacións necesarias para acadar as melloras das condicións ambientais ou laborais que se pretenden acadar coa actuación proposta.

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións as empresas privadas que, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, realicen actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das ditas actividades ou, cando proceda, coa conformidade do órgano administrativo correspondente, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración.

2. Para os efectos do disposto nesta orde, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas os empresarios persoas físicas que exerzan actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas que exerzan unha actividade económica de forma regular.

3. Para os efectos desta orde, os conceptos de pequena e mediana empresa axustaranse á definición contida no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

a) Na categoría das pemes, defínese mediana empresa como unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios individual non excede de 50 millóns de euros (50.000.000 euros) ou cuxo balance xeral anual non excede de 43 millóns de euros (43.000.000 euros).

b) Na categoría das peme, defínese pequena empresa como unha empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros (10.000.000 euros).

c) Na categoría das peme, defínese microempresa como unha empresa que ocupa menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros (2.000.000 euros).

Obrigas das persoas beneficiarias.

a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención, mediante a modalidade de conta xustificativa con entrega de informe de auditor.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ás persoas beneficiarias en cada caso.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro desta orde.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e consistirán na inclusión da imaxe institucional da entidade concedente (Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación), e nas inscricións relativas ao financiamento público en carteis, placas, material impreso, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación, todo iso en función do tipo de actuación subvencionable.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Non superar as porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas na normativa comunitaria europea.

k) Manter os investimentos subvencionados e conservar toda a documentación relacionada coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de cinco anos desde a súa concesión. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro dese prazo de cinco anos, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre e cando a actividade económica se manteña en Galicia durante este período mínimo.

l) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

m) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas

Subdirección Xeral de Recursos Minerais

Servizo de Xestión Mineira

San Caetano, s/n bloque 5 - 4ª planta

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957092/ 981957090/ 981545588

Email: cei.dexiem.axudasminas@xunta.gal

http://ceei.xunta.gal

Desde o resto do Estado: 902 12 00 12

Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas

Outros procedementos relacionados

FA005A

Comunicación da información estatístico-contable anual dos corredores de seguros e reaseguros e dos axentes de seguros vinculados e dos operadores de banca-seguros vinculados.

Prazo aberto: 01/03/2025 00:00 - 30/04/2025 23:59

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano