Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG421A
Axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Incentivar a posta en marcha de plans de internacionalización mediante a realización de accións de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas.
Poderán ser beneficiarios destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Complexo Administrativo San Lázaro, s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900 815 151
Fax: 981 558 844
Email: informa@igape.es
Prazo de presentación: ABERTO
28/01/2026 09:00 - 30/09/2026 14:00
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o oitavo día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e rematará o 30 de setembro de 2026, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Considéraranse así mesmo beneficiarias as empresas, incluídos os autónomos, que participen directamente nas accións subvencionadas, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Cumprir coa definición de peme segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
b) Ter algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia e contar, no devandito centro, con polo menos un traballador por conta allea na data de publicación no DOG destas bases de axudas. Este requisito non será de aplicación ás startups que conten con certificación de Enisa en vigor nin ás empresas constituídas con menos de corenta e dous (42) meses de antigüidade na citada data. As accións de internacionalización solicitadas deberán estar directamente vinculadas ás actividades desenvolvidas no centro de traballo radicado en Galicia.
Ás empresas imputaráselles a axuda de minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Cada peme participante deberá declarar o cumprimento dos requisitos de peme e as axudas de minimis solicitadas e/ou concedidas nos tres anos previos á concesión da axuda.
c) As empresas deben estar dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización cun informe positivo, emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes da data presentación da solicitude de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.
Non poderán ter a condición de beneficiarias:
a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
c) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos), que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice una actividade empresarial.
As persoas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de seren beneficiarias conforme este artigo.
d) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Participación mínima segundo o tipo de acción:
• Accións sectoriais: deberá participar, como mínimo, o organismo intermedio solicitante.
• Accións grupais: deberán contar coa participación do organismo intermedio acompañado de, polo menos, unha peme ou, no caso de que o organismo non participe directamente, coa participación mínima de dúas pemes.
O número máximo de pemes participantes por acción será de 20, ademais do organismo intermedio correspondente.
O organismo intermedio poderá estar representado por un máximo de dúas persoas, mentres que cada peme participante contará cunha única persoa representante.
Solicitudes
1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os organismos interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e das accións para as que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es
Os organismos intermedios poderán presentar máis dunha solicitude sempre que cada unha delas inclúa acciones distintas e non recollidas noutras solicitudes previamente presentadas no marco da presente convocatoria.
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.
No formulario electrónico o solicitante deberá cubrir unha memoria xustificativa das accións para as cales solicita subvención, que incluirá os mercados obxecto das accións e, para cada acción, detalle de: tipo, título, descrición, datas estimadas de inicio e fin, orzamento e lugar de celebración (se procede).
No devandito formulario o organismo interesado realizará as seguintes declaracións:
a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
b) Que non está suxeito a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.
d) Que as empresas cumpren cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014.
O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as entidades para as que se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.
e) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.
f) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria.
g) Declaración das axudas concorrentes para os mesmos gastos subvencionables, solicitadas ou concedidas.
h) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada nos tres anos previos á concesión da axuda.
i) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil (persoas xurídicas): que cumpriu coa obrigación de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obrigación de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (RD 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido da Lei de sociedades de capital.
j) Declaración de cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés), establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC), isto é, que as actuacións promovidas non causen prexuízos significativos nalgún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, segundo o anexo IV a estas bases.
k) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.
l) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.
3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificado dixital, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
Documentación complementaria
1. Os organismos interesados deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, as persoas interesadas deberán achegar a acta e os estatutos de constitución debidamente inscritos no rexistro competente, as modificacións posteriores destes e a acreditación da representación con que se actúa, no caso de non estaren inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).
b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, deba ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 7 das bases reguladoras, agás as excepcións previstas nestas bases reguladoras.
c) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:
1º. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar a conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro, poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeción á súa regulación.
2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar a conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
i. Certificación emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor a que se refire o número anterior, informe de procedementos acordados elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos u outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, excepto que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa presentación.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición da documentación ou da información orixinal.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, salvo que a persoa interesada se opoña a súa consulta.
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).
e) Consulta de información do imposto de actividades económicas ampliado.
f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
i) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 11.i).a) destas bases.
j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
k) Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado.
l) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
m) Consulta ao Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR), en aplicación do disposto no artigo 69.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no recadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo a través do enderezo da internet: https://spiga-sede.igape.es
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2026), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 10 do 16 de xaneiro de 2026).
-
Extracto da Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2026), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 10 do 16 de xaneiro de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano