Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG408C
Axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa infraestruturas colaborativas de apoio industrial), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
É o de apoiar a posta en marcha de proxectos de infraestruturas locais de uso compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento do contorno das empresas e dos consumidores, e a modernización e o desenvolvemento da base industrial, co fin de mellorar a súa competitividade.
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, que adopten a forma xurídica de sociedade limitada ou sociedade anónima, preexistentes ou que se constitúan especificamente para a explotación da infraestrutura proposta.
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas pertencentes ao sector da pesca e a acuicultura, segundo o artigo 1.3 do Regulamento (UE) nº 651/2014.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014.
d) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
e) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
3. As persoas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non encontrarse en ningunha situación que as exclúa de ser persoas beneficiarias conforme este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as persoas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do Regulamento 651/2014 para considerar unha empresa en crise.
4. Co fin de facilitar o acceso á axuda, permitirase que a persoa beneficiaria se poida constituír tras a presentación da solicitude de axuda, antes da resolución de concesión, tal e como se describe no artigo 7.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Complexo Administrativo San Lázaro, s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151
Fax: 981558844
Email: informa@igape.es
Prazo de presentación: ABERTO
21/04/2026 09:00 - 22/06/2026 14:00
O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de dous (2) meses, contados desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o dito prazo de dous meses.
a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura subvencionable en Galicia.
b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 20 % dos investimentos subvencionables, xa sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
c) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e/ou un centro de traballo en Galicia. O centro de traballo poderá ser a propia infraestrutura que se vai crear.
Solicitudes
1. A solicitude poderá presentala a peme de xeito individual ou ben formar, previamente á presentación da solicitude, unha agrupación de persoas físicas e/ou xurídicas, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, que se comprometan a constituír unha nova sociedade que finalmente será a beneficiaria. Ben que se permite que solicite a axuda esta agrupación, a condición de persoa beneficiaria enténdese referida á sociedade que se debe constituír antes da resolución definitiva da axuda, a cal establecerá como persoa beneficiaria a sociedade e non a agrupación nin as súas persoas membro.
No caso de optar por formar unha agrupación, deberanse facer constar expresamente nun documento ante notario os compromisos de constitución da nova sociedade e de achega económica a esta por parte de cada un dos membros da agrupación. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en diante, o líder), que presentará a solicitude de axuda en nome da agrupación e será o único interlocutor coa Administración ata o momento en que o Igape resolva o cambio de titularidade da axuda á nova sociedade.
O documento contractual de regulación da agrupación deberá recoller, como mínimo, o seguinte:
a) Identificación de cada un dos seus membros: razón social, NIF e nome e DNI do representante legal.
b) Acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración para os efectos de interlocución con ela.
c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos membros da agrupación en canto á constitución da empresa no prazo sinalado e a súa achega económica.
d) Acordos de confidencialidade.
e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.
f) Sinatura de todos os membros.
g) Autorización ao Igape para recadar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude, que se cubrirá no anexo II das bases reguladoras.
2. Para presentar a solicitude, a persoa representante da peme individual ou a persoa líder da agrupación deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.
No dito formulario, a persoa representante da peme individual deberá realizar as seguintes declaracións relativas á persoa solicitante:
a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude a través do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA).
b) Que non está suxeita a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea que declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.
c) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación; en particular, a normativa en materia de subvencións, a normativa en materia de igualdade, a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade, así como a normativa ambiental exixible, en particular a normativa reguladora da Rede Natura 2000 e demais espazos naturais protexidos, a Lei 21/2013, de avaliación ambiental, e o Real decreto lexislativo 1/2016 polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, no caso de que resulten de aplicación polas características ou localización do proxecto. Esta declaración cubrirase no anexo VI a estas bases reguladoras.
d) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.
e) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda e para garantir a sustentabilidade financeira do proxecto. A esta declaración xuntaranse unha memoria financeira do proxecto e un plan de negocio a dez (10) anos, que se cubrirán no formulario electrónico de solicitude.
O Igape realizará as comprobacións necesarias para verificar que as persoas beneficiarias dispoñen dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento dos investimentos e para garantir a súa sustentabilidade financeira.
f) Que achegará unha contribución financeira aos investimentos, exenta de calquera tipo de axuda pública, de polo menos un 20 % dos investimentos subvencionables, ben sexa mediante os seus recursos propios, ben mediante financiamento externo.
g) Que cumpre os criterios da definición de peme establecidos pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014.
O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as cales se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.
h) Que non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.
i) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.
j) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria.
k) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e os equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de mantemento dos investimentos definido no artigo 17.a) destas bases.
l) Se é o caso, que ten implantado un plan de igualdade, identificando o código do localizador no rexistro de convenios e acordos colectivos.
m) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
n) Que cumpre os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
o) Que cumpre co principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés), establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC), isto é, que as actuacións promovidas non causen prexuízos significativos nalgún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852.
p) Que se compromete a garantir a protección fronte ao cambio climático das infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco (5) anos, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC). Para iso, deberá ter en conta as Orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2017 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE do 16.9.2021) e a Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia, dispoñibles nesta ligazón: https://igape.gal/es/guia-climate
q) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.
3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de dez (10) días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se considerarán desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
4. Para poderen presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/pae/afirma-anexo-psc).
Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificado dixital, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación, o Rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no cal desexan recibir o xustificante.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de que presente a solicitude a persoa líder da agrupación:
1º. Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da sociedade que se vai constituír.
2º. Proxecto de estatutos da sociedade que se vai constituír.
3º. Documento de constitución da agrupación.
4º. Comprobación de datos das persoas partícipes da agrupación (anexo II).
b) Memoria descritiva do proxecto e do investimento proxectado, que se cubrirá no propio formulario electrónico de solicitude, no formato proposto pola aplicación.
c) Se é o caso, memoria dos activos que se achegan á sociedade para o funcionamento da infraestrutura, valorados por experto independente, indicando para cada elemento a data de adquisición ou incorporación, valor ou custo de adquisición e importe da amortización acumulada na data de incorporación á sociedade.
d) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, debe solicitar a persoa interesada, de acordo co establecido no artigo 5.8 destas bases, para os investimentos do proxecto de infraestrutura.
e) No caso de investimento en obra civil, deberán achegar os seguintes planos:
1º. Esbozo de localización dentro do termo municipal.
2º. Plano xeral acoutado das instalacións, no cal se diferencie a situación inicial da posterior ao investimento.
3º. Planos de distribución en planta, nos cales se aprecien os espazos da nova construción e a instalación dos novos bens de equipo.
f) No caso de reforma en inmobles arrendados, ademais da documentación da letra e), a persoa solicitante deberá presentar o contrato de arrendamento do inmoble, cunha duración mínima de cinco (5) anos contados desde a data prevista de posta en marcha da infraestrutura.
g) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de non encontrarse inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (Reag).
h) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:
1º. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen acadar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no ordinal 2º e con suxeición á súa regulación.
2º As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se acada o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor a que se refire o punto anterior, «Informe de procedementos acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou, no caso de que se detectasen, estas non impidan acadar o nivel de cumprimento requirido no ordinal 2º da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
i) Declaración responsable do cumprimento do principio DNSH (anexo IV a estas bases).
j) Documentación que acredite a defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, desde a planificación inicial, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC), tendo en conta as Orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE 16.9.2021) e a Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia, dispoñibles nesta ligazón: https://igape.gal/es/guia-climate. Con todo, se a empresa solicitante non dispón aínda en fase de solicitude dun proxecto suficientemente definido que permita integrar a dita análise nesta fase inicial, poderá presentar a dita documentación en fase de xustificación, na cal a persoa promotora deberá acreditar a documentación e verificación da defensa da infraestrutura fronte ao cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto. O Igape dispón dun servizo de axuda coa elaboración do informe. Pode solicitalo na seguinte ligazón: https://oficinaeconomicagalicia.xunta.gal/analiseclima
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Relativos á peme individual:
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 8 destas bases.
– NIF da entidade solicitante.
– NIF da entidade representante.
– Imposto de actividades económicas (IAE).
– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento á Consellería de Facenda e Administración Pública.
– Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
b) Relativos á persoa partícipe da agrupación:
– DNI ou NIE da persoa partícipe da agrupación.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 8 destas bases.
– NIF da entidade partícipe da agrupación.
– NIF da entidade representante.
– Imposto de actividades económicas (IAE).
– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento á Consellería de Facenda e Administración Pública.
– Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
c) Relativos á nova sociedade creada:
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 13.2 destas bases.
– NIF da nova sociedade creada.
– NIF da entidade representante.
– Imposto de actividades económicas (IAE).
– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento á Consellería de Facenda e Administración Pública.
– Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude, no anexo II de comprobación de datos das persoas partícipes da agrupación ou no anexo III de declaración de constitución da nova sociedade, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 7 de abril de 2026 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa infraestruturas colaborativas de apoio industrial), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026-2027-2028-2029 en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 72 do 20 de abril de 2026).
-
Extracto da Resolución do 7 de abril de 2026 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa infraestruturas colaborativas de apoio industrial), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026-2027-2028-2029 en réxime de concorrencia competitiva
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano