Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG402A
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas destinadas a facilitar a execución dun conxunto de servizos profesionais por parte de entidades colaboradoras.
Poderán ser entidades beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial e poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste último caso de entidades sen personalidade xurídica deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.
En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia, e cumprir a definición de peme. Para esta definición utilizarase a establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías) (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014).
O Igape realizará, a través das entidades colaboradoras, as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014 antes de emitir informe favorable á concesión.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Complexo Administrativo San Lázaro, s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151
Fax: 981558844
Email: informa@igape.es
Prazo de presentación: ABERTO
21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 15 de novembro de 2025 ás 14.00 horas, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
- Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias:
a) Entidades ou empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
b) Entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
- Para solicitar as axudas para a prestación dos servizos, tendo en conta as súas características, as pemes deben cumprir as seguintes condicións:
a) Para todos os servizos definidos no artigo 1, agás o «servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras» polas características deste tipo de empresas, as solicitantes deberán contar cun cadro medio de traballadores, no ano anterior á solicitude da axuda, non inferior a 3. Esta circunstancia acreditarase, con carácter xeral, co informe do «cadro medio de traballadores en situación de alta» emitido pola Seguridade Social. Adicionalmente ao número indicado no devandito informe, poderán contabilizarse para determinar o número mínimo de traballadores, se é o caso, o administrador, familiares colaboradores que traballen na empresa, autónomos dependentes e socios traballadores, todos eles incluídos no réxime de traballadores autónomos. Neste caso, acreditarase a través do informe de vida laboral que acredite a vinculación da traballador coa empresa, ou outros medios análogos.
b) Para o «Servizo de desenvolvemento estratéxico integral da empresa», as pemes deben ter realizado previamente unha análise da empresa que achegue a información necesaria para o arranque do servizo.
c) Para o «Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras», entenderase como tales, aquelas de recente creación (entre 0 e 7 anos), cunha base innovadora ou tecnolóxica, e cunha proposta de valor diferenciada. Adicionalmente, atendendo ás particularidades das empresas destinatarias deste servizo, poderán contabilizarse, para efectos de cumprimento do requisito mínimo de tres (3) traballadores no peche do último exercicio, colaboradores que participen na actividade da empresa, sempre que a súa vinculación coa mesma se acredite mediante contratos de colaboración, informe de vida laboral individual ou outros documentos que xustifiquen a súa contribución á actividade empresarial. En todo caso, deberá xustificarse documentalmente que o número total de persoas involucradas na actividade da empresa cumpre co requisito mínimo esixido.
As condicións relativas ao número de empregados, socios traballadores ou membros do equipo declararanse responsablemente no formulario electrónico de solicitude e será comprobado pola entidade colaboradora con carácter previo á tramitación da solicitude, en base ao informe da Seguridade Social de cadro medio anual de traballadores en alta a 31 de decembro do ano anterior.
- Mediante a presentación da solicitude as entidades beneficiarias aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora, que será así mesmo a encargada de informar puntualmente á persoa interesada sobre o estado da súa petición, os dereitos e obrigas da mesma, e das notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 14.
- As entidades colaboradoras do programa non poderán ser beneficiarias das axudas para o tipo servizo que prestan nin para ningún outro dos que formen parte do programa Re-acciona.
Presentación das solicitudes
1. As entidades colaboradoras do programa Re-acciona son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación) a petición da empresa solicitante.
Unha vez tomada a decisión de solicitar o servizo por parte da peme, a entidade colaboradora deberá:
a) Comprobar que a empresa solicitante cumpre cos requisitos destas bases reguladoras para poder ser beneficiaria da axuda e que a execución do proxecto é viable e conveniente para o seu desempeño.
b) Obter da empresa solicitante un documento co modelo do anexo I, que inclúe a solicitude de axuda e o apoderamento á entidade colaboradora para a súa tramitación. Neste modelo, a empresa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
– Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
– Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.
– Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.
– Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014
O Igape, a través das entidades colaboradoras, realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as que se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.
– Que conta cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3, conforme ao indicado no artigo 4.3.a) das bases reguladoras.
– Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.
– Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se certifique a realización do servizo.
– Que a entidade colaboradora non está asociada nin vinculada coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos apartados 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
– Que non supera os límites do réxime de minimis aplicable.
– Que cumpre o principio de non causar prexuízo significativo ao medio ambiente (principio do no significant harm - DNSH), segundo o anexo V a estas bases.
– Declaración de non ter presentada ningunha outra solicitude de axuda para as mesmas actuacións.
– Que apodera á entidade colaboradora para tramitar no seu nome a axuda ante o Igape.
c) Cubrir na oficina virtual do Igape a solicitude de servizo. No caso de que unha mesma persoa beneficiaria solicite axuda para varios servizos, deberase cubrir unha solicitude distinta para cada un deles.
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.
2. A entidade colaboradora presentará a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.Igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, a entidade colaboradora deberá reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da persoa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todas as persoas asinantes autorizan a unha delas para presentar a solicitude. Este documento deberá ser asinado electronicamente por cada unha das persoas autorizantes.
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital da persoa presentadora, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.
As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape (https://www.Igape.gal/gl/oficinavirtual).
4. O Igape examinará o formulario e, de ser correctos os datos, reservará o crédito correspondente, emitindo a correspondente resolución de concesión. A partir dese momento xa se pode levar a cabo o servizo. Unha vez consumido o crédito dun tipo de servizos, non será posible seguir propoñendo servizos subvencionables do mesmo tipo.
Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, a través das entidades colaboradoras, a seguinte documentación:
a) Entidades non inscritas no Rexistro Mercantil: escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa.
b) Agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: documento onde conste expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. No documento constará unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.
c) Motivación da súa participación no programa, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente por parte da entidade colaboradora.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación a través da entidade colaboradora. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Imposto de actividades económicas (IAE).
f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
i) Consulta de concesións pola regra de minimis.
j) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.
k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
l) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 9.1.a) destas bases.
m) Consulta ao Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR), en aplicación do disposto no artigo 69.2 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos correspondentes, a través das entidades colaboradoras.
Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes a través das entidades colaboradoras.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.Igape.gal/gl/oficinavirtual
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 26 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona) para o ano 2025, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 7 do 13 de xaneiro de 2025).
-
Extracto da Resolución do 26 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona) para o ano 2025, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 7 do 13 de xaneiro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano