Guía de procedementos e servizos

IG300J

Axudas a proxectos que impulsen e reforcen a transición á cadea de valor do vehículo eléctrico e á descarbonización do sector de automoción en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027 - Liña 1 desenvolvemento e innovación

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 29/07/2026 09:00 - 30/09/2026 14:00

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

Apoiar á industria da automoción galega dentro do Plan de Apoio á Descarbonización e Transición ao Vehículo Eléctrico do Sector da Automoción de Galicia, mediante apoios ao desenvolvemento tecnolóxico e innovación de procesos ou organización.

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as empresas do sector de automoción cun centro de traballo en Galicia en que se desenvolva o proxecto subvencionado.

Consideraranse industrias de automoción aquelas cuxa actividade principal se desenvolva nos CNAE 29 e 30, agás as epígrafes 30.1 e 30.2, e tamén aquelas empresas que, non estando dadas de alta en actividades deses CNAE, estean asociadas á Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia.

Tamén poderán ser persoas beneficiarias as agrupacións de empresas segundo a regulación específica de cada liña de axuda. A agrupación rexerá polo documento contractual que as regule, e o seu funcionamento interno responderá a criterios de autonomía de xestión e deberá incluír de forma expresa quen é a líder ou representante da agrupación. A líder será a representante da agrupación, única interlocutora coa Administración en todo o procedemento, sen prexuízo do carácter de beneficiarias de todas e cada unha das integrantes da agrupación.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá recoller, como mínimo, o seguinte:

a) Distribución das actividades e do orzamento total e o achegado por cada unha das integrantes da agrupación.

b) Acordo de representación da agrupación e elección da representante desta ante a Administración para os efectos de interlocución con ela e perceptora da axuda.

c) Compromiso de distribución da axuda percibida pola líder entre todas as participantes da agrupación conforme o gasto aprobado e o pagamento do Igape tras a xustificación finalmente admitida.

Con todo, o orzamento e as actividades quedarán suxeitos ao establecido na resolución de concesión da axuda.

d) Anexo IV de autorización das empresas participantes na agrupación.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

Todas as entidades que colaboren na execución do proxecto terán a condición de persoas beneficiarias e deberán cumprir as mesmas condicións e obrigas que a solicitante líder da agrupación. Na solicitude deberán constar, de forma expresa, os compromisos de execución asumidos por cada persoa membro.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Email: informa@igape.es

www.igape.gal

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

29/07/2026 09:00 - 30/09/2026 14:00

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o sexto (6) día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2026 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.


1. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

c) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

d) As empresas que no momento da resolución da axuda non se atopen ao día de débedas coas distintas administracións: AEAT, Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública.

e) As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (RXEC).

2. As persoas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser persoas beneficiarias conforme este artigo. Para o caso das agrupacións, cada unha das integrantes da agrupación deberán de reunir todos os requisitos establecidos neste artigo.

3. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as persoas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no punto 18 do artigo 2, do Regulamento (UE) nº 651/2014 (RXEC), así como a comprobación do tamaño das empresas (pequena, mediana ou gran empresa), para garantir que se aplica a intensidade de axuda pertinente en cada caso.

Solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es. Deberá cubrir, necesariamente, todos os campos establecidos como obrigatorios.

2. No devandito formulario incluiranse as seguintes declaracións relativas á persoa solicitante:

a) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpre coa obriga de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obriga de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (RD 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido de Lei de sociedades de capital.

b) Relación doutras axudas públicas ou privadas recibidas e/ou solicitadas para os mesmos conceptos para os que se solicita esta subvención.

c) Que as empresas provedoras non están asociadas nin vinculadas nin coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 e o artigo 43.2 do Decreto 11/2009 que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (RXEC).

d) Que non é unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (RXEC).

e) Que non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

f) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude a través do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA).

g) Que non está suxeita a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea que declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.

h) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade, así como a normativa ambiental exixible, en particular a normativa reguladora da Rede Natura 2000 e demais espazos naturais protexidos e a Lei 21/2013, de avaliación ambiental, e o Real decreto lexislativo 1/2016 polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, no caso de que resulte de aplicación polas características ou localización do proxecto, esta última, segundo o anexo V a estas bases.

i) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda e garantir a sustentabilidade financeira do proxecto no caso de investimentos produtivos. No caso das liñas 2 e 3, esta declaración acompañarase dunha memoria descritiva dos recursos e mecanismos financeiros de que dispón a empresa para cubrir os custos de funcionamento e mantemento da operación para garantir a súa sustentabilidade financeira.

O Igape realizará as comprobacións necesarias para verificar que as persoas beneficiarias dispoñen dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento dos investimentos e para garantir a súa sustentabilidade financeira.

j) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

k) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante o prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria.

l) Para solicitudes das liñas 2 e 3, que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante o período de cinco (5) ou tres (3) anos, segundo se trate de grandes empresas ou de pemes respectivamente. O dito prazo contarase desde a data do último pagamento á persoa beneficiaria, en aplicación do artigo 65 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC). No caso da liña 3, o prazo contarase desde a finalización do investimento, en aplicación do artigo 14.5 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (RXEC). No caso de bens inscritibles nun rexistro público, o prazo será de cinco (5) anos para todas as empresas.

m) No caso de proxectos que consistan en infraestruturas cuxa vida útil sexa como mínimo de cinco (5) anos, que se compromete a garantir a protección fronte ao cambio climático de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC). Para iso deberá ter en conta as Orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2017 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE 16/09/2021) e a Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia, dispoñibles nesta ligazón: https://igape.gal/es/guia-climate

n) Que cumpre o principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm – DNSH), establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC), isto é, que as actuacións promovidas non causen prexuízos significativos nalgúns dos seis (6) obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, segundo o anexo VI das bases reguladoras.

o) Que cumpre os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da dita Lei 3/2004.

p) Para os proxectos da liña 3, que achegará unha contribución financeira aos investimentos, exenta de calquera tipo de axuda pública, de polo menos un 25 % dos custos, ben sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

q) Que non se relocalizou, nos termos do artigo 2, punto 61.bis, do Regulamento (UE) 651/2014 (RXEC) no establecemento en que terá lugar o investimento inicial para o que se solicita a axuda nos dous (2) anos anteriores á solicitude de axuda, e que se compromete a non facelo durante un período de dous (2) anos desde que se completase o investimento inicial para o que se solicita a axuda.

Para o caso das agrupacións de empresas, a empresa líder fará estas declaracións respecto de si mesma e de cada empresa integrante da agrupación, para o que deberá facerse constar a pertinente autorización no documento de constitución da agrupación e acompañando o modelo anexo IV destas bases.

3. Solicitude: a solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ( anexo I ) para a  que se obterán de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en adiante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación, o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape https://spiga-sede.igape.es

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán anexar coa solicitude de axuda a seguinte documentación, ademais da documentación da solicitude indicada nas disposicións específicas de cada liña:

a) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, as persoas interesadas deberán achegar escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes, e acreditación da representación con que se actúa, no caso de non atoparse inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG). No caso de estar inscrita, comprobarase a dita inscrición nese rexistro.

b) Ofertas: as tres ofertas que debe ter solicitado a persoa beneficiaria en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007.

Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, en diante, Lei 9/2017, para os contratos menores (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación de servizos ou adquisición de bens e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra no momento de publicación das presentes bases), a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os realicen, presten ou fornezan. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.

As tres (3) ofertas ou orzamentos deberán ser válidos, vixentes, comerciais, comparables e auténticos, e emitidos por empresas provedoras que non estean vinculadas coa empresa solicitante.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por empresas provedoras que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros). Para estes efectos, poderán considerarse indicios de falta de capacidade, entre outros, a ausencia de actividade relacionada co obxecto da oferta, a existencia de incidencias rexistrais relevantes ou a desproporción manifesta e non xustificada entre a dimensión do provedor e o alcance ou importe do encargo.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e achegarase unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

No caso de adquisicións de terreos ou edificacións ou construcións novas ou usadas non será preciso achegar as tres ofertas, deberá acompañarse un informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada.

c) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1º. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.

2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

i. Certificación emitida por persoa auditora rexistrada no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, determinado nesta epígrafe, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de persoa auditora a que se refire o punto anterior, «Informe de procedementos acordados» elaborado por unha persoa auditora rexistrada no Rexistro Oficial de Auditores de Conta que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a empresas provedoras da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

d) Para proxectos que inclúan infraestruturas de duración superior a cinco (5) anos, documentación que acredite a defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, desde a planificación inicial, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC), tendo en conta as Orientación técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE 16.9.2021) e a Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia, dispoñibles nesta ligazón: https://igape.gal/es/guia-climate. Con todo, se a empresa solicitante non dispón aínda en fase de solicitude dun proxecto suficientemente definido que permita integrar a dita análise nesta fase inicial, poderá presentar a dita documentación en fase de xustificación, na cal a persoa promotora deberá acreditar a documentación e verificación da defensa da infraestrutura fronte ao cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto. O Igape dispón dun servizo de axuda coa elaboración do informe. Pode solicitalo na seguinte ligazón: https://oficinaeconomicagalicia.xunta.gal/analiseclima

e) A documentación específica para cada liña de axuda requirida nas disposicións específicas dentro destas bases.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación complementaria obrigatoriamente por vía electrónica. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Documentación específica Líña 1

a) No caso de proxectos de cooperación entre pemes ou de grandes empresas en cooperación con pemes, documento de constitución da agrupación nos termos establecidos no artigo 4.2 das bases reguladoras.

b) Memoria técnica do proxecto, que conterá a seguinte información:

– Antecedentes da empresa: proxectos de I+D+i desenvolvidos previamente.

– Tipoloxía do proxecto (desenvolvemento experimental ou innovación de organización e procesos).

– Obxectivos do proxecto.

– Plan de traballo e detalle do orzamento, xustificando a súa necesidade.

– Impacto do proxecto na estrutura e organización da empresa e posibilidade de incorporación dos resultados tecnolóxicos do proxecto á cadea de valor da automoción de Galicia.

– Protección dos resultados do proxecto.

– Calquera outra información relevante ou de interese sobre o proxecto.

– Plan de difusión dos resultados do proxecto no caso de optar ao incremento do 15 % da liña 1.1º.

c) Listaxe completa dos custos previstos, que se deberá cubrir no formulario de solicitude.

d) No caso de imputar gastos de persoal de nova contratación, deberán achegarse tamén os contratos de traballo onde conste a dedicación ao proxecto.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou da persoa integrante da agrupación.

b) DNI/NIE da persoa representante da entidade solicitante ou da entidade integrante da agrupación.

c) NIF da entidade solicitante ou da entidade integrante da agrupación.

d) NIF da entidade representante da entidade solicitante ou da entidade integrante da agrupación.

e) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 6.1.a) das bases.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

h) Imposto de actividades económicas (IAE) ampliado.

i) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

j) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

k) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

l) Consulta ao Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR), en aplicación do disposto no artigo 69.2 do Reglamento (UE) nº 2021/1060 (RDC).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos I, II ou III de solicitude ou no anexo IV de declaracións e comprobación de datos das persoas integrantes da agrupación, e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 20 de xullo de 2026 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos que impulsen e reforcen a transición á cadea de valor do vehículo eléctrico e á descarbonización do sector de automoción en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026-2029 en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 135 do 21 de xullo de 2026).

    • Extracto da Resolución do 20 de xullo de 2023 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos que impulsen e reforcen a transición á cadea de valor do vehículo eléctrico e á descarbonización do sector de automoción en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026-2029 en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 135 do 21 de xullo de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano