Guía de procedementos e servizos

PR858A

Axudas económicas dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 21/01/2023 00:00 - 20/02/2023 23:59

Presidencia da Xunta de Galicia

Sobre o procedemento

 1. Estas axudas económicas teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativizado e da cultura nas tarefas de información xornalística, de acordo co artigo 2 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

1. As entidades beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas, inscritas no Rexistro Mercantil, que realizasen publicacións periódicas escritas integramente en galego durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

2. Quedan excluídos da concesión de axudas:

a) Os boletíns de información interior ou de institucións.

b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.

c) As publicacións que se distribúan como suplemento, encarte ou de forma conxunta con outra publicación.

d) As publicacións que, estando sometidas ao control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.

e) As publicacións que durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria non se publicasen en galego normativizado.

f) Aquelas publicacións que non se editasen durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria ou non manteñan a súa actividade no momento da concesión da subvención.

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Secretaría Xeral de Medios

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544848

Fax: 981541235

Email: secretaria.medios@xunta.gal

Secretaría Xeral de Medios
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

21/01/2023 00:00 - 20/02/2023 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Poderán ser subvencionables aquelas publicacións que no ano anterior ao da correspondente convocatoria reúnan as seguintes condicións:

a) Que estean escritas integramente en galego conforme a normativa oficial vixente.

b) Que teñan un mínimo de 16 páxinas en formato DIN A-3 ou de 26 páxinas en formato DIN A-4 (ou o equivalente noutros formatos).

c) Que publicasen un mínimo de doce números correlativos no ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, cunha tiraxe mínima anual de 10.000 exemplares e mensual de 800 exemplares.

Os números dobres ou calquera outra agrupación numérica nun único exemplar serán considerados un único número para os efectos da subvención.

d) Que se publiquen periodicamente.

e) Que inclúan o pé de imprenta con todos os datos que estableza a lexislación vixente.

2. Serán subvencionables aqueles números da publicación que, descontando as páxinas de publicidade, teñan un mínimo de 12 páxinas en formato DIN A-3 ou de 20 páxinas en formato DIN A-4.

O cómputo das páxinas de publicidade de cada número publicado realizarase tendo en conta o seguinte criterio:

– Consideraranse páxinas completas de publicidade aquelas en que os contidos publicitarios ocupen máis dun 75 % da páxina.

– Consideraranse medias páxinas de publicidade aquelas en que os contidos publicitarios ocupen un mínimo dun 40 % e un máximo dun 75 % da páxina.

– Non se considerarán páxinas de publicidade aquelas en que os contidos publicitarios ocupen menos dun 40 % da páxina.

3. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considéranse gastos subvencionables os gastos de produción e/ou distribución das publicacións que reúnan as condicións establecidas no número 1 e que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada.

Non teñen a consideración de gasto subvencionable os gastos de amortización de bens inventariables.

Os custos indirectos que sexan gasto subvencionable formarán parte da xustificación da subvención e deberán ser imputados pola persoa beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas xerais de contabilidade e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

4. Estes gastos deberán estar pagados antes do 31 de maio do ano da convocatoria.

Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa -persoa física ou xurídica que actúe no exercicio de súa actividade independente económica ou profesional-, os gastos subvencionables en que incorra nas súas operacións comerciais deberán ter sido pagados nos prazos previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Os gastos que non cumpran co establecido neste punto non terán a consideración de gastos subvencionables.

5. As persoas beneficiarias non poderán concertar a execución total ou parcial da actividade subvencionada con persoas ou entidades vinculadas con elas.

6. En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, o custo da actividade subvencionada.

Solicitudes 

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos recollidos nela e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros producidos a título de simple neglixencia.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude presentada non reúne algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

4. A solicitude de axuda (anexo II) inclúe unha declaración responsable das dimensións dos exemplares impresos da publicación.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación fidedigna acreditativa da representación.

b) Certificación da inscrición no Rexistro Mercantil, actualizada ao ano da convocatoria.

c) Memoria descritiva de actividades en que se fagan constar os números publicados, a tiraxe e o número de exemplares difundidos da publicación durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria. Recollerá un resumo da actividade da publicación, dos resultados obtidos e do cumprimento dos requisitos lingüísticos establecidos nestas bases reguladoras (anexo III).

d) Certificado emitido polo Depósito Legal, que acredite que o solicitante depositou os números da publicación para a cal solicita a axuda, ou calquera outra documentación acreditativa dos números publicados.

e) Un exemplar de cada número das publicacións para as cales se solicita a axuda, en arquivos informáticos en formato pdf.

f) Documentación acreditativa da tiraxe e difusión da publicación durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante. DNI ou NIE se o solicitante é persoa física.

b) De ser o caso, DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas tributarias co Estado, emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á Comunidade Autónoma, emitido pola Axencia Tributaria de Galicia.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas, emitido pola Intervención Xeral da Administración do Estado.

g) Concesións de subvencións e axudas, emitido pola Intervención Xeral da Administración do Estado.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 29 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se convocan para o ano 2023, mediante tramitación anticipada de gasto (DOG nº 14 do 20 de xaneiro de 2023).

    • Extracto da Resolución do 29 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se convocan para o ano 2023, mediante tramitación anticipada de gasto (DOG nº 14 do 20 de xaneiro de 2023).

    • Resolución do 25 de abril de 2023, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se amplía o crédito destinado ás axudas económicas dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego (DOG nº 86 do 5 de maio de 2023).

    • Resolución do 16 de outubro de 2023, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se publican as axudas concedidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego (DOG nº 209 do 3 de novembro de 2023).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

CT215B

Subvencións a festivais do sector audiovisual.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 23/12/2025 00:00 - 22/01/2026 23:59

CT238A

Axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 12/03/2025 00:00 - 11/04/2025 23:59

PR525A

Solicitude de certificación galega de competencias dixitais en ofimática

Tramitar en liña

Pechado

PR608A

Subvencións para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados

Tramitar en liña

Prazo pechado: 10/02/2021 00:00 - 23/03/2021 23:59