Guía de procedementos e servizos

TR802O

Certame Cooperativismo no Ensino.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 21/01/2022 00:00 - 29/04/2022 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

1. O certame Cooperativismo no ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.

2. No desenvolvemento das actividades deberanse potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

Modalidades.

O alumnado dos centros educativos de Galicia poderá presentar os traballos nas seguintes modalidades:

1. Actividades artísticas, dirixida ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial.

2. Actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial.

3. Proxectos empresariais cooperativos, dirixida ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

Modalidade de actividades artísticas.

1. O alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial poderá presentar a este concurso calquera produción artística en modalidade gráfica ou audiovisual, tal como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías, vídeos ou calquera tipo de creación dixital, realizados de forma colectiva, en que se reflicta a posta en práctica dos valores e principios cooperativos.

2. En cada traballo deberán participar, como mínimo, tres alumnos ou alumnas.

3. Establécense as seguintes categorías:

a) Categoría A: alumnado de 2º ciclo de educación infantil.

b) Categoría B: alumnado de 1º e 2º de educación primaria.

c) Categoría C: alumnado de 3º e 4º de educación primaria.

d) Categoría D: alumnado de 5º e 6º de educación primaria.

No caso de traballos realizados conxuntamente por alumnado pertencente a diferentes cursos, o centro educativo deberaos presentar á categoría a que pertenza a maioría do alumnado participante.

4. Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

a) Un premio ao mellor traballo de cada categoría.

b) Un accésit por cada categoría.

5. Condicións técnicas.

a) Os traballos de debuxo, pintura e elaboración de maquetas presentaranse en formato e soporte libre, empregando as técnicas que o alumnado decida. As súas dimensións, unha vez expostas, non poderán exceder os 1,5 metros en calquera das súas dimensións. Poderán ser excluídos automaticamente aqueles traballos que excedan as citadas medidas.

b) Os traballos de fotografía presentaranse en formato dixital, arquivos JPG, RAW ou TIFF.

c) No caso de vídeos, as producións presentaranse en formato AVI. A súa duración non poderá exceder os 5 minutos.

d) O resultado das creacións dixitais presentarase nos formatos indicados para fotografía ou vídeo, segundo corresponda.

e) Todos os textos, locucións e grafismos empregados nos traballos deberán utilizar o galego.

f) Todos os traballos deberán estar correctamente identificados cos seguintes datos: título do traballo, nome e localidade do centro escolar participante e categoría en que participa.

Non se admitirá ningún traballo en soporte distinto dos anteriores ou que non respecte as condicións indicadas.

Modalidade de actividades cooperativizadas.

1. O alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e de educación especial poderá presentar a este concurso as memorias de actividades realizadas cooperativamente por grupos de alumnos ou alumnas. As actividades poderán consistir, entre outras, na creación de cooperativas escolares, organización de eventos ou festivais, obras de teatro, campionatos deportivos, xornais, páxinas web, programas de radio ou actividades de voluntariado.

2. En cada traballo deberán participar, como mínimo, tres alumnos ou alumnas.

3. Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

a) Un premio ao mellor traballo.

b) Un accésit.

4. A memoria dos traballos realizados describirá o proceso de elaboración e realización da actividade de xeito que indique:

a) Título do traballo.

b) Definición dos obxectivos, aclarando as metas que se pretenden acadar e os beneficios de tipo cooperativo que se espera que reporte a actividade.

c) Asignación de tarefas. Débese dividir o traballo en partes e decidir que persoa ou persoas se encargan de cada unha delas. Para isto é importante ter en conta os intereses de cadaquén, as súas posibilidades, coñecementos, preferencias, etc.

d) Tarefas desenvolvidas. Débese especificar que tipo de recursos se precisan para levar a cabo a actividade e cales deles se utilizan. Estes poden ser de tipo material, documental, económico, etc. Tamén é necesario precisar a maneira de obtelos.

e) Dinámica das reunións. Para que o traballo estea coordinado hai que ter reunións periódicas para poñer en común o realizado, así como para establecer cales son as seguintes tarefas, os prazos, as persoas encargadas de realizalas e calquera decisión sobre a marcha do proxecto. Para este fin débense levantar as actas das reunións en que se deixe constancia de todo isto.

f) Resultado final.

Esta memoria deberá estar redactada en galego e terá unha extensión máxima de 6 follas DIN A4 escritas por unha soa cara. Engadiranse, como anexos, o resultado final e os documentos precisos para xustificar a realización do proxecto, nas súas diferentes etapas, tales como fotografías da realización, documentos, materiais realizados e actas das reunións, debidamente identificados co nome do centro e o título do proxecto. Toda a documentación se presentará en formato electrónico.

Modalidade de proxectos empresariais cooperativos.

1. O alumnado dos centros educativos que impartan formación profesional específica e ensinanzas de réxime especial, nos cales se realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo, poderá presentar a este concurso os proxectos empresariais elaborados por el, baixo a modalidade de proxectos empresariais cooperativos.

2. Na elaboración de cada proxecto deberán participar, como mínimo, tres alumnos ou alumnas, que deberán estar dirixidos por un profesor ou profesora, ou un director ou directora.

3. Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

a) Un premio ao mellor proxecto.

b) Un accésit ao proxecto finalista.

Así mesmo, o mellor proxecto poderá entrar a formar parte dos eventuais programas de emprendemento na economía social que desenvolva a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

4. Os proxectos deberán desenvolver o proceso completo de posta en marcha dun proxecto empresarial, baixo a fórmula cooperativa, orixinal, coherente e viable economicamente.

Os proxectos deberán estar correctamente identificados co título do traballo e o nome do centro participante.

Deberán estar redactados en galego e presentaranse en formato electrónico, xunto cunha ficha resumo segundo o modelo que se pode obter na sección de axudas e subvencións da web https://empregoeigualdade.xunta.gal/, así como cun currículo do grupo (nomes, apelidos, idades e estudos do alumnado).

Poden participar no certame os centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, presentando os traballos elaborados polo seu alumnado, segundo as modalidades e nos termos previstos nestas bases.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

Subdirección Xeral de Economía Social

Servizo de Promoción da Economía Social

Edificio Admvos. San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881999268

Fax: 981957748

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

21/01/2022 00:00 - 29/04/2022 23:59

O prazo de presentación das solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 29 de abril de 2022. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderanse presentar no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Non poderán participar as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Forma e lugar de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. Así mesmo, en aplicación do previsto no número 3 do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, as persoas físicas, titulares dun centro educativo, dispoñen da capacidade económica e técnica que lles permita acceder e dispoñer dos medios electrónicos necesarios para relacionarse coas administracións. Por tanto, as persoas físicas presentarán as súas solicitudes da mesma forma prevista no parágrafo anterior.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que asina como solicitante.

b) Traballos que se presentan ao certame segundo se indica:

▪ Modalidade de actividades artísticas: debuxos, pinturas, maquetas, fotografías, vídeos ou calquera tipo de creación dixital, de conformidade co sinalado no artigo 5.

▪ Modalidade de actividades cooperativizadas: memorias das actividades realizadas cooperativamente, segundo o sinalado no artigo 6.

▪ Modalidade de proxectos empresariais cooperativos: proxectos, ficha resumo e currículo do grupo, segundo o sinalado no artigo 7.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente, con excepción dos traballos a que se refire a letra a) do parágrafo 5 do artigo 5 (debuxos, pinturas ou maquetas que non sexan de creación dixital), que se deberán entregar, debidamente identificados, na Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social (Consellería de Emprego e Igualdade; Edificio Administrativo San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela). Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega no lugar e prazo previstos na convocatoria.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

Só para as modalidades de actividades artísticas e actividades cooperativizadas, a seguinte documentación:

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. Consultaranse ademais, na fase de xustificación e pagamento, os seguintes datos correspondentes ás persoas participantes na modalidade de proxectos empresariais cooperativos:

a) DNI/NIE das persoas participantes.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha das circunstancias imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 17 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 13 do 20 de xaneiro de 2022).

    • Extracto da Orde do 17 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 13 do 20 de xaneiro de 2022).

    • Resolución do 24 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se fai pública a concesión dos premios do certame Cooperativismo no ensino 2022, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia (DOG nº 110 do 9 de xuño de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED301A

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301B

Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301C

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301D

Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano