Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SI461B
Subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Política Social e Igualdade
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de 12 mensualidades para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas cuxa situación se viu agravada como consecuencia da crise ocasionada pola pandemia da COVID-19.
Por medio desta convocatoria as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).
2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, e reforzando, ao mesmo tempo, as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.
4. As subvencións recollidas na presente resolución concederanse cando a contratación se produza con posterioridade á súa publicación.
Poderán ser entidades beneficiarias da subvención prevista nesta resolución:
a) As entidades sen ánimo de lucro.
b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o disposto na disposición adicional cuarta da Lei 14/2011, do 16 de decembro, pola que se modifica a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Promoción da Igualdade
San Lázaro
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957268/ 981545361
Email: vx.igualdade@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
02/07/2022 00:00 - 01/08/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Para ser beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro e as cooperativas sen ánimo de lucro deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Carecer de ánimo de lucro.
b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
c) Cumprir os requisitos e condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.
Todos os requisitos exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos programas subvencionados.
2. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as empresas privadas, as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
4. As entidades sen ánimo de lucro que resulten beneficiarias non poderán contratar novamente ás mulleres que xa se contrataran con cargo as axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 22 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade con artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:
1. Acreditación da persoa que asina a solicitude, en nome e representación da entidade mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta onde se determine a dita representación.
2. Anexo II: certificado da persoa representante da entidade sen ánimo de lucro en que consten os seguintes aspectos:
a) A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.
b) A disposición de orzamento para financiar a acción obxecto da subvención solicitada, na parte non subvencionable, de ser o caso.
c) As retribucións salariais brutas totais das traballadoras que se van contratar, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas da Seguridade Social a cargo da entidade por todos os conceptos, para aboar á/ás traballadora/s que se van contratar, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario de inicio, e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada en realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 15 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 125 do 1 de xullo de 2022).
-
Extracto da Resolución do 15 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 125 do 1 de xullo de 2022).
-
Resolución do 8 de agosto de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se fai público o esgotamento do crédito da Resolución do 15 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 159 do 23 de agosto de 2022).
-
Resolución do 26 de maio de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 15 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI461B) (Diario Oficial de Galicia número 125, do 1 de xullo de 2022) (DOG nº 108 do 8 de xuño de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Indemnizacións para vítimas de violencia de xénero.
Prazo aberto: 23/01/2025 00:00 - 01/12/2025 23:59
Programa EMEGA
Prazo pechado: 28/08/2024 00:00 - 27/09/2024 23:59
Subvencións mobilidade xeográfica mulleres vítimas de violencia de xénero.
Prazo pechado: 26/10/2024 00:00 - 02/12/2024 23:59
Subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas.
Prazo pechado: 21/01/2025 00:00 - 20/02/2025 23:59