Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR858A
Axudas económicas dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Presidencia da Xunta de Galicia
1. Estas axudas económicas teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativizado e da cultura nas tarefas de información xornalística, de acordo co artigo 2 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
As entidades beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas, inscritas no Rexistro Mercantil, que realizasen publicacións periódicas escritas integramente en galego durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.
2. Quedan excluídos da concesión de axudas:
a) Os boletíns de información interior ou de institucións.
b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.
c) As publicacións que se distribúan como suplemento ou de forma conxunta con outra publicación.
d) As publicacións que, estando sometidas ao control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.
e) As publicacións que durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria non se publicasen en galego normativizado.
f) Aquelas publicacións que non se editasen durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria ou non manteñan a súa actividade no momento da concesión da subvención.
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Secretaría Xeral de Medios
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545926/ 981545923
Fax: 981541235
Email: secretaria.medios@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
18/01/2022 00:00 - 17/02/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Poderán ser subvencionables aquelas publicacións que no ano anterior ao da correspondente convocatoria reúnan as seguintes condicións:
a) Que estean escritas integramente en galego conforme a normativa oficial vixente.
b) Que teñan un mínimo de 16 páxinas en formato DIN A-3 ou de 26 páxinas en formato DIN A-4 (ou o equivalente noutros formatos).
c) Que publicasen un mínimo de doce números no ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, cunha tiraxe mínima anual de 10.000 exemplares.
Os números dobres ou calquera outra agrupación numérica nun único exemplar serán considerados un único número para os efectos da subvención.
d) Que se publiquen periodicamente.
e) Que inclúan o pé de imprenta con todos os datos que estableza a lexislación vixente.
2. Serán subvencionables aqueles números da publicación que, descontando as páxinas de publicidade, teñan un mínimo de 12 páxinas en formato DIN A-3 ou de 20 páxinas en formato DIN A-4.
O cómputo das páxinas de publicidade de cada número publicado realizarase tendo en conta o seguinte criterio:
– Consideraranse páxinas completas de publicidade aquelas en que os contidos publicitarios ocupen máis dun 75 % da páxina.
– Consideraranse medias páxinas de publicidade aquelas en que os contidos publicitarios ocupen un mínimo dun 40 % e un máximo dun 75 % da páxina.
– Non se considerarán páxinas de publicidade aquelas en que os contidos publicitarios ocupen menos dun 40 % da páxina.
3. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Considéranse gastos subvencionables os gastos de produción e/ou distribución das publicacións que reúnan as condicións establecidas no punto 1 e que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada.
Estes gastos deberán estar pagados antes do 31 de maio do ano da convocatoria.
Non teñen a consideración de gasto subvencionable os gastos de amortización de bens inventariables.
Os custos indirectos que sexan gasto subvencionable formarán parte da xustificación da subvención e deberá imputalos a persoa beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e coas normas xerais de contabilidade e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.
4. As persoas beneficiarias non poderán concertar a execución total ou parcial da actividade subvencionada con persoas ou entidades vinculadas con elas.
5. En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos o custo da actividade subvencionada.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros producidos a título de simple neglixencia.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) No seu caso, documentación fidedigna acreditativa da representación.
b) Certificación da inscrición no Rexistro Mercantil actualizada ao ano da convocatoria.
c) Memoria descritiva de actividades na que se fagan constar os números publicados, a tiraxe e o número de exemplares difundidos da publicación durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria. Recollerá un resumo da actividade da publicación, dos resultados obtidos e do cumprimento dos requisitos lingüísticos establecidos nestas bases reguladoras (anexo III).
d) Certificado emitido polo Depósito Legal que acredite que o solicitante depositou os números da publicación para a que solicita a axuda, ou calquera outra documentación acreditativa dos números publicados.
e) Un exemplar de cada número das publicacións para as cales se solicita a axuda, en arquivos informáticos en formato pdf.
f) Documentación acreditativa da tiraxe e difusión da publicación durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude presentada non reunise algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que se así non o fixese, se lle terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.
7. A solicitude de axuda (anexo II) inclúe unha declaración responsable das dimensións dos exemplares impresos da publicación.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante. DNI ou NIE se o solicitante é persoa física.
b) No seu caso, DNI ou NIE da persoa representante.
c) Certificado acreditativo de estar ao día das obrigas tributarias co Estado, emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.
d) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma, emitido pola Axencia Tributaria de Galicia.
f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas, emitido pola Intervención Xeral da Administración do Estado.
g) Concesións de subvencións e axudas, emitido pola Intervención Xeral da Administración do Estado.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Memoria descritiva de actividades (Anexo III)
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 28 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se convocan para o ano 2022, mediante tramitación anticipada de gasto (DOG nº 10 do 17 de xaneiro de 2022).
-
Extracto da Resolución do 28 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se convocan para o ano 2022, mediante tramitación anticipada de gasto (DOG nº 10 do 17 de xaneiro de 2022).
-
Resolución do 24 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se amplía o crédito destinado ás axudas económicas dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego (DOG nº 64 do 1 de abril de 2022).
-
Resolución do 15 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se publican as axudas concedidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.(DOG nº 248 do 30 de decembro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Cursos preparatorios para os certificados en língua galega, Celga, que se realizarán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.
Prazo pechado: 20/08/2016 00:00 - 02/01/2017 23:59
Subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.
Prazo pechado: 12/05/2018 00:00 - 11/06/2018 23:59
Subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.
Prazo pechado: 11/04/2025 00:00 - 12/05/2025 23:59
Axudas económicas destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión.
Prazo pechado: 10/04/2025 00:00 - 12/05/2025 23:59