Guía de procedementos e servizos

PR461F

Inscrición proceso selectivo unitario inspector de Policia Local.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Prazo pechado: Consultar as datas

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Sobre o procedemento

1. O obxecto do proceso selectivo é cubrir 6 prazas dos corpos de Policía Local, categoría de inspector, escala executiva, dúas delas pola quenda de mobilidade e catro delas pola quenda de promoción interna.

2. O número, a denominación e as características das prazas que se convoca a este proceso selectivo especifícase no anexo II desta orde.

Ata a data final en que se publique a listaxe definitiva de persoas admitidas neste proceso, mediante publicación no DOG a través de resolución da Dirección Xeral da Agasp, pode ser modificado o anexo II desta orde, relativo ao número, á denominación e ás características das prazas que se convocan.

3. O presente proceso selectivo rexerase polo establecido nestas bases e para o non previsto estarase ao disposto na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, no Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que a desenvolve, na Orde do 28 de xaneiro de 2009, pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, e no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de Policía Local, vixilantes municipais e auxiliares de Policía Local.

O código do procedemento regulado nesta orde é PR461F.

4. Será de aplicación á cobertura das prazas o artigo 38 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, de xeito que as prazas non cubertas pola quenda que se recolle no anexo II acumularanse ás seguintes epígrafes do dito artigo 38, que establece que o acceso á categoría de inspector se realizará:

a) Pola quenda de promoción interna, mediante concurso-oposición, entre o persoal do corpo que teña en propiedade a categoría de oficial do corpo e conte cun mínimo de tres anos de antigüidade nesa categoría e posúa a titulación académica de acceso á categoría.

b) Pola quenda de mobilidade, mediante concurso, entre o persoal doutros corpos da Policía Local da Comunidade Autónoma que teñan en propiedade a categoría de inspector en calquera concello de Galicia e conte cun mínimo de tres anos de antigüidade nesa categoría.

c) Pola quenda de promoción interna, mediante concurso-oposición, entre o persoal do corpo que teña en propiedade a categoría de policía ou de oficial do corpo e conte cun mínimo de seis anos de antigüidade como persoal funcionario de policía e posúa a titulación académica de acceso á categoría.

d) Mediante concurso-oposición, por persoal funcionario doutros corpos de Policía Local de Galicia coa categoría de oficial, en posesión da titulación académica de acceso e unha antigüidade de seis anos de servizo como persoal funcionario policía.

Polo tanto, as prazas convocadas pola quenda de promoción interna que non resulten cubertas por esa quenda acumularanse ás seguintes quendas do parágrafo anterior pola orde en que están redactadas (primeiro pola quenda da letra b), despois pola quenda da letra c) e por último pola quenda da letra d).

Do mesmo xeito, as prazas convocadas pola quenda de mobilidade que non resulten cubertas por esa quenda acumularanse ás seguintes quendas do parágrafo anterior pola orde en que están redactadas (primeiro pola quenda da letra c) e por último pola quenda da letra d).

Aspirantes aos corpos de Policía Local, escala executiva, categoría de inspector, quendas de promoción interna e mobilidade, subgrupo A2.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

Avda. da Cultura

36680  Estrada, A  (Pontevedra)

Teléfono: 886206127

Fax: 886206121

Email: seleccion.agasp@xunta.gal

https://agasp.xunta.gal/es

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

1. As persoas interesadas en participar neste proceso, polo sistema de promoción interna, deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario/a de carreira do corpo nun dos concellos que aparecen no anexo II na enumeración das prazas ofertadas.

b) Ter en propiedade a categoría de oficial do corpo nun dos concellos que aparecen no anexo II na enumeración das prazas ofertadas e estar en servizo activo na dita categoría.

c) Contar cun mínimo de tres anos continuados de servizo activo na categoría de oficial, computándose tamén neste caso o tempo de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación, así como os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas.

d) Estar en posesión do título universitario de grao.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

e) Non ter sido sancionado/a por falta grave ou moi grave, ou telas canceladas.

2. As persoas interesadas en participar neste proceso, na quenda de mobilidade, deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título universitario de grao.

b) Ter en propiedade a categoría de inspector/a noutros corpos da Policía Local da Comunidade Autónoma de Galicia e estar en servizo activo na dita categoría.

c) Contar cun mínimo de tres anos continuados de servizos na categoría de oficial, computándose tamén neste caso o tempo de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación, así como os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas.

3. As persoas interesadas en participar neste proceso na quenda de concurso-oposición recollido na letra c) da base 1.4 deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario/a de carreira do corpo nun dos concellos que aparecen no anexo II na enumeración das prazas ofertadas.

b) Ter en propiedade a categoría de oficial ou de policía do corpo nun dos concellos que aparecen no anexo II na enumeración das prazas ofertadas e estar en servizo activo na dita categoría.

c) Contar cun mínimo de seis anos continuados de servizo activo na categoría de oficial ou de policía, computándose tamén neste caso o tempo de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación, así como os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas.

d) Estar en posesión do título universitario de grao.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

e) Non ter sido sancionado/a por falta grave ou moi grave, ou telas canceladas.

4. As persoas interesadas en participar neste proceso na quenda de concurso-oposición recollido na letra d) da base 1.4 deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario/a de carreira do corpo de Policía Local dun concello galego.

b) Ter en propiedade a categoría de oficial no dito corpo e estar en servizo activo na dita categoría.

c) Contar cun mínimo de seis anos continuados de servizo activo na categoría de oficial, computándose tamén neste caso o tempo de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación, así como os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas.

d) Estar en posesión do título universitario de grao.

e) Non ter sido sancionado/a por falta grave ou moi grave, ou telas canceladas.

  • Inscrición nos procesos selectivos para a selección dos membros dos corpos da policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local derivada da cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos ( 30.03.04)

Pode realizar o pago destas taxas na Oficina Virtual Tributaria.

Forma de presentación.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que figura como anexo I a esta convocatoria.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Non se terá en conta a documentación que non quede debidamente acreditada dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Taxas.

1. Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso selectivo, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 33,13 euros e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A non presentación deste impreso de autoliquidación, no cal deberá figurar a data e selo da entidade bancaria co formulario de solicitude no proceso selectivo, determinará a exclusión no dito proceso da persoa aspirante, e non será posible a súa emenda fóra do prazo de solicitudes.

Poderase tamén realizar o pagamento pola internet nas entidades financeiras autorizadas. Para isto, deberán acceder á oficina tributaria, a través da web da Axencia Tributaria de Galicia (www.atriga.gal). Neste suposto, unha vez efectuado o pagamento, imprimirase o xustificante de ter aboado a taxa (modelo 730) que será o que se presente coa solicitude.

Tanto no caso do pagamento presencial como no do pagamento pola internet, os códigos que se deben encher son os seguintes:

Consellería: Presidencia, Xustiza e Turismo Código 04

Delegación: Pontevedra Código 40

Servizo: Academia Galega de Seguridade Pública Código 19

Taxa: denominación: inscrición nos procesos selectivos para a selección de persoal dos corpos de Policía Local de Galicia Código 30.03.04

En ambos os supostos, a presentación do xustificante do aboamento das taxas non suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso selectivo.

2. Exención e bonificación no abono da taxa.

2.1. Estarán exentos do pagamento desta taxa por dereito de inscrición:

As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

2.2. Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa:

a) Ás persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a seguinte documentación ou autorizando á Administración a comprobala:

– Copia do título oficial de familia numerosa, de carácter xeral ou especial, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas en participar neste proceso, deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificante do pagamento da taxa administrativa devindicada pola tramitación da solicitude (código 30.03.04).

b) Título de familia numerosa, no suposto de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

c) Relación dos méritos que se acrediten, por cada unha das epígrafes de que consta o concurso, segundo o especificado no anexo III.

d) Copias da documentación acreditativa dos méritos alegados. A documentación acreditativa dos méritos deberá presentarse na orde que figura cada un dos méritos na relación de méritos.

e) Certificado acreditativo de ter en propiedade a categoría correspondente requirida no punto 2 da convocatoria nos corpos da Policía Local da Comunidade Autónoma de Galicia, de estar en servizo activo e contar cunha antigüidade mínima de tres ou seis anos, segundo o caso nesa categoría.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais universitarios.

d) Títulos oficiais non universitarios.

e) Título de familia numerosa, no suposto de ser expedido pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 85 do 3 de maio de 2007).

    • Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 211 do 30 de outubro de 2008).

    • Decreto 77/2010, do 29 de abril, polo que se modifica o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 89 do 12 de maio de 2010).

    • Corrección de erros.-Decreto 77/2010, do 29 de abril, polo que se modifica o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 98 do 26 de maio de 2010).

    • Decreto 60/2010, do 8 de abril, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, en materia de uniformidade, acreditación e medios técnicos (DOG nº 75 do 22 de abril de 2010)

    • Lei 9/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 131 do 12 de xullo de 2016)

    • Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (DOG nº 222 do 22 de novembro de 2017).

    • Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada (DOG nº 22 do 2 de febreiro de 2009).

    • Corrección de erros.-Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada (DOG nº 31 do 13 de febreiro de 2009)

    • Orde do 24 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo para o acceso aos corpos da Policía Local de Galicia, escala executiva, categoría de inspector, quendas de acceso por promoción interna e por mobilidade (DOG nº 35 do 21 de febrero de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR461C

Inscrición no proceso de acceso por promoción interna, categoría de oficial de Policia Local.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 11/11/2025 00:00 - 05/01/2026 23:59

PR461H

Inscrición no proceso de provisión por mobilidade, categoría de oficial de Policía local.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 11/11/2025 00:00 - 05/01/2026 23:59

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR467A

Medallas ao mérito de Protección Civil de Galicia e outras condecoracións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano