Guía de procedementos e servizos

ED516B

Axudas para centros privados concertados no ámbito das bibliotecas escolares e fomento da lectura

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 02/09/2022 00:00 - 03/10/2022 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento (ED516B) para tramitar as seguintes liñas de axudas dirixidas a centros docentes privados concertados para o curso 2022/23:

1. Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados (continuación das axudas á actualización das bibliotecas escolares iniciadas en 2016), por un importe global de 132.000 €.

E, así mesmo, a continuación das axudas para:

2. Clubs de lectura-concertados (vinculados á biblioteca escolar, para realizar fóra das aulas, é dicir, do tempo das materias) e destinados a alumnado de ensino primario e secundario obrigatorio, por un importe global de 48.000 €.

3. Radio na biblio-concertados (laboratorio de radio, vinculado á biblioteca escolar en centros xa integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares durante o curso 2021/22), por un importe global de 10.200 €.

4. Biblioteca inclusiva-concertados (melloras para a accesibilidade concretadas no mobiliario, equipamento e colección das bibliotecas escolares de centros específicos de educación especial e de centros que teñan unidades de educación especial ou melloras na colección dos centros que impartan ensinanzas de educación infantil, educación primaria ou educación secundaria obrigatoria, sen unidades de educación especial), por un importe global de 188.250 €.

5. Lectura e familias-concertados (vinculado á biblioteca escolar en centros xa integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares durante o curso 2021/22), para o desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades das biblioteca escolar, por un importe global de 12.450 €.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa

Servizo de Innovación e Programas Educativos

San Caetano, s/n bloque, 2º

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546547

Email: bibliotecasescolares@edu.xunta.gal

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

02/09/2022 00:00 - 03/10/2022 23:59

O prazo límite de presentación de instancias será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Enténdese por último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes

En termos xerais os centros solicitantes son os centros privados concertados. Dependendo das liñas de axuda os requisitos específicos aparecen regulados nos artigos 17, 20.2, 26 e 29.

1. As solicitudes (anexo I) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A solicitude deberá indicar a modalidade ou modalidades de axuda e, no caso da axuda para o Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados, se se trata de nova incorporación ou de continuidade no plan; ademais, deberá estar asinada pola persoa representante do centro e incluír unha declaración de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo caso, a súa presentación implicará que a persoa solicitante acepta as bases da convocatoria e que son certos os datos indicados nela e na documentación achegada.

Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados:

1.1. Centros que se incorporen por primeira vez:

a) Análise da situación da biblioteca do centro (anexo II).

b) Memoria de actividades realizadas no período 2020-2022 (anexo III).

c) Programa de biblioteca escolar para o curso 2022/23 (anexo IV).

d) Relación do profesorado responsable da biblioteca escolar e integrante do equipo de apoio no curso 2022/23 (anexo V).

e) Certificado da persoa titular da dirección coa data de presentación no claustro do programa de biblioteca para a súa aprobación (anexo VI).

f) Certificado da persoa titular da dirección coa data de presentación no consello escolar do programa de biblioteca para a súa inclusión na programación xeral anual (anexo VII).

g) Certificados acreditativos das actividades de formación do profesorado responsable de poñer en marcha o programa de biblioteca escolar.

1.2. Centros incorporados nas convocatorias de 2016, 2017, 2018, 2019, 2020 ou 2021 que solicitan a continuidade:

a) Liñas prioritarias de actuación da biblioteca escolar para o curso 2022/23 (anexo VIII).

1.3. Aqueles centros que soliciten a incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares na presente convocatoria, pero que xa formasen parte do programa e causasen baixa anteriormente por diferentes razóns, poderán ser seleccionados sempre que acaden a valoración suficiente e sempre que transcorrese un mínimo de catro anos desde a data de baixa. Neste suposto, poderán percibir como máximo 4.000 €.

2. Club de lectura-concertados:

a) Certificado da persoa titular da dirección coa data de presentación no consello escolar do proxecto club de lectura para a súa inclusión na programación xeral anual (anexo IX).

b) Descrición do proxecto Club de lectura (anexo X).

3. Radio na biblio-concertados:

a) Certificado da persoa titular da dirección conforme a emisora de radio e as súas actividades estarán vinculadas á biblioteca escolar (anexo XI).

4. Biblioteca inclusiva-concertados:

a) Memoria das actividades da biblioteca escolar no curso 2021/22 (anexo XII).

b) Descrición das necesidades concretas para avanzar como biblioteca inclusiva (anexo XIII).

5. Lectura e familias-concertados:

a) Certificado da persoa titular da dirección coa data de presentación no consello escolar do proxecto de Lectura e familias para a súa inclusión na programación xeral anual (anexo XIV).

b) Descrición do proxecto Lectura e familias (anexo XV).

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos formularios de solicitude (anexo I) e de xustificación do gasto (anexo XVI) e achegar os documentos.

2. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta:

a) NIF do centro solicitante.

b) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos datos citados poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deben realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 14 de xullo de 2022 pola que se convocan axudas para centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2022/23 (DOG nº 166 do 1 de setembro de 2022).

    • Extracto da Orde do 14 de xullo de 2022 pola que se convocan axudas para centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2022/23 (DOG nº 166 do 1 de setembro de 2022).

    • Orde do 22 de decembro de 2022 pola que se resolve a convocatoria de axudas para centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2022/23.(DOG nº 4 do 5 de xaneiro de 2023).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED301A

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301B

Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301C

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301D

Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano