Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SI461B
Subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Política Social e Igualdade
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2021, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de doce (12) mensualidades para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.
Por medio desta convocatoria as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).
2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
1. Poderán ser entidades beneficiarias da subvención prevista nesta resolución:
a) As entidades sen ánimo de lucro.
b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o disposto na disposición adicional cuarta da Lei 14/2011, do 16 de decembro, pola que se modifica a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
Obrigas das entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular as seguintes:
1. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.
2. Realizar a actuación que fundamenta a concesión da subvención e acreditalo perante o órgano concedente, dentro do período e dos prazos establecidos, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nesta resolución e na de concesión.
3. Manter a duración temporal de cada contratación establecida na resolución de concesión.
4. Aboarlles ás persoas contratadas, con carácter mensual e mediante transferencia bancaria, os salarios que lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais de Seguridade Social totais, de ser o caso.
5. No caso de nóminas, que comportan ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación, se a entidade quedase obrigada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao do remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.
6. Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
7. Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada, e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.
8. Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade, nun prazo de cinco (5) días, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.
9. Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.
10. Reintegrar, total ou parcialmente, a subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos nesta resolución e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
11. Utilizar os documentos de información da subvención ás traballadoras, no modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.
12. Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
13. Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, en virtude da mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, poida realizar o persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade.
14. Para os efectos de realizar un seguimento adecuado da execución dos proxectos por parte da Secretaría Xeral da Igualdade, a entidade beneficiaria deberase someter ao cumprimento do disposto no artigo seguinte.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Promoción da Igualdade
San Lázaro
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981 95 72 68 e 981 54 53 61
Email: vx.igualdade@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
06/08/2021 00:00 - 06/09/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
- Para seren beneficiarias, as entidades sen ánimo de lucro e as cooperativas sen ánimo de lucro deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Carecer de ánimo de lucro.
b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
c) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.
- Todos os requisitos exixidos se deberán cumprir na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e se deberán manter durante todo o período de execución dos programas subvencionados.
- Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as empresas privadas, as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
- As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade con artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderase utilizar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:
1. Acreditación da persoa que asina a solicitude, en nome e representación da entidade mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta onde se determine a dita representación.
2. Anexo II: certificación do/da representante da entidade en que consten os seguintes aspectos:
a) A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.
b) A disposición de orzamento para financiar a acción obxecto da subvención solicitada, na parte non subvencionable, de ser o caso.
c) As retribucións salariais brutas totais das traballadoras que se van contratar, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas da Seguridade Social por conta da entidade por todos os conceptos, que se lle/s abonarán á/s traballadora/s que se van contratar, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común da administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Tributaria de Galicia.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tibutarias á AEAT.
f) Certificado de estar inscrita/s no Servizo Público de Emprego de Galicia da/das candidata/s propostas para a súa contratación.
g) A condición de vítima de violencia de xénero.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario correspondente, e achegar os ditos documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 22 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 149 do 5 de agosto de 2021).
-
Extracto da Resolución do 22 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 149 do 5 de agosto de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Indemnizacións para vítimas de violencia de xénero.
Prazo aberto: 23/01/2025 00:00 - 01/12/2025 23:59
Programa EMEGA
Prazo pechado: 28/08/2024 00:00 - 27/09/2024 23:59
Subvencións mobilidade xeográfica mulleres vítimas de violencia de xénero.
Prazo pechado: 26/10/2024 00:00 - 02/12/2024 23:59
Subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas.
Prazo pechado: 21/01/2025 00:00 - 20/02/2025 23:59