Guía de procedementos e servizos

PR852A

Axudas económicas destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 27/03/2021 00:00 - 26/04/2021 23:59

Presidencia da Xunta de Galicia

Sobre o procedemento

1. As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto establecer subvencións ás empresas xornalísticas que, estando debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten, realicen a súa actividade informativa orientada a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a defensa da súa cultura.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Tipos de axuda, actuacións e gastos subvencionables.

1. As axudas destinadas a empresas xornalísticas desagréganse en tres tipos de axudas:

a) Axudas a xornais impresos en formato papel.

Poderanse conceder estas axudas ás empresas xornalísticas que, cumprindo o resto dos requisitos establecidos nesta resolución, editen, publiquen e distribúan xornais impresos en formato papel co mesmo título e numeración sucesiva.

Quedan excluídos da concesión desta axuda as publicacións de distribución gratuíta.

En todo caso, deberán estar incluídas no informe do Estudo xeral de medios elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) ou no informe da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), sempre referido ao ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

b) Axudas a empresas radiofónicas privadas.

Poderanse conceder estas axudas ás empresas radiofónicas privadas que prestan servizos de comunicación audiovisual radiofónica para a audición simultánea de programas e contidos sobre a base dun horario de programación, a través da correspondente frecuencia no territorio da Comunidade Autónoma.

Quedan excluídas da concesión desta axuda aquelas empresas radiofónicas que non sexan titulares ou arrendatarias da correspondente licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual mediante ondas hertzianas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso deberán estar incluídas no informe do Estudo xeral de medios elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC), sempre referido ao ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

c) Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet.

Poderanse conceder estas axudas ás empresas xornalísticas que transmitan e difundan información diaria e periódica a través da internet.

En calquera caso, quedan excluídas da concesión desta axuda aquelas empresas de radiodifusión privadas que emitan exclusivamente a través da internet.

2. Consideracións xerais sobre os gastos subvencionables.

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considéranse gastos subvencionables os gastos de produción e/ou distribución das publicacións e radios que reúnan as condicións establecidas no punto 1, correspondentes ao ano natural anterior ao desta convocatoria, e que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada.

Estes gastos deberán estar pagos antes do 31 de maio do ano da convocatoria.

Non teñen a consideración de gasto subvencionable os gastos de amortización de bens inventariables ou os gastos de auditoría.

Os custos indirectos que sexan gasto subvencionable formarán parte da xustificación da subvención e deberán ser imputados pola persoa beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas xerais de contabilidade e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar individualmente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos o custo da actividade subvencionada.

Empresas xornalísticas que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións.

Obrigas das entidades beneficiarias.

As empresas beneficiarias das axudas quedan obrigadas:

a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano competente en materia de medios, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o cal presentarán canta información lles sexa requirida.

c) A dar unha axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución das actividades que se subvencionan.

d) Se é o caso, a acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes da correspondente proposta de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. En caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase ao solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente o correspondente certificado.

e) A non estar incursas en ningunha das circunstancias ou causas de prohibición para a obtención de axudas, previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia nin en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) A comunicar ao órgano competente en materia de medios no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as publicacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da axuda.

g) A cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

h) A xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

i) A dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o idóneo exercicio das facultades de comprobación e control.

j) A conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Secretaría Xeral de Medios

Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación de Medios

Servizo de Contratación

Edificio Administrativo San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541291/ 981541209

Fax: 981541289

Email: axudas.medios@xunta.es.

Secretaría Xeral de Medios
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

27/03/2021 00:00 - 26/04/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. De acordo co establecido no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, as entidades beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións que cumpran co obxecto destas axudas e co resto dos requisitos establecidos nesta resolución.

2. As empresas beneficiarias deben acreditar un cadro medio de traballadores en alta de polo menos cinco traballadores e elaborar e difundir toda ou parte da súa produción informativa de forma específica no territorio da Comunidade Autónoma no ano natural anterior ao da convocatoria.

3. Quedan excluídos da concesión de axudas:

a) Os boletíns interiores de institucións, as publicacións de partidos políticos, asociacións relixiosas ou entidades públicas.

b) As empresas que emitan a través do sinal de televisión.

c) As que ao longo do ano anterior ao da convocatoria incluísen publicidade que non se ateña ao disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en materia de toponimia.

d) As emisoras radiofónicas cun modelo de programación secuencial e repetitivo cuxas emisións se baseen en contidos musicais.

e) As entidades sen personalidade xurídica e/ou sen ánimo de lucro.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas tributarias co Estado emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma emitido pola Axencia Tributaria de Galicia.

f) Certificado acreditativo de estar dado de alta no imposto sobre actividades económicas (IAE).

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Documentación complementaria.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

1. Documentación común.

a) Documentación fidedigna acreditativa da representación.

b) Certificación actualizada ata o ano da convocatoria da inscrición no Rexistro Mercantil na cal conste o obxecto social da persoa xurídica solicitante.

c) Informe da Tesouraría Xeral da Seguridade Social do cadro medio de traballadores en situación de alta durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

2. Documentación específica para cada tipo de axuda.

a) Axudas a xornais impresos en formato papel.

1º. Memoria descritiva das actividades durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria na cal se fagan constar os números publicados, o número de exemplares difundidos da publicación de que se trate e o número de traballos ou artigos escritos en lingua galega (anexo III). Realizarase unha análise exhaustiva das actividades desde un punto de vista non económico na cal quede reflectido o cumprimento do obxecto da subvención, defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a defensa da súa cultura.

2º. Certificación expedida pola Oficina de Xustificación da Difusión (OXD) para os efectos de xustificar a difusión declarada na letra anterior. Na súa falta, calquera outra documentación que o acredite.

b) Axudas a empresas radiofónicas privadas.

1º. Memoria descritiva das actividades durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria en que se faga constar a programación, especificando que parte se realiza en lingua galega, e unha relación das emisoras, coas súas frecuencias, para as cales se solicita a subvención (anexo III). Realizarase unha análise exhaustiva das actividades desde un punto de vista non económico en que quede reflectido o cumprimento do obxecto da subvención, a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, normalización da lingua e a defensa da súa cultura.

2º. Informe do Estudo xeral de medios para acreditar a audiencia acumulada de cada emisora relacionada na letra anterior, no ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

c) Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet.

1º. Memoria descritiva das actividades durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria en que se fagan constar os números publicados, o número de visitas efectuadas e o número de traballos ou artigos escritos en lingua galega (anexo III). Realizarase unha análise exhaustiva das actividades desde un punto de vista non económico en que quede reflectido o cumprimento do obxecto da subvención, defensa da identidade de Galicia, promoción dos seus valores, normalización da lingua e defensa da súa cultura.

2º. Certificacións expedidas por unha entidade de control da difusión, para os efectos de xustificar o número de visitas efectuadas, declarada na letra anterior. Na súa falta, calquera outra documentación que o acredite.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude presentada non reúne algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

8. A solicitude de axuda (anexo II) inclúe para cada publicación ou radio unha declaración responsable da porcentaxe de emprego da lingua galega e da porcentaxe dedicada á normalización da lingua, á defensa da identidade de Galicia, á promoción dos seus valores e á defensa da súa cultura.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 15 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas en réxime de concorrencia non competitiva destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 58 do 26 de marzo de 2021).

    • Extracto da Resolución do 15 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas en réxime de concorrencia non competitiva destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 58 do 26 de marzo de 2021).

    • Resolución do 15 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se publican as axudas concedidas a empresas xornalísticas e de radiodifusión. (DOG nº 251 do 31 de decembro de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

CT215B

Subvencións a festivais do sector audiovisual.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 23/12/2025 00:00 - 22/01/2026 23:59

CT238A

Axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 12/03/2025 00:00 - 11/04/2025 23:59

PR525A

Solicitude de certificación galega de competencias dixitais en ofimática

Tramitar en liña

Pechado

PR608A

Subvencións para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados

Tramitar en liña

Prazo pechado: 10/02/2021 00:00 - 23/03/2021 23:59