Guía de procedementos e servizos

PR526A

Inscrición no rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 11/11/2021 00:00 - 16/05/2023 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

a) A formación que debe reunir o persoal que exerza as funcións de prevención e socorrismo tanto nos espazos acuáticos naturais como nas instalacións acuáticas, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia (código de procedemento PR526A).

b) A formación que debe reunir o persoal auxiliar de información e primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia (código de procedemento PR526A).

1. Este decreto será de aplicación ao seguinte persoal:

a) Persoal que exerza as funcións de prevención e socorrismo en instalacións acuáticas e/ou espazos acuáticos naturais de Galicia que, segundo a normativa vixente, teña a obrigación de ter un/unha ou máis socorristas con titulación suficiente en materia de socorrismo acuático.

b) Persoal auxiliar de información e primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais.

2. Para os efectos deste decreto, entenderase por:

a) Instalacións acuáticas: as piscinas convencionais de uso público ou privado, os parques acuáticos, os balnearios e as instalacións análogas dedicadas á actividade acuática, independentemente de que sexan xestionadas por concellos, empresas de servizos deportivos, empresas de turismo, comunidades de veciños ou análogos.

b) Espazos acuáticos naturais: as praias marítimas e fluviais, os ríos, os lagos e os encoros, independentemente de que sexan xestionados por concellos, empresas de servizos deportivos, empresas de turismo, portos deportivos, clubs e federacións con actividade no medio acuático ou análogos.

c) Persoal de socorrismo acuático: son as persoas encargadas de realizar funcións de vixilancia, rescate e primeiros auxilios nos espazos acuáticos naturais ou nas instalacións acuáticas.

d) Persoal auxiliar de información e primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais: son as persoas con funcións auxiliares de información, primeiros auxilios e apoio do persoal de socorrismo acuático.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

Avda. da Cultura, s/n - 36680 A Estrada - Pontevedra

Teléfono: 886206137

Fax: 886206123

Email: agasp@xunta.es

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

11/11/2021 00:00 - 16/05/2023 23:59

O día seguinte ao da publicación da Orde no Diario Oficial de Galicia.

Segundo o DECRETO 152/2021, do 21 de outubro, polo que se regulan as condicións para o exercicio profesional das actividades de socorrismo acuático, información e primeiros auxilios nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas na Comunidade Autónoma de Galicia:

Disposición transitoria única

Prorrógase ata o 30 de abril de 2022 a inscrición provisional do persoal socorrista regulada na disposición transitoria primeira do Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e se regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e se regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, coa excepción da súa disposición transitoria primeira, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Sección 1ª. Persoal socorrista

Requisitos profesionais:

Para o exercicio profesional do socorrismo acuático na Comunidade Autónoma de Galicia será necesario que o/a profesional solicite a inscrición no correspondente Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia e achegue a documentación acreditativa da posesión da formación mínima (a formación mínima se especifica no artigo 4).

Sección 2ª. Persoal auxiliar de información e primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais

Para o exercicio profesional do persoal auxiliar de información e primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais será necesario que o/a profesional solicite a inscrición na correspondente sección do Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia, e que presente a documentación acreditativa de que reúne os seguintes requisitos:

a) Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que lle son propias.

b) Deberá estar en posesión do título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria.

c) Ter a formación mínima que se especifica no artigo 7.

Solicitude de inscrición no rexistro

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura no anexo V do presente decreto dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (código do procedemento PR526A).

2. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de inscrición a seguinte documentación:

a) Dúas fotos tamaño carné.

b) Documentación acreditativa dos requisitos para o exercicio da actividade profesional de socorrismo ou dos requisitos para a realización das funcións auxiliares de información e primeiros auxilios.

c) Documentación xustificativa do pagamento das taxas correspondentes (taxa 300200).

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

3. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI o NIE da persoa solicitante.

– Título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

3 meses

Sentido do silencio:

Positivo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia (DOG nº 67 do 9 de abril de 2012).

    • Deceto 63/2021, do 22 de abril, polo que se modifica o Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia (DOG nº 76 do 23 de abril de 2021).

    • Decreto 152/2021, do 21 de outubro, polo que se regulan as condicións para o exercicio profesional das actividades de socorrismo acuático, información e primeiros auxilios nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas na Comunidade Autónoma de Galicia. (DOG nº 216 do 10 de novembro de 2021).

    • Resolución do 4 de febreiro de 2022 pola que se convocan cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, válidos para a renovación da inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia (DOG nº 25 do 7 de febreiro de 2022).

    • Resolución do 4 de febreiro de 2022 pola que se convocan cursos de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas (CAFDO-IA) e en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), para licenciados/as ou graduados/as en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e técnicos/as superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas, co obxectivo de acadar a formación mínima que deben reunir os/as socorristas acuáticos/as para o seu exercicio profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia (DOG nº 25 do 7 de febreiro de 2022).

    • Resolución do 3 de marzo de 2022 pola que se convocan cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, válidos para a renovación da inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia (DOG nº 50 do 14 de marzo de 2022).

    • Resolución do 3 de marzo de 2022 pola que se convocan cursos de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), para licenciados ou graduados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas, co obxectivo de acadar a formación mínima que deben reunir os/as socorristas acuáticos/as para o seu exercicio profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicicia (DOG nº 50 do 14 de marzo de 2022).

    • Resolución do 19 de abril de 2022 pola que se convocan cursos do módulo de Primeiros auxilios e actuación inicial en emerxencias en espazos acuáticos naturais, incluído no Curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN-4), co obxectivo de acadar a formación mínima que debe reunir o persoal auxiliar de información e primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia (DOG nº 81 do 28 de abril de 2022).

    • Resolución do 10 de marzo de 2023 pola que se convocan cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, válidos para a renovación da inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia (DOG nº 51 do 14 de marzo de 2023).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN628A

Rexistro/modificación de instalacións de almacenamento de produtos químicos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR467A

Medallas ao mérito de Protección Civil de Galicia e outras condecoracións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR468A

Rexistro de Protección Civil: sección de persoal colaborador.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR469C

Rexistro de Protección Civil: sección de persoal voluntario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano