Guía de procedementos e servizos

PR461C

Inscrición proceso selectivo unitario oficial de Policia Local.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 09/07/2021 00:00 - 05/08/2021 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Sobre o procedemento

1. O obxecto do proceso selectivo é cubrir 12 prazas dos corpos de Policía Local, categoría de oficial, escala básica.

2. O número, denominación e características das prazas que se convoca a este proceso selectivo especificase no anexo II desta orde.

3. O presente proceso selectivo rexerase polo establecido nestas bases e para o non previsto observarase o disposto na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, no Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que a desenvolve, na Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, e no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de Policía Local, vixilantes municipais e auxiliares de Policía Local.

O código do procedemento regulado nesta orde é PR461C.

Funcionarias e funcionarios de carreira aspirantes á categoría de oficial dos corpos de Policía Local.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra

36680  Estrada, A  (Pontevedra)

Teléfono: 886206110

Email: formacion.agasp@xunta.gal

http://agasp.xunta.gal

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

09/07/2021 00:00 - 05/08/2021 23:59

Segundo a Resolución do 29 de xuño de 2021, da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo (BOE nº 162 do 8 de xullo de 2021), o prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles a contar dende o día seguinte ao da publicación desta Resolución no Boletín Oficial do Estado.

Non se terá en conta a documentación que non quede debidamente acreditada dentro do prazo de presentación de solicitudes.

1. As persoas interesadas en participar neste proceso, na quenda de promoción interna, deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario/a de carreira do corpo cun mínimo de tres anos continuados de servizo activo na categoría de policía; tamén se computará neste caso o tempo de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación, nun dos concellos que aparecen no anexo II na enumeración das prazas ofertadas.

b) Estar en posesión do título de bacharel ou técnico. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

c) Non ter sido sancionado/a por falta grave ou moi grave, ou telas canceladas.

2. As persoas interesadas en participar neste proceso, na quenda de mobilidade, deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título de bacharel ou técnico. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) Ter en propiedade a categoría de oficial noutros corpos da Policía Local da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Contar cunha antigüidade mínima de 3 anos nesa categoría.

  • Inscrición nos procesos selectivos para a selección dos membros dos corpos da policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local derivada da cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos ( 30.03.04)

Pode realizar o pago destas taxas na Oficina Virtual Tributaria.

1. Forma de presentación.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que figura como anexo I a esta convocatoria.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Taxas.

2.1. Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso selectivo deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 32,48 euros e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A non presentación deste impreso de autoliquidación, no cal deberán figurar a data e o selo da entidade bancaria, co formulario de solicitude no proceso selectivo determinará a exclusión no dito proceso da persoa aspirante, e non será posible a súa emenda fóra do prazo de solicitudes.

Poderase tamén realizar o pagamento pola internet nas entidades financeiras autorizadas. Para isto, deberán acceder á oficina tributaria, a través da web da Axencia Tributaria de Galicia (www.atriga.gal). Neste suposto, unha vez efectuado o pagamento, imprimirase o xustificante de ter aboado a taxa (modelo 730), que será o que se presente coa solicitude.

Tanto no caso do pagamento presencial como no do pagamento pola internet, os códigos que se deben consignar son os seguintes:

Consellería: Presidencia, Xustiza e Turismo Código 04

Delegación: Pontevedra Código 40

Servizo: Academia Galega de Seguridade Pública Código 19

Taxa: Denominación: inscrición nos procesos selectivos para a selección de persoal dos corpos de Policía Local de Galicia Código 30.03.04

En ambos os supostos, a presentación do xustificante do aboamento das taxas non suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso selectivo.

2.2. Exención e bonificación no aboamento da taxa.

2.2.1. Estarán exentas do pagamento desta taxa por dereito de inscrición.

As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

2.2.2. Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa:

a) Ás persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a seguinte documentación ou autorizando a Administración para comprobala:

– Copia do título oficial de familia numerosa, de carácter común ou especial, sempre que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

2.3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

2.3.1. As persoas interesadas en participar neste proceso deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificante do pagamento da taxa administrativa devindicada pola tramitación da solicitude (código 30.03.04).

b) Título de familia numerosa, no suposto de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

c) Relación dos méritos que se acrediten, por cada unha das epígrafes de que consta o concurso, segundo o especificado no anexo III.

d) Copias da documentación acreditativa dos méritos alegados.

e) Certificado acreditativo de ter en propiedade a categoría de oficial nos corpos da Policía Local da Comunidade Autónoma de Galicia e contar cunha antigüidade mínima de tres anos nesa categoría (só no suposto de participar na quenda de mobilidade).

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2.3.2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

2.3.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

2.3.4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximo establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Comprobación de datos.

3.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Título oficial non universitario exixido (bacharelato, técnico ou equivalente).

d) Títulos oficiais universitarios.

e) Titulo de familia numerosa, no suposto de ser expedido pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 85 do 3 de maio de 2007).

    • Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 211 do 30 de outubro de 2008).

    • Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada (DOG nº 22 do 2 de febreiro de 2009).

    • Corrección de erros.-Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada (DOG nº 31 do 13 de febreiro de 2009)

    • Decreto 60/2010, do 8 de abril, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, en materia de uniformidade, acreditación e medios técnicos (DOG nº 75 do 22 de abril de 2010)

    • Decreto 77/2010, do 29 de abril, polo que se modifica o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 89 do 12 de maio de 2010).

    • Corrección de erros.-Decreto 77/2010, do 29 de abril, polo que se modifica o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 98 do 26 de maio de 2010).

    • Lei 9/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 131 do 12 de xullo de 2016)

    • Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (DOG nº 222 do 22 de novembro de 2017).

    • Orde do 23 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca proceso selectivo unitario para o acceso aos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de oficial, quendas de acceso por promoción interna e por mobilidade (DOG nº 126 do 5 de xullo de 2021).

    • Resolución do 17 de agosto de 2021 pola que se aproban e se fan públicas as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo unitario para o acceso aos corpos de Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de oficial, quendas de acceso por promoción interna e por mobilidade, convocado pola Orde do 23 de xuño de 2021. (DOG nº 158 do 18 de agosto de 2021).

    • Resolución do 10 de setembro de 2021 pola que se nomea o tribunal que deberá cualificar o proceso selectivo unitario para o acceso a corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de oficial, quendas de acceso por promoción interna e por mobilidade (DOG nº 180 do 17 de setembro de 2021).

    • Resolución do 17 de setembro de 2021 pola que se aproban e se fan públicas as relacións definitivas de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo unitario para o acceso aos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de oficial, quendas de acceso por promoción interna e por mobilidade (código de procedemento PR461C), e se anuncian o lugar, a data e a hora do primeiro exercicio do proceso selectivo (DOG nº 183 do 22 de setembro de 2021).

  • Ámbito Estatal
    • Resolución do 29 de xuño de 2021, da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo, referente á convocatoria de prazas da Escala Básica, categoría de Oficial, de Policía Local de distintos Concellos (BOE nº 162 do 8 de xullo de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR461H

Inscrición no proceso de provisión por mobilidade, categoría de oficial de Policía local.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 11/11/2025 00:00 - 05/01/2026 23:59

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR467A

Medallas ao mérito de Protección Civil de Galicia e outras condecoracións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR468A

Rexistro de Protección Civil: sección de persoal colaborador.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano