Guía de procedementos e servizos

MR321B

Subvencións para equipamento informático das organizacións profesionais agrarias e das asociacións agrarias.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 14/10/2021 00:00 - 15/11/2021 23:59

Consellería do Medio Rural

Sobre o procedemento

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para conceder axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición e mantemento dos bens informáticos e os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades, e convocalas para o exercicio orzamentario 2021 (código de procedemento MR321B).

A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é a actualización informática das organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias.

Actividades subvencionables.

1. As axudas destinaranse a financiar a adquisición de hardware e software informático, tal como:

a) Equipamento do posto de traballo fixo.

b) Equipamento para postos de traballo móbil.

c) Equipamentos de impresión e dixitalización de documentos.

d) Equipamentos e instalación de redes.

e) Equipamentos de captura de imaxes, vídeos, así como dispositivos de proxección.

f) Software e dispositivos de seguridade.

Estes bens de equipamento deberán destinarse, polo menos, durante dous anos ao fin concreto para o que se concedeu a subvención.

2. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O IVE será subvencionable se concorren as circunstancias previstas no artigo 29.9 da dita lei.

3. Serán subvencionables os gastos efectuados con posterioridade á presentación da solicitude da axuda, tendo en conta que a simple presentación da solicitude en modo ningún garantirá a súa aprobación.

Poderán ser beneficiarias das axudas que se regulan nesta orde as seguintes entidades:

1. As organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas en Galicia que concorreron ás eleccións ás cámaras agrarias que tiveron lugar o 26 de maio de 2002 segundo o recollido na disposición transitoria única da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

2. As asociacións agrarias, con ámbito de actuación provincial ou autonómico, legalmente constituídas, de acordo coa Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, con código de actividade 811 Agricultura, gandaría, silvicultura, caza, pesca, consonte o Real decreto 949/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias

Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546396

Email: sxaexplotacions.mediorural@xunta.gal

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

14/10/2021 00:00 - 15/11/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As asociacións agrarias deberán cumprir, polo menos, dúas das seguintes condicións:

a) Ter representación da parte produtora e non asociada a cooperativas nas eleccións para renovar os órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario, convocadas pola Orde do 3 de abril de 2017 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario.

b) Estar inscrita no Rexistro de entidades con servizos de asesoramento ou xestión de Galicia.

c) Ser unha entidade colaboradora da política agrícola común (PAC) e ter tramitado polo menos o 1 % das solicitudes únicas da PAC 2020.

d) Ser unha entidade colaboradora da Consellería do Medio Rural para prestar servizos de formación agroforestal durante o ano 2020.

Solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co disposto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se for o caso).

b) Estatutos de constitución da entidade.

c) Memoria xustificativa da necesidade dos investimentos.

d) Orzamentos dos investimentos. Cando o importe do gasto subvencionable supere os 15.000 euros en adquisición de equipamentos ou os 40.000 euros en obras de instalación, o solicitante deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presener de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de xeito presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

e) Concesión de subvencións e axudas.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 30 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a adquisición e mantemento dos bens informáticos e os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 197 do 13 de outubro de 2021).

    • Extracto da Orde do 30 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a adquisición e mantemento dos bens informáticos e os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 197 do 13 de outubro de 2021).

    • Resolución do 3 de decembro de 2021 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 30 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a adquisición e o mantemento dos bens informáticos e dos medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 4 do 7 de xaneiro de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR324A

Rexistro de sociedades agrarias de transformación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR347A

Incrición no rexistro de entidades con servizos de aconsellamento ou xestión de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR348A

Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR505A

Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano